Ante a Consulta trampa da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino, Galiza Nova quere manifestar a súa oposición a unha medida coa se pretende dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política de eliminación do galego do ensino: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, que xa anunciaron dende a Consellaría de Educación. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular dentro da súa campaña para exterminar a lingua da nación. Vai a ler máis para ver o posicionamento completo da nosa organización sobre esta cuestión.
CONSULTA DA XUNTA DE GALIZA SOBRE O GALEGO NO ENSINO
O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que en teoría ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.
Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno do Partido Popular a elaborala, Galiza Nova e tamén o BNG fan as seguintes valoracións:
1.- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto 124/07 sobre o uso do galego do ensino. O PP decidiu no seu día afastarse do consenso sobre o galego (Plano Galego de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004). Anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no goberno reiterou esa intención. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular.
2.- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos. Non existen suficientes garantías de que os resultados non poden ser mesmo manipulados se non fosen do agrado do partido no goberno.
3.- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, porque sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.
4.- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego.
Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.
5.- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”, un dispendio impresentábel no actual contexto de precariedade de medios humanos e materiais que caracteriza a situación do ensino público en Galiza.
6.- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
7.- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario