Ante o anuncio da Conselleira de Sanidade de elevar a idade legal para o consumo de alcohol e restrinxir o consumo en vía pública, Galiza Nova ofreceu unha rolda de prensa para amosar públicamente o seu rexeitamento ás medidas propostas por Pilar Farjas. Neste sentido a Secretaria Xeral da nosa organización manifestou que “se trataría dunha reforma que rescata as receitas máis rancias, como a lei do botellón impulsada por Aznar hai anos no goberno central. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora”. Así mesmo, Iria Aboi denunciou o feito de que dende o PP se adopten este tipo de medidas sen facer, pola contra, ningún tipo de proposta alternativa de lecer para a mocidade e mesmo eliminando algunhas creadas polo BNG como o xogo de rol “Irmandiños, a revolta”. Premendo en ler máis podes ler a nota completa.
Para Galiza Nova resulta inaceptábel o feito de que a Consellaría non se teña posto en contacto coas organizacións xuvenís para lles comunicar a súa intención de reformar a lei e como se fai facer. A este respecto a nosa Secretaria Xeral lembrou que cando na anterior lexislatura se quixo afrontar unha reforma desta lei, houbo unha convocatoria para que as asociacións xuvenís amosasen o seu parecer e propostas e daquela as xuventudes do PP “estaban en contra de calquera medida destinada a vincular o botellón cun problema de saúde pública. Mais os que criticaban algo asi, agora están calados”. Galiza Nova seguirá a traballar para que dende as institucións se deixe de criminalizar a mocidade e realmente se afonde nas políticas precisas para paliar os problemas da xente nova na nosa nación.
A Secretaria Xeral da organización nacionalista pregunta a Pilar Farjas se vai prohibir o consumo de alcohol na rúa nas festas populares
Santiago de Compostela, 29 Xuño 09. A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que criticou o anuncio da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, de modificar a Lei de Drogas no sentido de elevar a idade legal para o consumo desta substancia e restrinxir o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública.
A dirixente nacionalista amosou a disconformidade ante estas declaracións “no fondo e na forma” e indicou que se trataría dunha reforma que “rescata as receitas máis rancias, como a lei do botallón impulsada por Aznar”.
“Os tempos cambiaron”, continuou Aboi, “e se esas receitas non foron válidas daquela, tampouco o son agora. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora”.
No referido á prohibición de beber na rúa, Iria Aboi indicou que o que se está a facer é “diferenciar entre consumo malo e consumo bo” e perguntou á titular de Sanidade se vai prohibir tamén o consumo de bebidas alcohólicas na rúa nas festas populares.
Consulta sobre o consumo de alcohol
“Xa que están a poñer de moda as enquisas”, continuou, “poderían facer unha consulta para ver o que lle parece aos cidadáns sobre isto”, dixo, “levarán unha sorpresa”.
A Secretaria Xeral de Galiza Nova criticou que os populares adopten este tipo de medidas sen facer, pola contra, ningún tipo de proposta para alternativas de lecer da mocidade e mesmo eliminando algunhas creadas polo BNG como o xogo de rol “Irmandiños, a revolta”.
Tamén cargou a dirixente nacionalista contra o feito de que a Consellaría non se teña posto en contacto coas organizacións xuvenís para lles comunicar a súa intención de reformar a lei.
Tampouco se ten implicado no proceso a sectores afectados como o da hostelaría e, en opinión de Iria Aboi, esta negativa ao diálogo só pode deberse a que “queiran impoñer as súas opinións sen escoitar nin debater nada, sen saber o que opina a xente nova”.
Aboi quixo lembrar tamén que cando a cando a Consellaría de Sanidade do bipartito quixo afrontar unha reforma da lei de drogas houbo unha convocatoria para as asociacións xuvenís e apuntou que, daquela, as xuventudes do PP “estaban en contra de calquera medida destinada a vincular o botellón cun problema de saúde pública. Os que criticaban algo asi, agora están calados”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario