19/10/10

Galiza Nova concentrouse diante do Parlamento contra a supresión do Noitebús

Na mañá de hoxe debateuse no Parlamento galego unha Proposición Non de Lei, presentada polo BNG, na que se instou ao goberno do PP na Xunta de Galiza ao mantemento do Noitebús, tendo en conta o grande respaldo social co que conta este servizo e a súa importante contribución na redución da sinistralidade da xente nova nas estradas. A posición do PP foi, unha vez máis, a de ir en contra das mozas e mozos galegos votando negativamente a esta iniciativa e reafirmándose en que van retirar a subvención precisa para o funcionamento deste servizo.

Mentras tanto, ás portas do Pazo do Hórreo Galiza Nova congregou a un numeroso grupo de mozas e mozos na concentración simbólica que a nosa organización convocou contra a supresión do Noitebús. Quixemos, deste xeito, amosar o noso rexeitamento ante a intención do PP de suprimir este servizo, amplamente demandado pola mocidade e que ten demostrado unha importante contribución á hora de facilitar a mobilidade das e dos máis novos e ao mantemento da seguridade viaria.

Desde a nosa organización encetamos con este acto unha importante campaña dirixida a informar e mobilizar ás mozas e mozos galegos fronte a este novo atropelo do goberno do PP na Xunta de Galiza. Así realizaremos ao longo de todo o país actos informativos e iniciamos xa unha campaña de recollida de sinaturas contra a supresión do Noitebús. Súmate a nós!