10/11/11

Entrevista ao cabeza de lista do BNG ao congreso por Ourense

Entrevista a Xosé Manuel Pérez Bouza, cabeza do cartel ao Congreso polo BNG en Ourense. O paro entre os mozos, o galego nos medios e as supostas conexións da planta de residuos de Xinzo coa trama Brugal son algún dos temas que aborda o senador nacionalista.

A enquisa do venres do CIS apunta a que o BNG manterá dous escanos, pero dálle moi poucas opcións de lograr representantes por Ourense ou Lugo. Que lle diría aos votantes de esquerda de Ourense para convenvelos de que votar BNG en Ourense tamén é voto útil?

No BNG sempre optamos por non valorar as enquisas, pero en todo caso o CIS en ningún momento di que teñamos poucas opcións. E dende logo, todas as sensacións indican que o BNG está á alza e iso tamén ocorre en Ourense, onde estamos vivindo un nivel de asistencia aos actos e de apoio nas rúas durante esta campaña como nunca viviramos antes. E iso ten moito que ver coa consideración que o voto útil, que a única forza política que vai ir a Madrid a defender os intereses dos galegos e cuxo voto non vai estar ás ordes dos poderes financeiros é o BNG.

O programa electoral do BNG di que "neste momento non abonda simplemente con reformas estatutarias no marco dunha Constitución que se ve superada amplamente pola realidade". Quere dicir isto que o Bloque xa non cre nunha reforma do Estauto de Autonomía?

Nese aspecto, o BNG está onde sempre estivo, na defensa dunha Galiza soberana en todos os sentidos, máxima capacidade política e máxima capacidade financieira, ese é o noso obxectivo. O que resulta evidente é que o actual modelo estatutario e constitucional xa non dá máis de si e temos que ir cara a un maior autogoberno, como hai que ir cara outra construción de Europa, totalmente contraria á actual forma neoliberal.

Pero cal é a súa alternativa?

Apostamos por unha Europa dos pobos, non dos mercados, e por unha Galiza soberana a nivel nacional e a outros. A soberanía non pode residir nos despachos dos ricos senón na vontade do pobo. Hipotecar os servizos públicos, a sanidade, a educación, as pensións, en definitiva o benestar da xente, para encher os petos dos banqueiros é faltar á máis mínima decencia democrática. E nós somos demócratas, nesta campaña estamos falando dunha lei de consultas, para facer do referendo un instrumento de profundización na democracia. Non nos poden gobernar persoas ás que ninguén votou nin merecen o voto aqueles que, pregados a intereses da elite, sabemos que tomarán decisións nefastas para as maiorías sociais que nadie apoiou nas urnas xa que non aparecen nos seus programas. PP e PSOE xa sabemos que non respectan a palabra dada. Nós non somos así, non lle temos medo á democracia. E, non está de máis recordalo, por iso somos tan distintos ás outras dúas forzas.

Con que resultado electoral se sentiría satisfeito?

Estamos convencidos de que o nacionalismo galego ten grandes opcións de obter representación en Madrid pola provincia de Ourense or primeira vez na súa historia. Notámolo estes días de campaña porque ademais o BNG acredita nos ourensáns, e temos esperanza que o boa valoración que estes fan do traballo feito polo BNG nas Cortes Xerais, se traduza en apoio eleitoral, se iso ocorre sen ningunha dúbida opteremos representación, ademais non hai ningunha razón para que apoien ao PP ou ao PSOE e non apoien ao BNG, cando xa está máis que demostrado que tanto os deputados como os senadores do PP e PSOE eleitos por Ourense, pasan os catro anos da lexislatura e non abren a boca en defensa dos intereses da nosa provincia, e isto é algo que saben ben os ourensáns.


No seu paso polo Senado gañou certa notoriedade mediática a nivel estatal por ser un dos senadores máis críticos coa propia institución. Tamén gañou un recoñecemento como "senador revelación" por parte da prensa. Con todo, vostede aceptou apostar por encabezar unha lista por Ourense na que ten complicada sacar un escano. Dende fóra parece unha aposta política moi arriscada para o futuro da súa carreira ....

A miña carreira?.. Eu non estou en política para facer carreira persoal, eu estou en política para defender os intereses do meu pobo e dos seus cidadáns, e por iso sempre estiven alí onde o BNG e eu mesmo pensamos o meu traballo pode ser útil para acadar ese fin. Se o os ourensáns queren que os represente en Madrid, no Congreso dos Deputados, fareino orgulloso, senón o día 21, coa mesma discreción que deixei o meu traballo no 2008 para representar aos galegos/as no Senado, volverei ao miña plaza de enfermeiro do SERGAS, a seguir traballando polo pais desde outros ámbitos. E se no Senado este traballo do BNG obtivo certa relevancia foi primeiro porque, desgraciadamente, a maioría dos que alí están en representación doutras forzas non fan absolutamente nada, están de retiro pagado con cartos públicos. Con toda a humildade eu traballei todo o que puiden e seguirei a facelo, é o normal. Dado que o resto de senadores por Galiza non o facían, era eu só intentando encargarme de tres millóns de galegos, e iso dá para traballar arreo.


Cada vez que o seu nome ou o de Jorquera saen no GC, algún dos comentaristas habituais sempre critica que os representantes do Bloque nas Cortes nunca lograron traer nada concreto para Galicia, a diferencia, di, dos nacionalistas cataláns e vascos. Sería quen de sinalar algún avance concreto para Galicia que se produciu esta lexislatura grazas aos representantes do Bloque en Madrid?

Iso é rotundamente falso, non hai grupo parlamentario no Congreso e no Senado, que rentabilice tanto a súa representación como o BNG, nin tan sequera os vascos ou os cataláns. Os logros foron moitos, pero por citar só un de gran relevancia direi que Galiza conseguiu un porcentaxe das inversións do Estado do 8% e máis de 2.000 M € cada ano, grazas a presenza do BNG, senón aínda tardaríamos moito tempo en chegar a estes porcentaxes. Pero ademáis a nos presencia fai que se eviten moitas discriminacións con Galiza que se nos non estiveramos produciríanse continuamente sin que os representantes do PP e do PSOE eleitos por Galiza, nin tan sequera abran a boca. Por dar outro dato na última lexislatura a pesar de votar en contra dos orzamentos do Estado por consideralos perxudiciais para os galegos e as galegas, conseguimos aumentar as inversións en Galiza en máis de 150 M€. Que alguén me diga quen conseguiu máis con 2 deputados e 1 senador, ou que alguén me diga de que lle valeu a Galiza ter no Congreso dos Deputados 11 representantes do PP e 10 do PSOE, para nada, esa é a realidade. A realidade é que dende que o BNG está en Madrid en 1996, Galiza está presente na política estatal, quen se preocupaba de nós antes? Ninguén. Por iso somos o único voto útil para Galiza.

Que lle parecen as declaracións dos líderes do PSdeG de Ourense dicindo que o único voto útil para a esquerda na provincia é para os socialistas?

O único voto útil para Galiza é ao BNG, pero tamén o único voto de esquerdas en Galiza é ao BNG, o PSOE demostrou nos últimos meses estar ás ordes dos mercados e iso é a antítese do que significa a esquerda. Xa hai moitos anos que Joaquín Sabina decía nunha canción que o Partido Socialista Obrero Español, o único que lle quedaba era o de Partido e o de Español, por que o de Socialista e o de Obreiro había tempo que o perdera.

Nos últimos meses desapareceron a práctica totalidade das cabeceiras en galego. Un dos factores que contribuíu a este desenlace é a falta de axudas da administración. Pode o Estado xogar algún papel para fomentar os medios en galego?

Votando ao BNG pode ser, votando aos outros seguro que non. En todo caso, o maior culpábel do acoso que sofre a lingua e a cultura galega é o PP de Rajoy e Feijóo, que se manifestou con Gloria Lago e Rosa Díez en contra do galego. Eu consultaba os medios no noso idioma e teño a esperanza de que algún día muden as cousas e con absoluta normalidade a maioría dos medios utilicen a nosa lingua, por que por moito que o intenten con este país non van poder.

Ourense segue a ser unha provincia na que a mocidade ten dúas alternativas, opositar ou emigrar. Que alternativa ofrece o Bloque aos mozos para fomentar o emprego na provincia?

A desfeita económica á que levaron a Ourense é de tal calibre que xa non é só que a mocidade teña que emigrar, senón que case xa non hai xente nova. Pero insisto en que eu creo nas nosas comarcas, que teñen unha potencialidade tremenda en moitos aspectos, como no agro-gandeiro, no turístico, tamén no industrial. O que hai que facer é deixar de regalar os cartos aos poderosos e investilos na xente, o que hai que facer é unha reforma fiscal que acabe coa fraude dos ricos e que lles faga pagar máis aos que máis teñen para favorecer ao pobo, o que hai que facer e acabar co gasto inútil nas deputacións, o que hai que facer é mover o crédito aos autónomos e as pequenas e medianas empresas, algo que entre o Goberno central e a Xunta acaban de liquidar coa destrucción das caixas, de aí que nós apostemos por unha banca pública, ao servizo dos galegos, non das bolsas e o ladrillo. Temos agora unha oportunidade inmellorábel para conseguilo, pero Feijóo non quere. Prefire regalar décadas de aforro dos galegos aos especuladores.

Vostede vinculou o anuncio dunha planta de tratamento de Residuos en Xinzo co caso Brugal. Por que?

Porque é a verdade. A empresa que veu a Xinzo a presentar o proxecto por mediación do Alcalde do PP, non é mais que unha "tapadeira" dun entramado empresarial directamente vinculado cunha trama de corrupción que ven actuando na zona do Levante español, que está sendo investigada na "Operación Brugal". Resulta curioso que este a este tipo de proxectos especulativos e mafiosos conten con aval do PP. Desde logo o BNG quere outro tipo de proxecto industriais para A Limia e para Ourense. Proxectos que pechen o círculo productivo, que xeneren riqueza e postos de traballo sen destruir o que hai e sen ter un efecto negativo sobre o medio. En definitiva o BNG non vai permitir que a Limia, que ten un gran potencial agrario, se convirta no vertedoiro de Galiza, por obra e gracia do PP.

10/10/11

12 de Outubro, nada que celebrar



Como resposta ás celebracións oficiais do “Día de la Hispanidad”, inzadas de exibicións de militarismo e españolidade, a nosa organización editou un cartaz que colou en varias comarcas do país co lema: A súa “Fiesta Nacional” conmemora un xenocidio. 12 de outubro, nada que celebrar

O 12 de outubro de 1492 supuxo o comezo de mais de 500 anos de masacre sistemática da poboación americana e espolio dos seus recursos, espolio que ainda continúa da man de empresas (moitas delas españolas) que explotan os recursos naturais deses países e da permanente ameaza ou agresión directa do imperialismo.

O “Día de la Hispanidad”, aniversario do comezo da longa escravitude de todo un continente que agora comeza a espertar, é unha data de festa e orgullo para o Estado no que nos obrigan a viver, mais tamén unha data contra a que se rebela a mocidade máis consciente e combativa.

5/7/11

XORNADA FESTIVO POLÍTICA



O sábado 9 de xullo Galiza Nova organiza en Manzaneda unha xornada festivo-política.

As 11:30 partirá da praza do Concello un roteiro no que pode participar todo o mundo dunhos 5 quilómetros e que servirá para coñecer un pouco mais a zona.

As 14:00 no restaurante Nevada celebrarase un xantar para a xente que queira. Anotarse antes do Xoves 7 de Xullo. O prezo será arredor dos 10 €.

As 16:30 no salón de actos do Concello de Manzaneda celebrarase unha mesa redonda aberta a todo o mundo sobre alternativas para o desenvolvemento das zonas rurais, actuacións a levar a cabo para fixar poboación e infraestructuras necesarias para poder levalo a cabo. Participarán:
XOSE MANUEL PÉREZ BOUZA - Senador do BNG.
DAVIDE RODRIGUEZ - Alcalde de Manzaneda.
XOSE ANTONIO NUÑEZ - Ex-Alcalde de Manzaneda.

As 19:00 nas inmediacións do pavillón xogaranse aos bolos celtas e a billarda, deportes tradicionais típicos da zona.

Para mais información ou anotarse ao xantar enviar un email a trives.gz@gmail.com

19/10/10

Galiza Nova concentrouse diante do Parlamento contra a supresión do Noitebús

Na mañá de hoxe debateuse no Parlamento galego unha Proposición Non de Lei, presentada polo BNG, na que se instou ao goberno do PP na Xunta de Galiza ao mantemento do Noitebús, tendo en conta o grande respaldo social co que conta este servizo e a súa importante contribución na redución da sinistralidade da xente nova nas estradas. A posición do PP foi, unha vez máis, a de ir en contra das mozas e mozos galegos votando negativamente a esta iniciativa e reafirmándose en que van retirar a subvención precisa para o funcionamento deste servizo.

Mentras tanto, ás portas do Pazo do Hórreo Galiza Nova congregou a un numeroso grupo de mozas e mozos na concentración simbólica que a nosa organización convocou contra a supresión do Noitebús. Quixemos, deste xeito, amosar o noso rexeitamento ante a intención do PP de suprimir este servizo, amplamente demandado pola mocidade e que ten demostrado unha importante contribución á hora de facilitar a mobilidade das e dos máis novos e ao mantemento da seguridade viaria.

Desde a nosa organización encetamos con este acto unha importante campaña dirixida a informar e mobilizar ás mozas e mozos galegos fronte a este novo atropelo do goberno do PP na Xunta de Galiza. Así realizaremos ao longo de todo o país actos informativos e iniciamos xa unha campaña de recollida de sinaturas contra a supresión do Noitebús. Súmate a nós!

9/2/10

Presentada a ILP en defensa do galego!

Na mañá de hoxe Galiza Nova participou da presentación no rexistro do Parlamento de Galiza da Iniciativa Lexislativa Popular que dende a Plataforma Queremos Galego está a impulsarse. En verbas da Secretaria Xeral, Iria Aboi, “esta ILP ven a garantir os dereitos lingüísticos do noso pobo, fronte as políticas de exterminio lingüístico do Partido Popular na Xunta de Galiza.”Dende a nosa organización reiteramos que volcaremos todos os nosos esforzos para que a ILP chegue a debaterse no Parlamento galego, para o cal se require un mínimo de 15.000 sinaturas, respondendo de forma activa ante os ataques do PP á lingua propia da nosa nación. Súmate a nós!

29/10/09

XI Asemblea Nacional de Galiza Nova



O 24 e 25 de outubro de 2009 celebramos en Santiago de Compostela a XI Asemblea Nacional de Galiza Nova e, a continuación, damos conta dos resultados dos debates e das votacións resultantes desta.

O Informe de xestión da Dirección Nacional ficou aprobado co 56,92% dos votos a favor, o 40,51% de votos en contra e co 2,56% de abtencións.

O conxunto das Teses a debate nesta IX Asemblea de Galiza Nova aprobáronse co 80% dos votos a favor, co 13,77% dos votos en contra e co 6,22% de abstencións.

Do resultado das votacións á Dirección Nacional de Galiza Nova na XI Asemblea Nacional, os resultados foron dun 57,5% dos votos á lista encabezada por Iria Aboi e 15 representantes, un 20,9% dos votos para a lista encabezada por Noa Presas e 5 representantes, un 19,3% dos sufraxios para a encabezada por Ínhigo Ansotegui e 5 representantes. En consecuencia, Iria Aboi foi reelixida para a Secretaría Xeral de Galiza Nova.

A XI Asemblea de Galiza Nova contou coa presenza de numerosas organizacións do país: A Mesa, CIG, Comités, SLG, ORGACCMM, entre outras; do Consul cubano na Galiza, así como do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ademais dos membros da Executiva Nacional Montse Prado, Carlos Aymerich e Rafa Villar, o deputado galego Bieito Lobeira, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda e o ex-secretario xeral de Galiza Nova e ex-director xeral de Xuventude, Rubén Cela.

26/10/09

Cea de Galiza Nova Trives e Caldelas



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas organiza unha cea o próximo sábado día 31 de Agosto as 22:00 horas en Casa Cachín, en Abeleda, no concello da Teixeira, pertencente as Terras de Caldelas. Se queres acudir apuntate enviando un email a: trives.gz@gmail.com ou no teléfono: 627780891.