15/5/09
Que non esmaguen a nosa lingua!! - O 17-M a Compostela
Galiza Nova no marco da manifestación en defensa do galego que terá lugar en Compostela o vindeiro domingo 17 ás 12:00, vai colocar entre o venres 15 e o sábado 16 na totalidade das comarcas do país así como en numerosas localidades mesas informativas co material que a nosa organización baixo o lema “Non deixes que esmaguen a nosa lingua” sacou a rúa para denunciar a intención do PP de derrogar moitas das medidas que camiñaban cara a normalización da nosa lingua. Así mesmo dende Galiza Nova tamén se quere poñer de relevo que ante os atques e mentiras aos que está sendo sometido o galego faise máis necesario ca nunca que a mocidade se implique activamente na defensa da lingua propia da nosa nación e acuda de xeito masivo a manifestación do 17 con saída ás 12:00 da Alameda de Santiago. Vai a ler máis para visualizar o texto do panfleto.
QUE NON ESMAGUEN A NOSA LINGUA!!
A día de hoxe na nosa nación, o galego, a nosa lingua propia, vive unha situación de desigualdade a nivel público e social, de perda de falantes xeración tras xeración e de discriminación das e dos galego-falantes cando queren exercer o seu dereito básico a poder desenvolver a súa vida intregamente e con naturalidade en galego.
Froito dos intentos de avanzo na normalización da nosa lingua que impulsou o BNG durante a súa participación do goberno da Xunta, determinados grupos sociais minoritarios, apoiados dende sectores do poder, teñen lanzado a idea, nos últimos meses, de que en Galiza se estaba a vivir unha situación de “imposición del gallego” que nada se corresponde coa realidade.
Onde están as películas en galego nas salas de cinema? Onde están os videoxogos en galego? Canta prensa diaria podemos ler en galego? Cantas emisoras de música para xente nova podemos escoitar onde as e os locutores falen galego? Porque non temos dereito a recibir un ensino en galego e a aprender a nosa lingua? A resposta a calquera destas preguntas mostra a situación real e evidencia que minten os que non recoñecen que é o galego o que vive unha situación de indefensión e marxinación.
Mais temos que denunciar tamén que o PP (que durante este tempo estivo dando cobertura a estes grupos antigalegos) pretenda a través do goberno da Xunta de Galiza retroceder na normalización do galego e eliminar as medidas que procuraban un avanzo nos usos da lingua, en concreto en ámbitos como o ensino. É por iso que as mozas e mozos galegos nos opoñemos a estes ataques contra o galego e defendemos o dereito que temos de recibir un ensino na lingua propia de Galiza. Así mesmo, apostamos pola posta en marcha de novas medidas para o avanzo da lingua galega, ademáis de no ámbito educativo, en sectores tan importantes como os servizos públicos, os medios de comunicación, o lecer e as novas tecnoloxías...e chamamos a toda a sociedade e, especialmente á mocidade, a mobilizarnos contra as agresións ao galego, porque non son máis que unha agresión cara a nosa nación, cara todas e todos os galegos e o que nos une. É por iso que necesitamos o teu compromiso para frealos e que non esmaguen a nosa lingua: defende con nós o idioma que nos une!
MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO ÁS 12H NA ALAMEDA DE COMPOSTELA.
Etiquetas:
manifestacion
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario