29/10/09

XI Asemblea Nacional de Galiza Nova



O 24 e 25 de outubro de 2009 celebramos en Santiago de Compostela a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova e, a continuación, damos conta dos resultados dos debates e das votacións resultantes desta.

O Informe de xestión da Dirección Nacional ficou aprobado co 56,92% dos votos a favor, o 40,51% de votos en contra e co 2,56% de abtencións.

O conxunto das Teses a debate nesta IX Asemblea de Galiza Nova aprobáronse co 80% dos votos a favor, co 13,77% dos votos en contra e co 6,22% de abstencións.

Do resultado das votacións á Dirección Nacional de Galiza Nova na XI Asemblea Nacional, os resultados foron dun 57,5% dos votos á lista encabezada por Iria Aboi e 15 representantes, un 20,9% dos votos para a lista encabezada por Noa Presas e 5 representantes, un 19,3% dos sufraxios para a encabezada por Ínhigo Ansotegui e 5 representantes. En consecuencia, Iria Aboi foi reelixida para a Secretaría Xeral de Galiza Nova.

A XI Asemblea de Galiza Nova contou coa presenza de numerosas organizacións do país: A Mesa, CIG, Comités, SLG, ORGACCMM, entre outras; do Consul cubano na Galiza, así como do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ademais dos membros da Executiva Nacional Montse Prado, Carlos Aymerich e Rafa Villar, o deputado galego Bieito Lobeira, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda e o ex-secretario xeral de Galiza Nova e ex-director xeral de Xuventude, Rubén Cela.

26/10/09

Cea de Galiza Nova Trives e Caldelas



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas organiza unha cea o próximo sábado día 31 de Agosto as 22:00 horas en Casa Cachín, en Abeleda, no concello da Teixeira, pertencente as Terras de Caldelas. Se queres acudir apuntate enviando un email a: trives.gz@gmail.com ou no teléfono: 627780891.

21/10/09

Discursos de Queremos Galego

Despois da gravísima manipulación feita pola FeijooTV (TVG), apresentamos os discursos feitas na Quintana no remate da manifestación mais importante pola defensa da lingua da historia.

Patricia Vázquez:


Carlos Callón:


Xurxo Souto:


Avelino Pousa Antelo:


Himno nacional:

Castañazo 09 Maceda




Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas anima a mocidade da comarca a acudir este próximo sábado día 24 de Outubro ao Castañazo de Maceda.

A nosa organización colaborará na celebración desta festa popular galega. Os bolos celtas que se xogarán serán coa denominación de orixe de Soutipedre (Concello de Manzaneda).

O programa é o seguinte:

Programa:
16:30 - Aberto de billarda (LNB)
17:30 - Campeonato popular de bolos celtas (Normativa Soutipedre)
19:00 - Leo i Arremecághona
20:00 - Inicio do Magosto
22:30 - Inicio do Festival con actuacións de:
O SONORO MAXÍN
SOM DO GALPOM
TRES TREBÓNS
FRACASADOS DE ANTEMANO
DJS DE LA TORRE BROTHERS

20/10/09

Éxito na manifestación pola defensa do galego




Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas estivo presente, na maior manifestación da historia en defensa do galego. Mais de 100.000 persoas colapsaron Santiago de Compostela pola defensa da nosa lingua. A nosa organización desplegou dúas faixas, a de cabeceira co lema: O ensino en galego é o noso dereito! e outra coa imaxe de Castelao e a frase do Sempre en Galiza “Se aínda somos galegos e por obra e gracia do noso idioma”. Este deseño tamén foi utilizado nos autocolantes que Galiza Nova xunto coas chapas LG: Eu Son de Lingua Galega estivo a repartir no transcurso da manifestación. Ao igual que sucedera na pasada convocatoria do 17 de maio a xente nova deixou patente unha vez máis o seu firme compromiso coa normalización do galego demostrando así mesmo, que loitará activamente contra todas aquelas medidas do PP que supoñan un a taque a nosa lingua e un paso atrás nos dereitos das/dos galegofalantes.

SEMPRE EN GALIZA, SEMPRE EN GALEGO

15/10/09

Queremos galego



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas participará na manifestación da Plataforma Queremos Galego.

15/9/09

Imaxes e video das xornadas de verán







Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas celebrou este agosto as súas primeiras xornadas de verán. As xornadas comezaron cunha visita ao castelo de Castro Caldelas, para a continuación visitar os pobos de San Xoán de Río e a Pobra de Trives. Ao medio día xantamos no Pazo de San Lourenzo para a continuación visitar o castiñeiro milenario de Pombariños. Xa pola tarde trala visita a unha bodega da Ribeira Sacra disputouse un aberto de billarda coa colaboración da LNB e outro de bolos celtas.

28/8/09

"Viva Galiza Ceive"

Debido a que parte dos visitantes da nosa páxina web son emigrantes galegos que agora viven a miles de quilómetros da súa patria en lugares coma Francia, Suiza, Reino Unido ou Arxentina, entre outros, recuperamos o discurso de Antón Avilés de Taramancos pronunciado en Suiza fai 22 anos e que sigue estando completamente de actualidade, sobre todo para esta xente. Esperamos que este texto faga recapacitar aos galegos que tiveron que emigrar do noso país.

Traio aínda fresco nos ollos o contorno da patria. Desde Teixido a Santa Trega e desde Fisterra ao Caurel, Galiza vén como nun sono a campear aquí no teito de Europa para reclamar na súa propia voz o seu sangue espallado polo mundo, a súa xente perdida, o esforzo de tanto traballo, de tantas bágoas de raiba e de saudade, que tamen a ela a deixan orfa, escoada, valeira dos seus millores fillos. Veño, irmáns, a nome da Terra Nai a travervos a palabra sagrada do seu amor e do seu desespero. A traveso dos tempos esta vella sofrida e abandonada que é a nosa patria foi perdendo o froito dos seus partos, e tén a casa a medio erguer, a eira sen cercado, a onde entran as aves de rapiña para desposuila constantemente de todo canto é seu, para desfigurala, para deixala cega nos camiños do mundo. Cada un de vós é unha pinga de sangue que se lle foi e que a vai deixando pouco a pouco nunha anémia perniciosa da que non se pode recuperar.

Non pode haber unha pátria forte e farturenta se todos os seus fillos non a habitan. A desgracia histórica de non ser do noso país e que nos obriga a andar polas portas do mundo tén que chegar ao seu fin. O noso povo tén que coller as rendas do séu destino, ou vai a desaparecer do conxunto das nacións saíndo pola porta pequena como saían os escravos e os ilotas.

Eu veño, irmáns, con un mensaxe de esperanza. Hai xente, moita xente, que está a loitar para que a pátria consiga a plena liberdade, que a Nai forzada ao abandono volva a acoller aos seus fillos, que todos construamos en paz os muros da nosa casa común, que aremos as terras, que poñamos a funcionar as fábricas, que ergamos as nosas mans en defensa do que nos pertenece, e que ninguén mais teña que saír polo mundo senon é para gozar de hoteis de cinco estrelas e non para limpalos etermamente e que outros os disfruten.

Se despois do esplendor medioeval que puxo a Galiza nos cumes da cultura univeral, as circunstancias históricas non nos foron propícias e pasamos a ser un pobo e unha lingua dominados, as consecuencias económicas da dominación fixeron de nós unha colonia expoliada, empobrecida polos foros e tributos, e aínda máis: deshabitada sistemáticamente da súa mocidade máis cumprida, adiestrada e obrigada para a emigración e para que os seus aforros (eses cartos desditados conseguidos entre a penuria e a lonxanía) engrosasen a Banca do Estado para beneficiar outras latitudes que nos ollaban con desprecio e villanía. Este ir escoando ao traveso dos tempos o sangue novo e vizoso do povo foi empobrecendo-nos cada vez máis. Os grandes logros dos galegos, os seus grandes triunfos de organización mutual e empresarial foron-se dando en lonixanos territórios, que milloraron o seu caudal e a súa facenda á conta do noso esforzo. Países como Arxentina, Cuba ou Venezuela fixeron as súas modernas estructuras en base do traballo e da imaxinación de milleiros de galegos transplantados que non puderan na súa terra levar a cabo esa labor de redención e de progreso. Agora os que andades polos vieiros da Europa estades a erguer coas vosas própias mans a riqueza dos países que nos someten e que nos empobrecen cada día máis. Debaixo do mapa dos Estados da Europa subxace a verdadeira Europa dos Pobos, que tén que aflorar para que Europa viva en harmonia co seu própio ser. Ademáis de reclamar os nosos dereitos de autodeterminación e vida própia entre as nacións do mundo, temos que ser solidarios cos que estan a padecer os mesmos atrancos e as mesmas vicisitudes. Vós que vivides nunha República de múltiples línguas e culturas sabedes ben que se pode conseguir es harmonía se cada quen se respeta a sí mesmo e respeta as liberdades e a identidade dos demáis. Os que vivides e traballades na Suiza tendes que ir recollendo e transmitindo a todos os galegos e aos demáis povos da Iberia para que nos entendan, esas vivencias de xentes diferenciadas que poden conformar un conxunto próspero sen imposicións e sen enfrentamentos.

Eu tamén, meus amigos, pasei vinte anos de exilio por terras de Colombia, e sei o que costa minuto a minuto estar fora da pátria. Sei o que é erguer un fogar en terra allea, e sei como o voso corazón se arrofia de espanto de ver como pasa o tempo sen saber cando se vai regresar. Cada día que pasades fóra do voso lar é un día que se lle rouba a unha vida plena e feliz. Sei que os cartos que gañades con sacrificio non pagan as horas de tristeza e lonxanía. O voso pan é amargue. Pero nós, que vivimos nos eidos da Terra, tampouco podemos ser felices mentras non esteamos todos xuntos, mentras a cada casa non cheguen os que faltan e haxa de novo lume, e risas e alegría. Non podemos construir a pátria sen as vosas mans. Non podemos alcender o lume se non brillan os vosos ollos ao calor da fogueira. Somos unha tribo dispersa que non será feliz até que se atope enteira e reunida.

A Nosa pátria cimenta-se no pasado para ollar de cara o futuro coa nosa propia visión, cos nosos própios ollos; até o de agora os mesmos que nos cegaron foron-nos levando ao precipício onde pode morrer a nosa identidade, onde se afogan os berros do noso sentir, e onde pouco a pouco se vai perdendo o son da nosa fala. Se non nos arrepoñemos dunha vez nun sentir colectivo de defensa da nosa personalidade, Galiza vai-se perder e non seremos máis que a pantomina dun povo que representa unha actuación perante a História de persoaxes valeiros, sen alento de seu, sen palabra de seu, perdidos nun rol feito adrede polos que manexan os fíos e que nos queren facer monicreques. En cada un de vós, aínda os máis manipulados por unha educación do "Imperio hacia Dios" que ven de máis antigo do que parece, en cada un de nós alenta sempre a fonda raíz da pátria. A pátria está na música que nos fai tremer o corazón. A pátria está nas verbas das nosas cántigas, a pátria está nesa dor profunda que nos carcome cando andamos lonxe e na felicidade da chegada. Está na paisaxe que levamos grabada, os montes e o mar e os rostros da xente que amamos e que levamos na memória. A pátria está no sentimento que nos une e que nos fai irmáns.

Eu podía chamar a cada un de vós polo seu nome. Estou vendo a vosa casa, Estou vendo a vosa nai ollando por riba do horizonte nese agardar eterno. Vós sodes, irmáns, a miña patria. Sodes quen me da o alento para escribir e para soñar, sodes quen me dá o pulo para seguir loitando para que Galiza sexa doña de sí mesma e que un día vos vexa ir chegando para que cada un no seu labor vaia pondo as colunas da grande casa común.

Irmáns galegos, Xente de Breogán, eu pídovos que neste día xuntedes os vosos corazóns para decir conmigo, para berrar conmigo dende os cumes de Europa e que nos ouza o mundo:

"VIVA GALIZA CEIVE E POPULAR!"

26/8/09

NACE A GALICOLA



Un novo producto exclusivamente galego tentará facer fronte a dous símbolos do modelo de consumo americano: a Pepsi e a Coca-Cola. Ademais financiará a promoción da língua galega.

Un reducido grupo de persoas acabou de crear a Asociación Cultural Fontaira co obxetivo de crear este novo producto en botellas plásticas de 33 centilitros e medio litro. O Producto terá o nome de Galicola.

A Galicola vai destinar todo o seu beneficio a língua do país, financiando proxectos en defensa da língua galega, para que o diñeiro non sexa un impedimento para a xente que defenda o noso idioma.

Non é unha empresa

Ninguén se vai a lucrar con este proxecto, depois do pagamento dos custos de fabricación, distribución e salarios, todo o beneficio será destinado ao movemento normalizador. Aínda que non se cubriran os gastos de producción o 5% de cada venda irá parar a un Fondo polo Galego. Desta maneira, calquer persoa terá a certeza de que unha parte do que paga polo refresco acabará por financiar un festival, un medio de comunicación, unha asociación polo idioma, unha escola monolíngüe en galego, un centro social, etc.

A forma de que os proxectos sexan financiados por Galicola será o Concurso Ánxel Casal (mecenas da língua fusilado polo franquismo), que decidirá, cada 17 de Maio, o Fondo polo Galego. Calquer entidade sen ánimo de lucro que non teña gañada a anterior edición poderá presentar unha única candidatura que defenda a sua actividade pró-normalizadora en termos globais ou ben unha actividade concreta en prol do idioma.

O destino que cada colectivo dará ao diñeiro recibido será publicado anteriormente na páxina web da Galicola, para ser consultado por eventuais votantes ou participantes no concurso. As candidaturas faranse entre Setembro e Decembro.

Canto mais bebas, mais votas


En Xaneiro serán publicadas todas as candidaturas. Entre Xaneiro e Maio tódolos consumidores de Galicola poderán votar a que mais lles guste. A etiqueta de cada botella poderase utilizar como voto se o consumidor o desexa. Por tanto se un consumidor tomar 5 Galicolas terá dereito a 5 votos. Así ata o 17 de Maio, a data en que os votos serán contados e o diñeiro do Fondo polo Galego será distribuído entre os dous proxectos mais apoiados.

A PARTIRES DE AGORA NEN PEPSI, NEN COCA-COLA. PIDE GALICOLA. O TEU IDIOMA O NOTARÁ.

4/8/09

Mural realizado en San Xoán de Río






Galiza Nova Terras de Trives realizou con motivo do día da Patria un mural en San Xoán de Río.

ENCONTRO DE VERÁN GALIZA NOVA TRIVES



O sábado 15 de Agosto, Galiza Nova Trives organiza un encontro de verán con múltiples actividades para a xente da comarca. Salvo o xantar, tódalas actividades son completamente gratuitas.

A xornada comeza en Castro Caldelas, as 10 da mañán temos o punto de quedada no campo da feira de Castro Caldelas, alí subiremos polo casco vello caldelao ata o Castelo que visitaremos.

Ao rematar no Castro desplazarémonos a Mourúas, no Concello de San Xoán de Río, onde realizaremos a ruta da Fraga (ruta de sendeirismo cunha dificultade baixa e que nos levara entre 1’30 e 2 horas) rematando a ruta no centro da vila de San Xoán de Río.

A continuación desplazaremonos a San Lourenzo, no concello da Poboa de Trives, onde xantaremos no seu Pazo. O prezo do xantar é de 10 € e compre avisar se vas a vir xa que é necesario reservar.

Despois do xantar desplazaremonos a Soutipedre (Manzaneda) onde aprenderemos a xogar tanto os bolos celtas, como a billarda, 2 xogos populares galegos. Tras unha aprendizaxe básica de ambos xogos realizaremos campionatos das dúas disciplinas con premios para os mellores en cada torneo.

Para rematar visitaremos unha bodega da Ribeira Sacra onde teremos unha degustación gratuita de viños e licores.

Para apuntarse chamar aos teléfonos 636059234 ou 627780891, ou enviando un email a trives.gz@gmail.com

ANIMATE E PARTICIPA.

30/7/09

Un Día da Patria Galega masivo!



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas participou activamente na manifestación do día da patria así como no Festigal. Esta é a crónica da web do BNG da manifestación:

Era o que o País necesitaba: un Día da Patria Galega masivo para patentizar que esta nación continúa viva e que non vai renunciar a defender os seus dereitos. Unhas 20.000 persoas -algún meio de comunicación sinalou esta como a manifestación máis numerosa dos últimos anos- rebordaron as rúas do casco vello e desbordaron os límites da Praza da Quintana. Unha resposta cívica, festiva e moi emotiva ante as agresións que o Goberno Feijóo en apenas 100 días de exercicio ten perpetrado contra a nación galega e os seus sinais de identidade, a comezar pola lingua.

O BNG ofreceu a imaxe dunha organización que, unha vez feitos os deberes internos, ten folgos de abondo para construír a alternativa ao Partido Popular e derrotar en catro anos o proxecto reaccionario e anti-galego de Núñez Feijóo.

Como adoita dicir o portavoz nacional, "hai pobo, hai vida, hai esperanza".

DOUS ALICERCES BÁSICOS

O discurso de Guillerme Vázquez na Quintana construíuse sobre dous alicerces básicos: primeiro, transmitir a idea de que o BNG está aquí e non vai claudicar, perante o conformismo dos partidos españois en Galiza, que xa andan a argallar unha reforma do Estatuto para consolidar a presenza do noso País na Segunda División do Estado; segundo, espallar coa mesma enerxía a determinación do BNG de combater e vencer o Partido Popular e o que este significa tanto no eixo da política nacional como no plano da política social.

Galiza vive unha dupla crise, económica e política, pero claro que hai solucións: pasan por camiñar cara a un Novo Estatuto de Nación e por desenvolver desde o poder político galego políticas socieconómicas que favorezan ás maiorías sociais.

Pasan, portanto, por que o nacionalismo, cohesionado e reilusionado, traballe duro estes catro anos para persuadir ao conxunto da sociedade de que as solucións aos nosos problemas non pode vir dun partido da dereita españolista, senón dunha forza política propia do País e claramente comprometida cun modelo social favorábel ás maiorías.

16/7/09

Festigal 09



Un ano mais chega o Festival para celebrar o día da nosa patria.

Bastante xente das comarcas de Trives e Caldelas acudirá ao Festigal. Se queres vir non dudes en poñerte en contacto con nos:

Estes son os concertos programados:

VENRES 24

23:00h

· Chamallexis! (Galiza)
· Os John Deeres (Galiza)
· Som do Galpom (Galiza)
· Dj Click Live (Franza)

SÁBADO 25

22:00h

· Descarga ao Vivo (Cuba / Galiza)
· Katembe Project (Angola)
· Os Tres Trebóns e Amighos, A Grande Treboada (Galiza)

Ademais, os días 24 e 25, haberá máis música no Café Concerto, con actuacións de artistas variados a partir das 17:00h.

9/7/09

GALIZA NOVA TRIVES A FAVOR DA GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO

Unha das principais reivindicacións que Galiza Nova vén demandando dende a súa creación é un ensino galego público e de calidade. Neste sentido a nosa organización quere amosar o seu firme rexeitamento á decisión do PP de eliminar a gratuidade dos libros de texto, cuestión que durante a campaña Feijoo prometera manter.Coa proposta anunciada pola Consellaría de Educación que muda a gratuidade por axudas, a maioría das familias terá que asumir os custes dos libros, sendo contadas as que poden acceder ás mesmas. Os límites establecidos pola Xunta para ter dereito a estas axudas son extremadamente baixos, dándose a situación de que familias mileuristas quedarían excluídas ou as familias monoparentais que non está obrigadas a facer a declaración da renda por nível de ingresos tamén quedarían fora deste sistema de axudas.Para tentar frear esta medida o BNG entre outras actuacións presentou mocións en todos os concellos do país pedindo a gratuidade.

Ademais esta medida terá un maior coste para os petos de tódolos galegos, xa que o anterior sistema de gratuidade funcionaba como un préstamo de libros ano tras ano, durando cada libro sobre 4 anos. Agora arredor do 30% dos galegos terán dereito a estas axudas, que durante os vindeiros 4 anos desta lei suporan un maior coste, xa que haberá que pagarlle os libros tódolos anos as persoas con dereito a gratuidade en vez do actual sistema que en 4 anos so se mercaban os libros unha vez.

Ademais o PP, afirma demagoxicamente que esto é unha lei de esquerdas, xa que os “ricos” (persoas que cobran 1.000 € ao mes ou mais) pagan e os outros non. Dende Galiza Nova Trives pensamos que o que verdadeiramente é de esquerdas son uns servizos públicos universais e gratuitos e o demais non é mais que facer demagoxia. Acaso o PP pensa en prohibir o acceso a ensinanza pública e gratuita? acaso quere sacar a sanidade gratuita para os que mais cobran? Ao mesmo tempo votan en contra de subirlle os impostos as rendas mais altas e aos salarios dos futbolistas.

Por outra banda fíxose unha enquisa vergonzosa sobre o idioma na ensinanza gastando miles de euros para “saber a opinión dos país” respecto o idioma no que queren educar os seus fillos, non deberían preguntar tamén se queren ou non queren pagar os libros de texto?

A EDUCACIÓN SEMPRE GRATUITA E DE CALIDADE PARA TODOS

1/7/09

Galiza Nova denuncia a política prohibicionista do PP en relación a Lei de Drogas

Ante o anuncio da Conselleira de Sanidade de elevar a idade legal para o consumo de alcohol e restrinxir o consumo en vía pública, Galiza Nova ofreceu unha rolda de prensa para amosar públicamente o seu rexeitamento ás medidas propostas por Pilar Farjas. Neste sentido a Secretaria Xeral da nosa organización manifestou que “se trataría dunha reforma que rescata as receitas máis rancias, como a lei do botellón impulsada por Aznar hai anos no goberno central. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora”. Así mesmo, Iria Aboi denunciou o feito de que dende o PP se adopten este tipo de medidas sen facer, pola contra, ningún tipo de proposta alternativa de lecer para a mocidade e mesmo eliminando algunhas creadas polo BNG como o xogo de rol “Irmandiños, a revolta”. Premendo en ler máis podes ler a nota completa.

Para Galiza Nova resulta inaceptábel o feito de que a Consellaría non se teña posto en contacto coas organizacións xuvenís para lles comunicar a súa intención de reformar a lei e como se fai facer. A este respecto a nosa Secretaria Xeral lembrou que cando na anterior lexislatura se quixo afrontar unha reforma desta lei, houbo unha convocatoria para que as asociacións xuvenís amosasen o seu parecer e propostas e daquela as xuventudes do PP “estaban en contra de calquera medida destinada a vincular o botellón cun problema de saúde pública. Mais os que criticaban algo asi, agora están calados”. Galiza Nova seguirá a traballar para que dende as institucións se deixe de criminalizar a mocidade e realmente se afonde nas políticas precisas para paliar os problemas da xente nova na nosa nación.

A Secretaria Xeral da organización nacionalista pregunta a Pilar Farjas se vai prohibir o consumo de alcohol na rúa nas festas populares

Santiago de Compostela, 29 Xuño 09. A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que criticou o anuncio da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, de modificar a Lei de Drogas no sentido de elevar a idade legal para o consumo desta substancia e restrinxir o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública.

A dirixente nacionalista amosou a disconformidade ante estas declaracións “no fondo e na forma” e indicou que se trataría dunha reforma que “rescata as receitas máis rancias, como a lei do botallón impulsada por Aznar”.

“Os tempos cambiaron”, continuou Aboi, “e se esas receitas non foron válidas daquela, tampouco o son agora. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora”.

No referido á prohibición de beber na rúa, Iria Aboi indicou que o que se está a facer é “diferenciar entre consumo malo e consumo bo” e perguntou á titular de Sanidade se vai prohibir tamén o consumo de bebidas alcohólicas na rúa nas festas populares.

Consulta sobre o consumo de alcohol

“Xa que están a poñer de moda as enquisas”, continuou, “poderían facer unha consulta para ver o que lle parece aos cidadáns sobre isto”, dixo, “levarán unha sorpresa”.

A Secretaria Xeral de Galiza Nova criticou que os populares adopten este tipo de medidas sen facer, pola contra, ningún tipo de proposta para alternativas de lecer da mocidade e mesmo eliminando algunhas creadas polo BNG como o xogo de rol “Irmandiños, a revolta”.

Tamén cargou a dirixente nacionalista contra o feito de que a Consellaría non se teña posto en contacto coas organizacións xuvenís para lles comunicar a súa intención de reformar a lei.

Tampouco se ten implicado no proceso a sectores afectados como o da hostelaría e, en opinión de Iria Aboi, esta negativa ao diálogo só pode deberse a que “queiran impoñer as súas opinións sen escoitar nin debater nada, sen saber o que opina a xente nova”.

Aboi quixo lembrar tamén que cando a cando a Consellaría de Sanidade do bipartito quixo afrontar unha reforma da lei de drogas houbo unha convocatoria para as asociacións xuvenís e apuntou que, daquela, as xuventudes do PP “estaban en contra de calquera medida destinada a vincular o botellón cun problema de saúde pública. Os que criticaban algo asi, agora están calados”.

25/6/09

Video folga metal



Este video mostra o que está a pasar realmente na folga do metal de Vigo, onde os traballadores están sendo agredidos pola policía española. Dende a maioría dos medios de comunicación (La Voz de Galicia, La Región, El Correo Gallego, Faro de Vigo, etc) estase mentindo e decindo que son os traballadores os que agreden e a policía ten que responder. Pero sempre está ben facerse a pregunta de porque os días nos que non está a policía nunca pasa nada.

Dende Galiza Nova Trives animamos aos traballadores do metal a seguir coa loita ata que obteñan un convenio xusto por parte da patronal.

24/6/09

Represión sobre os traballadores do metal



Na imaxe pódese ver a un traballador galego despois de ser agredido pola policía española en Vigo durante unha manifestación pacífica a prol dun convenio laboral xusto.

GalizaNova Terras de Trives mostra a súa solidariedade co metal galego e esixe responsabilidades políticas dos culpabeis da represión.

Mais info en:

http://www.galizacig.com/avantar/novas/23-6-2009/un-traballador-ferido-nunha-brutal-carga-policial-nunha-nova-xornada-de-folga-do-met

11/6/09

Galiza Nova considera inaceptábel a enquisa da Xunta sobre o galego no ensino!

Ante a Consulta trampa da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino, Galiza Nova quere manifestar a súa oposición a unha medida coa se pretende dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política de eliminación do galego do ensino: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, que xa anunciaron dende a Consellaría de Educación. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular dentro da súa campaña para exterminar a lingua da nación. Vai a ler máis para ver o posicionamento completo da nosa organización sobre esta cuestión.

CONSULTA DA XUNTA DE GALIZA SOBRE O GALEGO NO ENSINO

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que en teoría ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno do Partido Popular a elaborala, Galiza Nova e tamén o BNG fan as seguintes valoracións:

1.- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto 124/07 sobre o uso do galego do ensino. O PP decidiu no seu día afastarse do consenso sobre o galego (Plano Galego de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004). Anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no goberno reiterou esa intención. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular.

2.- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos. Non existen suficientes garantías de que os resultados non poden ser mesmo manipulados se non fosen do agrado do partido no goberno.

3.- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, porque sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.

4.- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego.

Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.

5.- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”, un dispendio impresentábel no actual contexto de precariedade de medios humanos e materiais que caracteriza a situación do ensino público en Galiza.

6.- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

7.- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

A mocidade galega voltará a ter voz e voto en Europa!

Malia que os resultados das elecciónns ao Parlamento Europeo, cuantitativamente non foran todo o positivos que o BNG desexaba, tal e como afirmou o Portavoz Nacional "obxectivamente si hai que facer unha valoración positiva pois o BNG acadou novamente representación en Bruxelas". Dende Galiza Nova queremos agradecer o apoio de todas as mozas e mozos que queren ser protagonistas do seu futuro, que queren que non sexan outros os que decidan por nós e votaron ao BNG. Nese sentido tamén queremos transmitirlles que estean certas e certos de que os seus intereses e os de Galiza estarán plenamente defendidos no Parlamento Europeo a través da eurodeputada que conseguiu o BNG así como polo resto de representantes da coaligazón Europa dos Pobos-Verdes. En 2004 o BNG deixou de ter presenza nas institucións europeas o que orixinou que Galiza deixara de estar repesentada directamente nas mesmas. Agora 5 anos despois o BNG voltará a ter voz e voto en Europa o que permitirá que o noso país, que a súa mocidade esteamos novamente defendidos, que os nosos problemas e necesidades non sexan silenciados.

29/5/09

Para que Galiza conte, para que a mocidade conte!! Vota BNG



O vindeiro 7 de xuño terán lugar unhas importantes eleccións para o futuro das galegas e galegos, pois en europa determínanse moitas das políticas que se aplican na nosa nación producindo consecuencias visíbeis nas nosas vidas diarias. Nesta nova cita electoral temos a oportunidade de ter voz e voto nas institucións europeas a través do BNG, porque só así garantimos a defensa dos intereses de Galiza. A actual UE só resposta aos intereses do capital transnacional, ignorando ás nacións sen estado coma a nosa e impedindo o desenvolvemento das nosas potencialidades. É necesario rachar co actual modelo europeo e apostar por unha Europa dos pobos na que se recoñezan todas as nacións en pé de igualdade. O neoliberalismo imperante en Europa, sistemáticamente negou as nosas capacidades productivas, desmantelou os servizos públicos básicos, e afondou na desregularización e a perda de dereitos das traballadoras e traballadores, especialmente das e dos máis novos. Para avanzar na contrución dunha Europa na que Galiza conte, na que os interes da mocidade estean defendidos dende, Galiza Nova, queremos convidarte a que o 7 de xuño te sumes a nós. As mozas e mozos somos decisivos para que o noso paía avance a través do noso voto ao BNG. Premendo en ler máis poderás descargar o panfleto completo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

O próximo 7 de Xuño celébranse unhas eleccións moi importantes para o futuro das galegas e galegos. As eleccións europeas determinan as políticas que se van a aplicar en nacións como Galiza e que teñen consecuencias visíbeis na nosa vida diaria. A partir das eleccións de 2004, o BNG non tivo presenza a nivel europeo e Galiza deixou de estar representada directamente nas institucións europeas. Agora temos a oportunidade de ter voz e voto en Europa a través do BNG porque só así garantimos a defensa dos intereses de Galiza e a aposta por unha Europa dos pobos, social e democrática.


POR UNHA EUROPA DOS POBOS, GALIZA UNHA NACIÓN EUROPEA.

O nacionalismo galego defede o pleno recoñecimento de Galiza como nación nun Estado Español plurinacional, pluricultural e plurilingüe e aposta tamén no seo da UE, polo recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística do noso país, así como das outras nacións e pobos de Europa. O modelo de construción europea ten servido para ignorar as nacións sen Estado como a nosa e para impedirnos o desenvolvimento das nosas potencialidades, respondendo unicamente aos dictames do capital transnacional a través dos grandes Estados europeos. Despois do fracaso do Tratado Constitucional (co “non” de Francia e Holanda) e da súa nova versión co tratado de Lisboa (rexeitado por Irlanda) é necesario un modelo alternativo como o que defende o BNG. Un modelo democrático que aposte polo recoñecemento de todas as nacións e pobos de Europa en pé de igualdade, así como das culturas e linguas que como o galego aínda non teñen o recoñecemento oficial no seo da UE. Só a través da participación de Galiza con voz propia e voto en Europa nos foros onde se traten as cuestións que nos afectan directamente, conseguiremos que Galiza conte e que os intereses e necesidades das galegas e galegos, especialmente as e os máis novos, estean defendidos.


O NACIONALISMO ALTERNATIVA AO MODELO ECONÓMICO NEOLIBERAL DA CRISE E DE BOLOÑA.

O nacionalismo galego sempre se manifestou contrario ao modelo económico e social da Unión Europea. Este modelo neoliberal sistemáticamente negou as nosas capacidades productivas, desmantelou os servizos públicos básicos e afondou na desregularización e a perda de dereitos das traballadoras e traballadores, especialmente na mocidade sufrindo hoxe as maiores taxas de precariedade, de baixos salarios e de paro en Galiza. Para o BNG a crise económica que padecemos é consecuencia deste modelo tan negativo e por iso cremos que son necesarias políticas que non degraden as condicións laborais (como o intento de aprobar a Directiva do tempo de Traballo que pretendía ampliar a xornada laboral ás 65h semanais) así como políticas que defendan servizos públicos tan elementais como o ensino. Nese sentido o BNG pulará por unha política univesitaria baseada na consideración da universidade como un servizo público e no dereito que temos como pobo a definirmos o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade galega que supón o actual modelo do Plan Boloña. Dende Galiza Nova tamén consideramos que é necesario o recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir en Galiza, para combater a emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, que non é máis que emigración encuberta. Así mesmo, dende o BNG defenderemos o noso dereito a desenvolver as nosas potencialidades nos sectores productivos básicos como creadores de riqueza e de emprego en concreto para moita xente nova. Galiza é un país con grandes potencialidades no sector pesqueiro, no sector agro-gandeiro ou no sector industrial, mais sempre se nos limitou a nosa capacidade productiva, desmantelando os piares básicos da economía galega. Por parte do nacionalismo galego sempre acreditamos na capacidade productiva do país e por iso agora temos a oportunidade a través da presenza do BNG no Parlamento Europeo de que as galegas e galegos defendamos os nosos intereses.


A DEFENSA DA PAZ, DO ANTIIMPERIALISMO E DOS DEREITOS E LIBERDADES DEMOCRÁTICAS.

Durante os últimos anos determinadas políticas impulsadas pola Unión Europea significaron unha clara involución democrática a respecto dos dereitos e liberdades. O nacionalismo apostará pola defensa das liberdades e a xustiza social especialmente no que se refire a extensión e recoñecemento de dereitos individuais e colectivos nos diferentes pobos de Europa. Dende Galiza Nova consideramos necesario o recoñecemento da interrupción do embarazo libre e gratuíta, o respecto polas diferentes opcións sexuais, a derogación da Directiva de Retorno que establece criterios de expulsión e retención de inmigrantes e o impulso da laicidade nas nacións de Europa, entre outras cuestións.

Así mesmo o nacionalismo defenderá, como sempre fixo, unha política contraria ao imperialismo e o sometemento, expolio e ocupación dos pobos. Galiza Nova solidarizouse e mobilizouse, como tamén fixo o BNG, en contra da guerra no Iraque, do envío de tropas españolas a Afganistán, do exterminio do pobo Palestiniano por parte do Estado de Israel, entre outros, e consecuentemente en Europa defenderemos un modelo de relacións internacionais en pé de igualdade entre todos os pobos do mundo, baseado na xustiza e na soberanía política das nacións que como Galiza reclaman o dereito a poder decidir libremente o seu futuro.

_____________

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para conseguir que Galiza estea representada en Europa. Sabemos que a través do presenza do nacionalismo galego avanzaremos na defensa dos intereses das mozas e mozos, no avance de dereitos, na construcción dun modelo social e económico altenativo ao neoliberal e no recoñecimento do que somos, unha nación con dereito a decidir. Por iso te convidamos a que o próximo 7 de xuño, te sumes a nós para que Galiza estea en Europa. Para que non decidan por nós. Para sermos protagonistas. As mozas e mozos deste país somos decisivos para que Galiza avance a través do noso voto ao BNG e por iso temos que mobilizarnos para as vindeiras eleccións.

Para que ti contes, para que Galiza conte!

Non faltes e vota BNG!

As JERC, Iratzarri e Galiza Nova asinan un manifesto conxunto para as eleccions europeas.

De cara as próximas eleccións europeas, Galiza Nova, xunto coas organizacións xuvenís doutras forzas da coalición elaborou un manifesto que afonda na Europa dos pobos, social e democrática que defendemos, dende a perspectiva xuvenil. No manifesto expóñense as críticas ao modelo neoliberal que está a causar a crise e o deterioro e recurte dos dereitos laborais así como a precariedade, o paro e a emigración xuvenil. Tamén se critica o Plan Boloña que esta a desenvolver a reforma do ensino universitario de xeito antidemocrático, causando unha privatización, elitización e españolización da universidade. Así mesmo tamén se defendes os nosos dereitos lingüísticos e a necesidade de contarmos con soberanía política en Galiza, os Països Cataláns e Euskal Herría para poder decidir libremente o noso futuro. Vai a ler máis para coñecer o manifesto asinado entre as JERC (mocidades de ERC), Iratzarri (mocidades de Aralar) e Galiza Nova.

Mércores 27 de maio de 2009.

Manifesto conxunto das mozas e mozos de Galiza, Paisos Cataláns e Euskal Herria: esta é a Europa que queremos.


O proximo mes de Xuño todas as cidadás e todos os cidadáns maiores de 18 anos dos 27 Estados inegrantes da Unión Europea estás chamados ás furnas coa finalidade de renovar a representación das deputadas e dos deputados que integran o parlamento europeo.

Ao longo da súa historia o mapa político europeo sufriu múltiples modificacións debido aos novos contextos políticos, económicos e sociais que mudaron a realidade política dos estados europeos e as súas fronteiras. De feito, vemos coma nos últimos 20 anos foron creados até 17 novos estados. O exemplo máis actual atopámolo con Montenegro, país non integrante da UE, que no ano 2006 exerceu un proceso de autodeterminación a partir das regras que fixou a mesma UE.

A UE non pode continuar obviando esta realidade dinámica negando o recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística de todos os pobos de Europa a través de mecanismos claros e transparentes baseados nun proceso político de autodeterminación, dereito colectivo fundamental recollido na Carta das Nacións Unidas, mediante o cal a poboación dun territorio sexa soberana para decidir o seu futuro.

É necesario insistir en que a UE recoñeza o dereito a decidir dos pobos como un dereito básico elemental e un instrumento que asegure a democratización das institucións europeas e a adecuación da realidade política europea, incluídas as fronteiras, coa vontade dos pobos que a conforman.

Polo xeral, as eleccións europeas non suscitaron moito interese na cidadanía europea. Os factores que explican esta situación son diversos, mais un determinante é a sensación entre a cidadanía de que todo aquilo que se fala e se aproba no parlamento europeo parece non ter ningunha repercusión directa sobre as súas vidas, sumado a unha sensación de lonxanía debido á pouca importancia e seriedade coa que se aborda por parte dos medios de comunicación e a escasa información sobre as súas funcións e acordos políticos.

O parlamento europeo, que conxuntamente co Consello da UE forma a pola bicameral lexislativa das institucións da Unión é un parlamento de carácter consultivo sen iniciativa lexislativa, pero pode presentar emendas e posee dereito de veto en cuestións relacionadas coas competencias cedidas polos estados, relativas, por exemplo, á protección do medio ambiente, dereitos dos consumidores/as, igualdade de oportunidades, política de transportes e dereitos das traballadoras e dos traballadores, políticas sobre capitais, bens e servizos. Porén, as propostas de leis e directivas da comisión teñen que ser aprobadas polo parlamento e polo consello para poder entrar en vigor. Deste xeito podemos ver que é certo que a influencia directa do parlamento europeo sobre as regulacións da vida pública e privada son, en relación cos parlamentos estatais, limitadas.

As diferentes organizacións xuvenís que conformamos a europa dos pobos cremos que é moi importante a implicación da mocidade das nosas nacións nas eleccións europeas para conquerir unha maior representación da coalición no parlamento europeo, coa finalidade de orientar Europa cara outro sentido. Desde o seu inicio, o requisito indispensábel dun territorio para formar parte da Unión Europea foi estar conformado como un estado. Deste xeito imposibilítase a participación das nacións sen estruturas estatais na discusión dos asuntos públicos europeos nun marco de igualdade co resto das nacións. Els Països Catalans, Galiza, e Euskal Herria son hoxe nacións sen estado, e polo tanto non teñen representación por si mesmos no Consello de Europa, senón que son os presidentes e ministros dos estados Español e Francés os que os representan, non respostando así ás arelas, desexos e necesidades que como pobos diferenciados temos. Por isto dende a candidatura da Europa dos Pobos, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC cremos que é necesaria a construción dunha Europa respectuosa coa diversidade nacional, cultural e lingüística.

Para isto tense que posibilitar un maior prtagonismo das nacións que están na mesma situación cás nosas a través do recoñecemento do dereito á autodeterminación dos pobos que xa forman parte da Unión Europea. Deste xeito as nosas organizacións apostamos polo recoñecemento político dos Països Catalans, Galiza e Euskal Herria no seo da UE a partir do exercicio do dereito á autodeterminación, para poder decidir libremente o noso futuro.

Neste sentido, Iratzarri, Galiza Nova e as JERC tamén queremos manifestar o noso compromiso cunha Europa respectuosa cos dereitos e liberdades democráticas, cunhas relacións internacionais baseadas na paz e na relación igualitaria entre todos os pobos do mundo, opoñéndonos ao imperialismo e pulando por un modelo social que poña por encima dos intereses económicos o benestar das persoas.

Reivindicamos un modelo social que se basee na xustiza social e que faga posíbel a cobertura das necesidades das cidadás e dos cidadáns mediante a protección social e os servizos públicos (atención sanitaria, vivenda, educación...).

As políticas neoliberais están acabando cos dereitos sociais conqueridos a través da mobilización da clase traballadora e da sociedade en xeral, procurando eliminar o mínimo de seguridade e estabilidade a todas as cidadás e cidadáns.

Cremos que se demostrou o fracaso do modelo neoliberal e que é necesario un modelo alternativo a favor das clases populares, compartindo no seo da Unión en contraste a outros sistemas de “protección” onde a individualidade é a característica propia das políticas (como o dos Estados Unidos de América).

En consecuencia, as organizacións asinantes deste manifesto fan unha aposta por unha orde económica e social xusta e solidaria, contraria ao imperialismo, que condena o sometemento, expolio, marxinación, negación e incluso ocupación de moitos pobos do mundo. Apostamos por unha Europa das e dos traballadores, que democratice a economía e redistribúa a riqueza, unha Europa con xustiza social.

Así mesmo, desde a perspectiva xuvenil e tendo en conta a crise económica actual, fai falla unha coordinación na protección social da mocidade como un dos colectivos máis afectados polo desemprego, a inestabilidade e a precariedade laboral e a imposibilidade de desenvolver un proxecto de vida propio libremente.

Por todo isto, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC, como organizacións xuvenís da coalición da Europa dos Pobos, propoñemos as seguintes propostas programáticas conxuntas que van nos respectivos programas electorais que fixeron as diferentes formacións xuvenís:

-A adopción de medidas concretas a favor do emprego digno e estábel cuns salarios dignos para a mocidade que teñan como obxectivos:


a) Eliminar a estrutural precariedade do emprego xuvenil, limitando de xeito garantista as modalidade de contrato temporale poñendo en marcha medidas para a supresión das Empresas de Traballo Temporal a nivel europeo.

b) A defensa dunha política de creación de postos de traballo sobre a base do desenvolvemento endóxeno das diferentes economías nacionais que garantan as posibilidades de traballo no propio territorio, especialmente nos sectores produtivos básicos das diferentes nacións.

c) Pularemos para o estabelecemento das 35 horas semanais a nivel europeo para repartir o traballo e mellorar a produtividade.

d) Estabelecer unha fórmula común de cálculo do salario mínimo a nivel europeo para garantir a percepción dun salario digno.


-Recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir no seu propio territorio, como principio rector das políticas para facer fronte ao fenómeno da emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, emigración encuberta, no seo da UE.

-As organizacións xuvenís das forzas políticas da coalición apostamos por unha política universitaria baseada na consideración da universidade como un sevizo público esencial e o dereito como pobo a definir o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política claramente antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade, que supón o actual modelo de EEES.

-Defensa dunha política lingüística e cultural europea que garantice realmente a defensa, igualdade e normalización das culturas e oficialización das linguas minorizadas de todas as nacións sen estado existentes na UE, prestando especial atención á situación desas linguas e culturas entre a xente nova e a garantía dos dereitos lingüísticos e culturais, sobre todo en eidos como o ensino.

-As organizacións xuvenís da coalición apostamos pola extensión de dereitos e liberdades en todos os territorios europeos especialmente no recoñecemento e garantía á interrupción voluntaria do embarazo libre e gratuíta. Tamén consideramos necesarios programas de fomento e respecto das diferentes opcións sexuais, identidade de xénero-sexual, contra o racismo e a xenofobia, o fomento da paz, a non violencia e o antiimperialismo, e a aposta por un modelo económico e social sustentábel.

As organizacións xuvenís da coalición apoiamos a presenza das nosas nacións nas actuais redes de información xuvenil a nivel europeo e instamos á modificación das súas funcións de xeito que deixen de ser instrumentos propagandísticos de politización no modelo actual da UE.

Neste senso, apostamos por garantir o pluralismo, a eficiencia e as facilidades no acceso á información de maior interese xuvenil por parte do asociacionismo xuvenil, prestando especial atención á difusión e perticipación das organizacións xuvenís das nacións sen estado.

Porque outra Europa é necesaria, para levar a voz da mocidade de Galiza, Països Cataláns e Euskal Herria, facemos un chamamento á xente nova das nosas nacións a que apoie a candidatura impulsada por ERC, BNG e Aralar: Europa dos Pobos – Verdes e para que o próximo día 7 de xuño se mobilicen e participen nas eleccións votando por unha Europa dos pobos, social e democrática.

JERC – GALIZA NOVA – IRATZARRI

26/5/09

O sector leiteiro galego ao borde da ruina por culpa do Estado Español



O Estado Español acaba de solicitar axudas a Unión Europea para elevalo precio do aceite ao mesmo tempo que se nega a solicitalo mesmo para o leite.

Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas mostra o seu apoio total ao sector leiteiro galego e esixe ao Estado Español que se solicite na Unión Europea un prezo mínimo para o leite.

O sector leiteiro e un dos principais motores económicos do rural galego e a sociedade galega tense que solidarizar con este colectivo tantas veces agredido tanto polo Estado Español como pola Unión Europea. Este sector sufre unha grave crise provocada polas empresas leiteiras que cada día pagan menos polo leite ao mesmo tempo que para os consumidores finais o prezo aumenta. Estes círculos capitalistas nos que entre o gandeiro e o consumidor multiplicase o prezo é a ruina para o noso rural.
Por eso agora mais que nunca, solidaridade total co sector gandeiro.

22/5/09

Solidariedade cos traballadores do metal da provincia de pontevedra



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas solidarizase cos traballadores do metal e na súa loita por un convenio xusto e critica a brutal represión policial española orquestada pola patronal.

21 de maio tivo lugar a cuarta xornada de folga do metal, no que desta volta o obxectivo era cortar en oito puntos distintos os accesos de Vigo, mesmo bloqueando a peaxe de Pontevedra en Vilaboa. Unha nova demostración de forza e organización dos traballadores do Metal fixo realidade este obxectivo. A Policia acosou desde primeira hora aos folguistas, e despois das once da mañá cargaban en Guixar e tamén contra un grupo de Barreras na zona de Coia. Os traballadores reagrupáronse nas zonas dos estaleiros, en Barreras e Vulcano, e volveron dar unha boa mostra de organización, valentía e forza dun sector que está disposto a dar esta batalla por un convenio xusto.

Desde as oito da mañá nas distintas zonas industriais volvian ter presenza os piquetes, que para esta xornada tiñan reservada unha acción sorpresa: bloquear en oito puntos os distintos accesos a Vigo, de autovias e autoestradas. Asi desde primeira hora da mañá comezaban a bloquearse a rotonda da zona Franca de Bouzas, a rotonda de Navia, Vincios, a Avenida de Madrid, a rotonda de Guixar, a autovia do Porriño e a peaxe de Pontevedra en Vilaboa.

Colapso da peaxe en Pontevedra

Na cidade de Pontevedra os piquetes colapsaban a peaxe de Vilaboa, na dirección a Vigo, durante máis dunha hora, desde as dez da mañá. Despois os folguistas trasladáronse fronte ao edificio no que tiña lugar o Consello da Xunta na cidade de Pontevedra, onde permaneceron concentrados para denunciar o papel da Xunta neste conflito, no que non se está a implicar.

Camiñada e cortes de tránsito desde a Avenida de Madrid

Os traballadores da zona de Puxeiros e da Avenida de Madrid cortaron o tránsito fronte ao Seminario Maior desde as dez da mañá, onde permaneceron corenta e cinco minutos, até que a Policia ameazou con desaloxalos. Despois realizouse unha concentración fronte á Seat na Avenida de Madrid, e de novo pola presión policial, os traballadores decidiron achegarse até a Praza do Rei, diante da posibilidade de que se celebrara ali unha asemblea.

Os folguistas baixaron pola Gran Via, e mesmo deron unha volta ao redor de El Corte Inglés, e realizaron unha longa marcha, baixo unha forte presión policial, polo centro de Vigo, por Colón, Beiramar, até chegar ao estaleiro de Barreras para apoiar aos compañeiros que ali estaban sitiados.

Cargas para o grupo de Vulcano

O persoal que estaba concentrado fronte a Vulcano saiu ás dez do estaleiro, escoltados en todo momento por antidisturbios, e dirixíronse á rotonda de Guixar, onde realizaron un corte. Ao seu encontro acudiu unha parte do piquete de Barreras, que se chegou até esta zona unha parte polo túnel de Beiramar e outra polo nó de Isaac Peral. Este segundo grupo bloqueou o tránsito no nó de Isaac Peral mais foi desaloxado pola Policia, e decidiron acompañar aos compañeiros de Vulcano que permanecían na rotonda de Guixar.

Mentres se estaba a realizar unha asemblea nesta rotonda, e un grupo dos traballadores permanecía cos mans en alto diante dos antidisturbios, estes cargaron con dureza. O grupo de traballadores reagrupouse en Sanjurjo Badía, onde volveron cargar, mais os policias permaneceron na entrada desta rúa en obras.

Na rotonda que baixa para Vulcano, pola rúa Enrique Lorenzo, os traballadores volveron reagruparse, e ao chegar a Vulcano encontráronse cunha nova carga policial. Ao tentar entrar no estaleiro, polo acoso e a violencia da carga, encontráronse coas portas pechadas. As persecucións e cargas continuaron polo bairro do estaleiro até perto das dúas da tarde. É salientábel a resposta de moitas das persoas que foron testemuñas destas cargas, que mostraron o seu rexeitamento e repulsa á violencia policial.

Cortes na Zona Franca e Navia

Da zona de Barreras saíron varios grupos de piquetes, e unha parte deles achegouse até as rotondas da Zona Franca de Bouzas, onde se bloquearon os accesos durante perto dunha hora. Diante da ameaza policial dunha carga, este grupo trasladouse polo bairro de Bouzas até Coia, subindo pola Avenida de Castelao até a rotonda do Alcampo de Coia.

Nesta rotonda encontráronse cunha parte dos compañeiros de Barreras, que estiveran cortando o tránsito na rotonda de Navia, asi como con outros traballadores que se lle uniron a este grupo, e que chegaban do Polígono do Caramuxo e zona da estrada de Baiona. Este grupo cando recebeu a ameaza de desaloxo da rotonda de Navia foi camiñando até a estrada de Baiona, pasaron por diante de Citroen, e subiron por Martin Echegaray.

Carga polas costas na Avenida Castelao

Unha marcha de milleiros de traballadores que se xuntaran nesta rotonda dirixíase cara a Praza de América, e de repente, o grupo de antidisturbios que seguia de perto a esta manifestación comezou a lanzar botes de fume e pelotas de goma contra os traballadores, sen previo aviso e polas costas.

Os antidisturbios corrian mesmo polas beirarrúas, e un traballador do Metal tivo que axudar a unha señora cun neno pequeno a refuxiarse nunha tenda, mentres pasaba esta avalancha de fume e policias.

O refuxio de Barreras

Unha maré de traballadores correu até o estaleiro de Barreras para refuxiarse. Dúas barricadas a un e outro lado de Beiramar nesta zona impediría que cando chegaran os furgóns policiais puideran situarse tan perto como na anterior carga.

Aínda asi, durante máis de dúas horas os policias continuaron lanzando botes de fume e pelotas de goma, mesmo desde os dous lados de Barreras. Os traballadores resistiron a este embate policial, e pouco antes das dúas da tarde a presenza policial desaparecía deste estaleiro.

Asemblea final

Asi, para rematar a xornada tivo lugar unha asemblea no interior do estaleiro, na que interveu Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, na que sinalou que "mañá a primeira hora da mañá trasladarase a decisión tomada polas centrais sindicais á hora de realizar novas accións, porque imos continuar a darlle unha resposta".

Alcántara lembrou que "o que sucedeu hoxe non é nada fortuito", e recordou a asemblea da patronal do Ifevi na que reclamaban a actuación policial, e criticou o papel dos medios "que están a sinalar que a Policia actuou en resposta a nosa provocación", xa que "están a manipular a realidade dunha maneira insidiosa, para culpabilizar aos que non teñen culpa. Os verdadeiros culpábeis e os que cometen algún tipo de delito e de violencia nas empresas é a Patronal".

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG asegurou que "aqui os agresores se queren converter en vítimas e iso non llo imos permitir, porque somos parte da sociedade, somos traballadores e a grande maioría social, e a xente ten que saber porque estamos a loitar". Alcántara subliñou que "se hoxe houbo alguén aqui agredido foron os traballadores do Sector e non a policia".

Críticas ao papel das Administracións

Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, criticou o papel que está a xogar tanto a Administración galega como a española xa que "na Xunta non se está a facer nada por mediar neste conflito, e a Delegación do Goberno español xa vimos hoxe como pensa actuar neste conflito: con actuacións policiais desmedidas e criminalizando aos traballadores".

Malvido lamentou que "volvamos a tempos escuros nos que as forzas represivas do Estado volven actuar ao servizo dos poderosos e empresarios", asi como criticou que "os medios, os empresarios e a Policia teñan tan claro quen son os culpábeis desta situación cando nós sempre estivemos dispostos a negociar o convenio, e cando as nosas mobilizacións son un exemplo e mostra de forza mais tamén de responsabilidade e dignidade obreira".

Por último, o secretario nacional da CIG-Metal avaliou moi positivamente as xornadas de folga desta semana, e incidiu en que "esta última foi unha mostra de organización moi importante".

18/5/09

A MAIOR MANIFESTACIÓN DA HISTORIA NA DEFENSA DO NOSO IDIOMA




Onte 17-M día das letras galegas tivo lugar unha manifestación histórica nas rúas da nosa capital. Na defensa do noso idioma as baixas de sempre, nen PSOE, nen PP acudiron a manifestación na defensa do galego. Galiza deu unha lección, mais de 50.000 persoas encheron as rúas compostelanas ao berro unísono de “Na Galiza, en galego” que retumbaron os cimentos de Raxoi (lugar de residencia temporal do señorito Feijoo) ante tal marea humana. Nen a chuvia, que caeron chuzos de punta a instantes, fixeron reducir o número de manifestantes. Os convocantes, os mesmos que sempre que hai que defender o país, BNG, Ciga, Galiza Nova, Adega, SLG, Mesa pola Normalización, etc, estaban moi contentos ao remate coa actitude da sociedade galega acudindo en masa contra as políticas antigalegas de Feijoo.

A manifestación de onte, xa se coñece como a manifestación dos paraugas, como se pode apreciar na foto da entrada. A manifestación que tiña o lema de “Galego, o idioma que nos une” tivo 20 veces mais presencia que a convocada por Galicia Bilingüe na campaña electoral e apoiada polo PP e xente do PSOE na que se esixía a educación integramente en castelán e a desaparición gradual do galego, na que participaron 2.500 persoas, entre elas os dirixentes do PP de Vigo e A Coruña e 1.000 persoas que viñeron dende Madrid en buses pagados pola Falange e UPyD.

As propostas do PP en materia de lingua son claras. Hoxe, o día despois da gran manifestación, o novo Conselleiro en materia lingüistica dixo que iva a derrocar o decreto do galego (aprobado por unanimidade na época Fraga) dicindo que as manifestacións non valen para nada, que cada cidadán fala unha vez cada 4 anos e chega e que agora teñen un cheque en branco para estes 4 anos. Dende Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas denunciar esta actitude antidemocrática do novo goberno e esixir o noso dereito a estudar, traballar e vivir sempre en galego.

15/5/09

Que non esmaguen a nosa lingua!! - O 17-M a Compostela


Galiza Nova no marco da manifestación en defensa do galego que terá lugar en Compostela o vindeiro domingo 17 ás 12:00, vai colocar entre o venres 15 e o sábado 16 na totalidade das comarcas do país así como en numerosas localidades mesas informativas co material que a nosa organización baixo o lema “Non deixes que esmaguen a nosa lingua” sacou a rúa para denunciar a intención do PP de derrogar moitas das medidas que camiñaban cara a normalización da nosa lingua. Así mesmo dende Galiza Nova tamén se quere poñer de relevo que ante os atques e mentiras aos que está sendo sometido o galego faise máis necesario ca nunca que a mocidade se implique activamente na defensa da lingua propia da nosa nación e acuda de xeito masivo a manifestación do 17 con saída ás 12:00 da Alameda de Santiago. Vai a ler máis para visualizar o texto do panfleto.

QUE NON ESMAGUEN A NOSA LINGUA!!

A día de hoxe na nosa nación, o galego, a nosa lingua propia, vive unha situación de desigualdade a nivel público e social, de perda de falantes xeración tras xeración e de discriminación das e dos galego-falantes cando queren exercer o seu dereito básico a poder desenvolver a súa vida intregamente e con naturalidade en galego.

Froito dos intentos de avanzo na normalización da nosa lingua que impulsou o BNG durante a súa participación do goberno da Xunta, determinados grupos sociais minoritarios, apoiados dende sectores do poder, teñen lanzado a idea, nos últimos meses, de que en Galiza se estaba a vivir unha situación de “imposición del gallego” que nada se corresponde coa realidade.

Onde están as películas en galego nas salas de cinema? Onde están os videoxogos en galego? Canta prensa diaria podemos ler en galego? Cantas emisoras de música para xente nova podemos escoitar onde as e os locutores falen galego? Porque non temos dereito a recibir un ensino en galego e a aprender a nosa lingua? A resposta a calquera destas preguntas mostra a situación real e evidencia que minten os que non recoñecen que é o galego o que vive unha situación de indefensión e marxinación.

Mais temos que denunciar tamén que o PP (que durante este tempo estivo dando cobertura a estes grupos antigalegos) pretenda a través do goberno da Xunta de Galiza retroceder na normalización do galego e eliminar as medidas que procuraban un avanzo nos usos da lingua, en concreto en ámbitos como o ensino. É por iso que as mozas e mozos galegos nos opoñemos a estes ataques contra o galego e defendemos o dereito que temos de recibir un ensino na lingua propia de Galiza. Así mesmo, apostamos pola posta en marcha de novas medidas para o avanzo da lingua galega, ademáis de no ámbito educativo, en sectores tan importantes como os servizos públicos, os medios de comunicación, o lecer e as novas tecnoloxías...e chamamos a toda a sociedade e, especialmente á mocidade, a mobilizarnos contra as agresións ao galego, porque non son máis que unha agresión cara a nosa nación, cara todas e todos os galegos e o que nos une. É por iso que necesitamos o teu compromiso para frealos e que non esmaguen a nosa lingua: defende con nós o idioma que nos une!

MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO ÁS 12H NA ALAMEDA DE COMPOSTELA.

14/5/09

CENSURA EN TVE ANTE OS PITOS AO HINO ESPAÑOL





So na retransmisión feita por TV3, puido verse a gran pitada a El-Rei e ao Hino Español producido ao comezo da final disputada entre o Barcelona e o Athletic onte en Valencia.

No video vese o que realmente pasou. TVE negouse a emitilo para intentar impedir que se visualizase a maioría independentista no estado. TVE alude a un erro técnico e emitíu no descanso as imaxes do hino co son totalmente modificado e manipulado e varios planos cortos das poucas persoas no estadio que non silbaban.

Esto era algo que xa se vía vir, previamente Joan Laporta (presidente do Barcelona) dixo que era unha final entre algo mais que dous clubes, xa que representaban a dous países. A entrada do estadio foron repartidas miles de octavillas co lema “Catalonia is not spain”. Ademais a Plataforma Pro-seleccións catalanas repartiu 5.000 silbatos para usar durante o Hino e a chegada de El-Rei.

Non nos queda outra cousa que condenar a censura e manipulación de TVE (televisión que pagamos todos) e esixir responsabilidades aos responsabeis desta censura mais propia doutros tempos.

13/5/09

DEBATE SOBRE O ESTADO DA NACIÓN, PP E PSOE NON SE ACORDAN DE GALIZA

En días como o de hoxe, cos resultados actuais no Congreso (PP 11, PSOE 10, BNG 2), toda a xente que votou por unha forza dirixida dende Madrid tiña que reflexionar. Tras horas e horas de falar Zapatero e Rajoy, ningunha palabra sobre o noso país. Tivo que chegar Jorquera para que se falara de Galiza no Congreso.

O deputado galego, durante o seu escaso discurso (debido a que o único partido galego so ten 2 deputados) reclamou unha defensa do asteleiro de Fene e do sector lácteo na Unión Europea. ZP alagou a defensa destes sectores e dixo que volcará todos os seus esforzos no tema de Fene, pero non así no sector lácteo.

No relativo a infraestructuras e trala falsa promesa do ano 2012 como o da chegada o AVE ao noso país, Zapatero respostoulle a Jorquera que na próxima comparecencia de Pepiño Blanco no congreso dos deputados explicará todo o relativo a este tema.

Jorquera tamén lle preguntou pola defensa do galego, Zapatero respostou que respetaba o galego e o deputado galego contestoulle que aparte de respetalo tamén había que dar pasos na súa normalización. Jorquera preguntou pola capitanía de Burela e Zapatero recoñeceu que descoñecía o tema (é o que ten cando as decisións do noso país dependen de Madrid). Jorquera tamén reclamou que se poida ver gratuitamente as televisións portuguesas na Galiza igual que agora se ven as españolas.

No tema bancario Jorquera propuxo a creación dunha banca pública ao que Zapatero respondeu que prefería a banca privada (igual teñen que sacar o de socialistas do nome do seu partido). Jorquera propuxo un aumento considerabel dos impostos para os mais ricos ao que Zapatero negouse a contestar.

Sobre o financiamento autonómico puxo nun apreto a ZP que tivo que afirmar que antes do 15 de xuño presentarán a súa proposta (Esa que recordemos que ían ter feita o ano pasado e que segue en duras negociacións co PSC catalán para chegar a un acordo)

Por último Jorquera salientaba que moitas das medidas que propuxo Zapatero formaban partes das competencias do noso país.

Do resto do debate sanlientar a total falta de propostas do PP de Rajoy, cada vez mais dereitizado, que so propon reducir os dereitos dos traballadores, o despido libre e a reducción de impostos para os mais ricos. Resumindo, a crise que crearon os banqueiros e especuladores que a paguen os obreiros, que os ricos teñen que seguir co seu ritmo de vida.

Da intervención de propostas de Zapatero pouco que salientar, propostas vacías de contido e parches temporais a crise que non valen para o cambio do sistema productivo que el mesmo falou. Por poñer varios exemplos propuxo darlle un ordenador a cada alumno, esto cambia algo o sistema actual? Non sería mellor empezar a facelas cousas ben e comezar no campo da educación por retirar as clases de relixión, non dar nin un céntimo aos colexios privados, apostar unicamente por un ensino público de calidade e facer unha boa reforma estructural.

11/5/09

Xoves 14 folga por un ensino en galego



Na Galiza existe un conflito lingüístico: a substitución da nosa lingua propia polo español. Unha lingua allea foi imposta durante séculos polo poder político e económico e ainda hoxe conta con enormes privilexios legais e sociais, o que provoca un lento declive do uso galego que só é parcialmente freado polas iniciativas do movemento normalizador de base.

Na mocidade este feito é especialmente alarmante: por primeira vez na historia, a nosa xeración de mozas e mozos non temos como primeira lingua o galego.

O ensino é o principal axente desgaleguizador da xuventude. Unha lexislación de mínimos (o decreto 124/07) é sistematicamente incumprido coa complicidade da administración, o que provoca que miles de nenas e nenos galegofalantes abandonen a sua lingua ao remate do ensino obrigatorio e ao tempo impede que sectores xa españolizados adquiran un mínimo dominio do idioma do seu país.

Na Universidade, sen lexislación que ampare o galego, a situación é ainda pior, situándose o uso do galego nas aulas do ensino superior entre un ridículo 9% (UdC) e o 20% (USC) de media.

A imensa maioría dos ámbitos de lecer xuvenil están completamente españolizados. Cinema, música, videoxogos, programas informáticos… Nestes ámbitos a presenza do galego é ínfima, ante a indiferenza ou mesmo a hostilidade das administracións e dos medios de comunicación, tamén totalmente españolizados.

A pesar disto, o galego segue a ser a primeira lingua do país, grazas á vontade colectiva do noso pobo por manter vivo o seu principal sinal de identidade. Calquera situación de conflito lingüístico entre dúas ou mais línguas pode resolver-se coa desaparición da língua mais débil ou ben coa normalización desta. Apostamos por esta última alternativa, no camiño do monolingüismo social que nos traia a normalidade como pobo.

Aspiramos a unha Galiza na que toda a sociedade -e particularmente a mocidade- poda desenvolverse con plena normalidade no noso idioma. A nosa lingua nacional, e portanto a única que debe ser oficial, é o galego, e é partindo dela que debemos ver o mundo e coñecer outros idiomas e culturas.

6/5/09

GALIZA NOVA EXPLICARÁ A SÚA OPOSICIÓN AO PLAN BOLOÑA NA CAMPAÑA DAS EUROPEAS

Galiza Nova elaborou a súa proposta de programa xuvenil da organización frontista para as próximas eleccións ao Parlamento Europeo. Segundo Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, “fixemos unha serie de propostas ao programa electoral do BNG que procuran buscar solucións aos problemas que a día de hoxe ten a mocidade”.

“Galiza Nova non vai aceptar que se siga degradando o noso sistema universitario a través dunha reforma como o plan Boloña que afonda na mercantilización, elitización e uniformización da universidade”, asegurou.

Para isto o nacionalismo defenderá “unha política universitaria baseada na consideración da universidade como un servizo público esencial e no dereito que temos como pobo a definir o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades”, en clara oposición ao actual modelo do Espazo Europeo de Educación Superior “que provoca situacións tan escandalosas como a do novo mestrado de educación secundaria, antigo CAP, cunha clara discriminación por criterios económicos ou por limitación de prazas cara aos estudantes que se queren presentar ás oposicións” .

"Non queda outra alternativa máis que defender a Europa dos pobos, social e democrática"Segundo Aboi, “ante estas eleccións non queda outra alternativa máis que defender a Europa dos pobos, social e democrática na que cremos en Galiza Nova e no BNG”.

A situación laboral da xente nova


Para Galiza Nova “é central garantir o dereito da mocidade galega a formarse e traballar e vivir na nosa terra” como un principio reitor para facer fronte ao fenómeno da emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica na UE “que non deixa de ser emigración xuvenil encuberta”, segundo as mocidades nacionalistas.

Os eixos centrais do programa xuvenil do BNG estarán centrados segundo Aboi, “na situación laboral da xente nova, especialmente no actual contexto de crise económica onde as mozas e mozos vemos perigar o noso posto de traballo e sufrimos unha maior precariedade laboral”. Para Galiza Nova “é necesario a adopción de medidas concretas a favor do emprego digno e estábel cuns salarios xustos para a mocidade”, en oposición as políticas que se están a desenvolver a día de hoxe pola UE e polo goberno do Estado.