28/4/09

Respostas as típicas preguntas sobre o noso idioma

En Galiza fálanse varias linguas…Cantas linguas propias temos?

Unha, o galego. O español na Galiza é só unha lingua con estatus de estranxeira e imposta. A lingua propia da Galiza é o galego, a forma romance propia que resultou da evolución, conxunción e cristalización das linguas faladas na nosa Terra antes da colonización romana e a interacción do latín con elas. O galego ao lado doutras linguas romance como o español, o catalán, o francés … conta cos seus primeiros textos escritos oficialmente desde a Idade Media e desde entón conta tamén coa súa produción literaria propia. Só a intervención de axentes estranxeiros impedirom e continúan impedindo hoxe que o galego se desenvolvese con normalidade dentro do marco que lle é propio. O español foi traído a Galicia polas elites dominantes e gobernantes que, para alén de negar a nosa identidade, roubaron a nosa lingua. Na Galiza a lingua propia e natural é o galego. O español non é unha lingua propia da Galiza. É unha lingua imposta: pola forza das armas, dos medios de comunicación, da política, da economía…

Que é unha lingua oficial?

Despois da caída do réxime franquista, o Estado español decide artellar unha nova organización política e administrativa. Con esta nova organización, a das autonomías, a intención continuaba sendo a mesma: a unidade de España era ( e é) indiscutíbel. Para atallar as aspiracións dos nacionalismos existentes no seo das nacións non españolas unidas ao Estado pola forza o aparello político español inventa o estado das autonomías. Unha peza angular das autonomías, que iguala nacións sen estado como a nosa co resto de comunidades, foi o sometemento da lingua. Baixo a aparencia de igualdade dos estatutos de autonomía e da constituición emanan leis que falan de linguas cooficiais. Nun territorio cuxa lingua propia non é o español imponse pola lei con aparencia de democracia o español. O galego e o español son a día de hoxe as dúas linguas oficiais da Galiza, isto é, as linguas que recoñece o estado español como oficiais.

E o bilingüismo?

Para os teóricos parece existir un acordo en que bilingüe é toda aquela persoa que é capaz de desenvolverse e ter un control sobre máis de unha lingua. Nada ten de estraño nen de malo o desenvolvemento desa cualificación. O problema está en que no noso caso o bilingüismo non chega nen a existir, porque os galegos e galegas non nos desenvolvemos nen contamos con igualdade de condicións na hora de estudar a nosa lingua, de lermos nela, de contar coa defensa que lle corresponde como lingua minorizada nen con todos os elementos que se supoñen indispensábeis para a boa saúde dunha lingua. Na Galiza ese bilingüismo harmónico do que se fala nunca existiu porque o español e a súa presenza na Galicia impide que o galego asuma todos os ámbitos que lle corresponden como lingua propia. O español é o lobo que conta cos medios de comunicación, o ensino, a televisión, a política… e o galego somos nós coa nosa defensa e decisión.

Que é iso da imposición lingüística?

A imposición lingüística é un fenómeno a través do cal unha lingua nun status de poder e de dominación se configura como a lingua promocionada e natural dunha comunidade que na realidade é usuaria doutra lingua. O fenómeno é simple de entender se pensamos en exemplos concretos que vivimos. O galego é a nosa lingua, somos usuarias dela, mais o español imponse a través da múltiples artimañas en todos os ámbitos da nosa vida. A imposición é o resultado dunha situación de convivencia conflitiva onde unha das linguas sae perdendo terreo, falantes, usos, ámbitos e cualificacións nos seus falantes. O español é a única lingua imposta na Galiza.

Falades moito del nas manifestacións, mais non entendo. Que é o monolingüismo?

A práctica do monolingüismo non significa falar só unha lingua. Cando nos referimos a monolingüismo referímonos a un proceso de inversión do que acontece hoxe no noso ensino e na nosa sociedade. De termos como lingua referencial e preminente o español, unha situación monolingüe permitiría que a nosa sociedade se desenvolvese en todos os ámbitos en galego, como é o natural e o que nos corresponde por dereito. Esta situación, ao contrario do que a que vivimos, non nega que as persoas podan coñecer máis linguas e utilizalas cando o precisaren. Coñecer inglés, español para entendérmonos cos veciños, francés etc. está moi ben, mais sempre que o ensino da nosa lingua sexa o prioritário. Un coñecemento adecuado do idioma e un uso absoluto del fará que nos podamos expresar con liberdade no noso País e tamén facernos respectar perante o que está de paso. Na Galiza, para alén do coñecemento doutras linguas, os galegos e galegas temos dereito e temos que loitar por un ensino só en galego e por unha sociedade en galego. Só así poderemos estar no mundo sen complexos e tal como somos. Esta reivindicación histórica debe estar presente nas rúas máis do que nunca.

E os de Galicia Bilingüe, a que andan?

Galicia Bilingüe é unha asociación que se vén de mobilizar contra unha situación que non existe na Galiza. Eles manexan o argumento da imposición do galego na Galiza, mais o que sucede é xusto o contrario. O que se impón é o español. Botando man da última lei de normalización saída da Xunta centran os seus ataques no que chaman imposición lingüística no ensino e na administración. Os galegos e galegas de a pé sabemos que isto non existe. Mais polo feito de que Galicia Bilingüe está construida en base a unha mentira non debemos deixar de combatela. Precisamente por iso, porque utilizan a difamación como arma imprescindíbel do seu accionar debemos destapar o que hai detrás: odio e auto-odio, españolismo, fascismo e diñeiro e apoio cómplice dos partidos españois, PP e PSOE. De feito, hai que ter coidado co seu discurso de democracia. Para eles o democrático é poder escoller a opción que se queira. Mais o que temos que dicir é que hoxe na Galicia non existe esa democracia, mais non porque non se poda utilizar o español. O que non se pode utilizar con normalidade é o galego!! Hai que darlle a volta a este discurso.

Moi ben todo, mais cal é a vosa proposta?


Vivimos unha situaçom alarmante. O galego desaparece entre a mocidade en favor do español. A isto sumamos as campañas dirixidas e planificadas de destrución e unha nefasta xestión da normalización lingüística desde o goberno galego, for do signo que for. A nosa proposta hoxe ten que ser máis atrevida e clara do que nunca:

*Defender na rúa e onde for os ataques contra o noso idioma. Destapar a realidade, a imposición do español e a opresión que sofre o galego.

*Socializar a idea do monolingüismo en galego. Monolingüismo non é peche nen imposición. Monolingüismo é a única posibilidade que nos resta se queremos defender o que é noso.

*Artellar e activar grupos de mozos e mozas que traballen en defensa da lingua de maneira continuada e con ideas atrevidas. Só con unha organización permanente lograremos paralizar os ataques que sufrimos.

Adiante a defensa da lingua!

Na Galiza, sempre en galego!

20/4/09

Galiza as olimpiadas?



No programa Fama que se emite en Cuatro, fixeron unha coreografía dos xogos olímpicos na que sae a bandeira de moitos países (Rumanía, Arxentina, España, etc) e entre eles a bandeira do noso país (Galiza) que xustamente é a que gaña. Da ledicia ver a bandeira do noso país ao mesmo nível que o resto de países, algo que se nos impide por lei no día a día.

Esperemos que para "London 2012" os deportistas galegos poidan competir polo seu país.

17/4/09

Apoio ao sector gandeiro galego



Mais de 6.000 gandeiros galegos manifestaronse en Madrid para denunciar a situacion limite do sector, que está a pagar a ineficacia das políticas agroalimentarias españolas.

Convocados polo Sindicato Labrego Galego, Unións Agarias e Xóvenes Agricultores, recibiron também o apoio de numerosas agrupacións cívicas, profesionais, sindicais e ata institucionais.

Saíron de madrugada de todas partes da Galiza e viaxaron ata a capital española nun centro de autobuses para reclamar prezos dignos para os produtores. Actualmente están recibindo menos diñeiro polos productos que en 1995, aínda que para o consumidor cada día son mais caros.

Os ganadeiros galegos denunciaron tamén acordos de prezos entre as industrias, e baixados do prezo en orixen de xeito unilateral.

Igualmente, pedíron a «complicidade» da cidadania coas suas reivindicacións, xa que, indicaron, «todos somos víctimas da especulación que se fai cos alimentos».

Dende Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas apoiamos as súas reivindicacións e esiximos unha solución por parte do goberno español que foi o causante do problema.