22/12/08

MANIFESTO POLA LINGUA

O pasado mes de xuño un grupo de “intelectuais” próximos a UpyD de Rosa Díez fixeron público un escrito titulado “Manifiesto por la Lengua Común”, no mesmo reivindicaban o papel do castelán como lingua prioritaria en todo o Estado. No texto non se aforraban ataques contra os intentos de normalización lingüística en Galiza, Cataluña e Euskadi á vez que se propoñía unha reforma constitucional que supeditase aínda máis as linguas destes países á castelá. A esta campaña de adhesións ao manifesto sumáronse inmediatamente importantes medios de comunicación madrileños como El Mundo ou Tele 5, entre outros e personaxes galegos lamentáblemente da talla de Oscar Pereiro, Roberto Verino e Luz Casal, ainda que esta última se botou atrás logo de ver as reaccións dos galegos ante tan aberrante manifesto alegando ser enganada polo periódico Madrileño. .

Dende a Aelga piden que as adhesións individuais e colectivas a este manifesto se fagan chegar ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org

O manifesto é o seguinte:

Manifesto de Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca"

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, como integrante da Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca", da que tamén forman parte a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), emite a 11 de xullo o seguinte manifesto.

Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca” quere deixar constancia do seguinte:

1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.

2. O galego, o éuscaro e o catalán non son "inventos" recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de
usos públicos, non se produciu de forma "natural", senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.

3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.

4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir queson as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.

5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.

6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.

7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.

8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.

9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.

10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.

Xullo de 2008

15/12/08

COCIÑA ANTICRISE

-O ano chega ó seu fin, e con él as festas das que poidemos disfrutar nestes meses sobre todo as do verán entre as que cabe destacar por ser “primeiras edicións” e por cercanía a do Porco Celta en Manzaneda e a do Viño en Castro Caldelas, sen olvidar a organizada en Manzaneda para os cativos chamada festa da espuma anque os que acabaron espumeando foron cativos e non tan cativos.

-Rendimos homenaxe á Banda de Gaitas de Manzaneda pola súa reorganización e damos grazas por recuperar a ilusión e polos continuos saltos que deu no terceiro grado ata ascender ó segundo. ÁNIMO RAPACES!!

-A continuación vai unha receita de cociña económica para recordares que chegou o Outono-Inverno e todo voltou á normalidade despois do verán e quizás haxa quen teña que rescatar o que gastou nas vacacións ou aforrar para as compras do Nadal.


XUDIAS CON OVO


Ingredientes para 4 persoas (bós comedores)

Xudias 750 gr
Ovos 2 unid
Cebola ½ unid
Panceta 150 gr
Vinagre, Aceite, Pimentón, Sal (diso temos todos)

Cocer as xudias en auga salgada durante 25 min. Cocer os ovos, tempo estimado: 12 min.
Picar a cebola e pochala en aceite (que nade), cando empece a estar branda engadir a panceta cortada en tacos lixeiramente desalgada (en auga ou leite), remover, botar pimentón e chorro de vinagre e apagar o lume.
Poñer os fréxeles, o ovo á metade e regar co preve.


MUSLOS DE PAVO GUISADOS


Ingredientes:

Muslos de pavo 4unid
Cebola 1 unid
Cervexa 2 unid (1 para cociñar e a outra para beber )
Cebola, allo, perexel, loureiro
Mostaza e Brandy (opcionais)

Fritir os muslos nunha sartén, salpimentandoos. Se hai mostaza untalos con ela, se é en polvo engadirlla á salsa.
Picar a cebola, allo, perexel e botar os muslos e todo esto nunha pota cunha folla de loureiro, engadir brandy (canto máis caro, mellor!) e cando o guiso xa non feda a brandy que tumbe (será que se evaporou) engadimos a cervexa. Ímolos acribillando de vez en cando para ver cando está a carne apetitosa e branda. Se se sume a cervexa auga do grifo que tamén é boa! Hasta que estén.
Como guarnición patacas fritidas ou no caso de estar a dieta leituga ou arroz integral.

E despois desta panzada recoméndovos unha froita, as máis light deste tempo peras, laranxas ou mandarinas das cales 100 gr só aportan 40 kcal.
Recordar porque temos que comer estes productos que furan tanto as tripas como a cebola que ten selenio, e é moi importante para encontrarse ben e non andar”mareao” e tamén que o viño é bo porque ten taninos, que son antioxidantes para o noso organismo, pero claro... un vaso, non un tras outro!
Tamén que as mulleres necesitamos 18 mg de ferro no noso corpo e os homes só 12, que no-l los aportan alimentos como as lentellas pero ollo! éstas teñen déficit de aminoácidos entón engadiremos cereais, patatas, calabacín…. e Vitamina C (pemento, perexel, zumo de laranxa ou limón) para que o noso organismo absorba este ferro.

E……como diría Pemán:
A previsión do tempo para os vindeiros días é chove, neba, fai sol, marmaña na cabaña, boa noite, deica mañán.

11/12/08

COETÁNEOS

Busco a túa atención. Sempre o fixen. Chámasme tola por mostra-las miñas contradiccións, cada un dos meus medos, a miña inseguridade, a miña torpeza, o que dependo de ti. Pois prefiro ser tola e sentir tantas cousas que corda e finxir ser unha prancha de xeo. ¿Non te escravizan as dúbidas? O teu orgullo, o teu estúpido ánimo de supervivencia é desvastador para persoas coma min. Piares da corrupción do espírito, da degradación persoal, da aniquilación emocional. ¡Esperta! ¡Se ti mesmo! Camiña libre de prexuízo, de toda idea preconcibida. Abandona o odio, a amargura. Loita por un ideal. Un ideal de harmonía que che axude a escapar da túa prisión en vida. Desvincúlate do medo. ¿Aínda temes? É algo necesario. ¿Es capaz? ¿Cuán de rebelde es? ¿Cuán de idealista? ¡Esperta do letargo! Dime que pasaría se cada vez que desexaches dar un bico o deses, se cada vez que desexases dicir "quérote" o fixeses, se cada vez que desexaches arredarrte o fixeses sen darlle explicacións a ninguén, se cada vez que desexases berrar o fixeses, se cada vez que desexases facer o que realmente anhelases non houbese traba ningunha. Nunca che fixen dano plenamente consciente de como che repercutiría. Mírame, nunca máis vou volver pedir perdón. Canseime de mirar sen ganas, de oír sen tempo, de rir sen graza, de quedar por quedar. Toca a hora do silenzo entre ti e eu. As túas son pequenas accións descontroladas. A túa barreira. A túa cuncha. O teu medo. ¿Non te ves? ¿Por que somos así? A miña indiferenza está xustificada. A túa non. ¿Onde quedou a túa rebeldía? ¿Onde quedou a ansia de amar, de coñecer, de mostrar, de ensinar, de sentir, de crer, de loitar? ¿Por que te cegas con esta idade? ¿É este o teu apercibimento do mundo real? Xoves borregos. E infantil chamáchesme a min. Creme que se manifesto unha conduta infantil é por ti, non por min. Necesito durmir crendo que aínda pode haber paz e toda esa serie de ideais bos, positivos, ¡utópicos!¡ ¡irreais!! ¡Canta maldade me acinou nun cuartucho de pesimismo extremo! Non ía quedar aí, non son eu quen debe atormentarte, o mundo farao só. Antes odiaba e quería protexervos a todos. Agora son incapaz de odiar, ¿de quen te vou protexer entón? ¿De ti mesmo? ¿Dos teus falsos ideais? ¿Da túa equivocada percepción do mundo no que vives? ¿Velo? ¿Cando queres espertar? Déixame dicirche que dentro de pouco a maioría de vós aborreceredes a vida e todo o que puidestes facer e non fixestes. Socialmente aceptable a túa conduta. Eu riome dela. ¿Porque non me apertas? Chora comigo, dime que che pasa, saca toda esa dor, toda esa rabia. Quizabes eu te entendo. Non necesitas finxir o que non es. Non necesitas nada máis que un oído atento ao teu lado para redimir os sufrimentos. Conta comigo agora. Nunca máis lle quererás mentir ao mundo porque a túa máscara queda no banco no que sentas. Que me cuestionen, que me xulguen, que me critiquen. Eu non amo a ninguén. Sobrevivo con retallos de cariño. Á fin e ó cabo, tamén son humana. As miñas mentiras son sempre verdades a medias. Non sabes ler entre liñas. Estou viva, ti dis que me equivoco, estou a dar un paso máis, o paso que ti non dás. Egoísta. Ti tamén o es pero dunha forma banal. O meu é máis finito. ¿É mellor dar ou querer dar? Ti queres dar, eu dou. ¿Nunca oíches iso de que non hai vencedor ata o final? Non temos capacidade para ser fieis toda a vida, non podemos sorrir sempre, non valemos para manter durante cincuenta anos un bonito tema de conversación, e moito menos te crerás capacitado para traer a este mundo un ser sen poder asegurarlle-la felicidade. Son consecuente. Penso en min, no meu benestar, na miña propia tranquilidade, se penso en ti e nos demais xamais obterei nada. ¿Pensaches algunha vez niso? En que se amas, pérdeste. En que se amas, sofres, deixas de ser ti. Ama por momentos, entrégate a cachos, mantén a consciencia. Non hai ninguén máis importante ca ti, ninguén máis belo, nin mellor, só o que existas implica que es marabilloso, especial. Estás aquí por algo. Hai unha función asignada para ti. Espera. E busca. ¿De verdade cres que é tan malo esperar e buscar á vez? ¡Si! Tola. Ti o dis. Pero choro e río, son máis mala que ninguén, pero ¿sabes? Máis boa que ti, porque me mostro, porque fago o que quero. E eu vivo a miña vida como quero porque non teño outra. ¿Cal é o teu ideal? ¿Que persegues ti? Non quedo ben con ninguén pero, ¿quen demos queda ben comigo? A xuventude está alienada, os nosos pais acostumados. Expectativas frustradas. Choque de egoísmos. Unha carreira, un traballo, unha casa, un coche, unha parella, uns fillos, ¿que toca agora? ¿a morte? O proceso comezará de novo. Dime. E ti sen facer nada. Sen crer en nada. Mentalidade bonita a nosa, a dos mozos. ¿Non tes un sono? Eu quero algo máis que isto que se me ofrece tan mundano e aborrecible. Os colegas falando de festa. O paso intermedio antes de caer e para tal fin nin sequera actuamos conscientemente. ¡Deus! ¿Que pasa na sociedade? Os tempos cambian, as mentalidades acúrtanse. Falta educación, falta ocio san. ¿Quen nos ha de educar na vida para a vida pola vida mesma? Vida como realidade, vida como obxectivo, vida como esencia. Quero ve-lo mundo. Coñecelo. Implicarme nel. Deixar a pegada dunha boa acción que reconforte a miña existencia ata o último expiro. E non che pido recoñecemento nin nada. Non o necesito. Non o quero. Cada día teño máis claro que non quero estar neste lugar. Loitar para andar un paso. Estráñome. ¿Por que é tan difícil? Quero cambialo. Quero cambiarte. Ensíname como podemos entendernos. "Cala, déixame tranquilo"- estás a pensar-. Agora imos de marcha. Unha escapatoria doada nos tempos que corren. Maquéate, beberás ata as trancas, caerá un tiro, bailarás música de aparvados, de alienados, liaraste insensiblemente con alguén que non che achega nada, moitas veces recordando vagamente un nome, ao día seguinte non valerás para nada, pero, ¿que máis dá? Foi unha noite total, a túa autoestima reborda inxenuidade. Maldita droga. Todo é droga. Todo é aditivo e pernicioso. Fuxir. Recorda a Jim, a Kurt, a Sid Vicious, a tantos outros, tan preto da verdade, e sen embargo, de que lles valeu... ¿Fuxir de que? ¿Dun mundo polo que non fas absolutamente nada? Sabes que é un círculo vicioso: a bebida, as compras compulsivas, o telelixo, a bisbalmanía e o reggaetón, o culto ao corpo, a moda, as marcas, etc. etc. ¿Por que tanto vicio? Nada disto serve para afoga-las penas de ninguén, só as ensina a nadar. Entón, ¿de que clase de fortaleza te estás a xactar? Afronta a vida agora, é a túa única e verdadeira saída, unha simple vía de escape. Non empeores isto, non mo poñas máis difícil. É por ti que choro en silencio. Es incapaz de atopa-la tranquilidade da alma. ¿Quen axuda a mellora-lo mundo? ¿Quen ensina a concienciar? ¿Quen cambia as cousas? É o momento, sentemos ao noso lado a dor. Os mozos podrecémonos no mellor da vida. ¿Por que non quitamos dunha vez este veo de necidade? E no mundo tantas cousas que facer mentres ti dormes a mona. Vagos. Noutro lugar o mozo sae e reivindica os seus dereitos. Aquí non se leva iso. ¿Para que? Non se leva pensar, nin reflexionar. Que o fagan outros. ¿Pero que estamos a facer? Eleva o teu ideal, abandoa tanta frialdade. Que non continúen os fantasmas do pasado. Mañá vas chorar. Eu mentres pírome daquí sen irme, paso de converterme no que non quero nin podo ser. Xa só te escoito remotamente. Pero estou ao teu lado. Seguirei estándoo. E se é que algún día acaso me entendes e me necesitas, dimo sen que nada nin ninguén fale por ti, sen pedirme un bico máis alá do momento, sen pensar nun novo encontro, sen expresar máis alá do que non vas cumprir.

Comigo pero sen min.

9/12/08

ANDA O DEMO SOLTO !!

Quen hai por aí que nunca escoitou unha lenda de medo? Si oh, as míticas que os avós nos contaban de cativos e facían por imposible que pillásemos o sono. Pois ben, por Soutipedre sempre soou algunha que outra, non sei se foron certas ou non pero fannos tremer.

Unha ben coñecida é a do “Xinete”. Contan que na casa da reina de Soutipedre, noite tras noite oían como a egua que tiñan e a cal gardaban na corte debaixo da casa corría dunha esquina a outra alertándoos e impedíndolles o sono, o asombroso era que á mañá aparecía con trenzas feitas no crin ( pelo) as cales non se desfacían. Fartos da situación e con gran acougo, un dos rapaces que vivía na casa asomouse por un oco que comunicaba a casa coa corte, o que viu deixouno perplexo, non esperaba ver aquilo. Non sabía como describilo, pero os que estaban con el percatáronse ó momento que se trataba do xinete, o temido xinete que polas noites facía das súas. Neste caso ía dacabalo da egua, ese xinete era o demo. Non eran quen de crerse o que viran así que conmocionados optaron por recorrer á relixión e puxeron unha imaxe da virxe María na entrada da corte, diredes e para que puxeron tal? pois o curioso e que dende aquel día o temido xinete non volveu asomar por alí.

Lendas hai moitas pero a das “Almas do purgatorio” tamén foi escoitada. Se ve que naquelas noites cando había que percorrer os camiños para ir dun lado a outro asomábanse ao lonxe pequenas luces, con rastro humano, como se fosen persoas portando velas, din os máis maiores que estas luces son as almas do purgatorio.. En Soutipedre no lugar de “O pereiro” déronse moitos testemuños de tales eventos. E non só no Pereiro tamén pola ribeira concretamente Val do Rodrigo, dicían que dous homes que nun día de vendima tiveran que quedar a esmagar as uvas tiveron un gran arrepío cando, un deles saíu fora da adega e viu como se distinguían dúas luces ó outro lado do río, no canto avisaba ó seu compañeiro esas luces xa cruzaran o río, aproximábanse a eles, o medo corríalles pola veas que se botaron a máis non correr cara a casa.

E non todas son lendas de demos ou pantasmas, seguramente escoitastes algunha lenda tendo de protagonista o lobo. Pois acórdome dunha: “Había unha vez un señor que fora comer á casa duns familiares que vivían no pobo lindeiro, xa de noite o señor decidiu voltar á súa casa, máis ben lle dicían “queda aquí hoxe e xa marchas mañá pola mañá” pero el decidiuse e emprendeu camiño. Contan que os lobos cando ven ós homes séguenos sen nós percatarnos, pero á vez vamos sentindo como o noso corpo empeza a tremer, e os pelos póñensenos de punta. Pois como dicía este señor, botouse ós camiños, e sen el decatarse os lobos seguíano, pero os estremecementos que sentía fixo que empezase a apresurar o paso ata chegar á entrada do pobo. Unha vez alí xirouse para atrás e viu como unha manada de lobos se distinguían ao lonxe.

Isto por hoxe, lembra “non todo o real e aparente, hai moito escondido só hai que observar ben”. Ata outra.

5/12/08

Galiza Nación Autodeterminación, arranca a campaña de Galiza Nova en Compostela.


Baixo este lema Galiza Nova pon en marcha unha campaña para denunciar que malia a que Galiza reúne todos os elementes para ser unha nación carecemos do recoñecemento formal así como da capacidade política para poder decidir sobre o noso futuro. A presentación pública desta campaña tivo lugar na praza da Quintana, onde se despregou unha bandeira xigante da patria acompañada dun mosaico coa palabra autodeterminación. Así mesmo Galiza Nova tamén quixo incidir con este acto en que as galegas e galegos o 6 de decembro non temos nada que celebrar, pois tal e como declarou a Secretaria Xeral “estes 30 anos de Constitución española para o único que serviron foi para agravar a nosa situación de dependencia política e económica” Iria Aboi tamén salientou que ” o nacionalismo galego, Galiza Nova e o BNG, defendemos un mundo no que todas as nacións nos poidamos relacionar en pé de igualdade e repecto mutuo. No Estado Español isto só se entende a través da transformación da estrutura institucional do Estado nun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e cun novo marco que recoñeza a Galiza como nación e o dereito a poder decidir por nós mesmos o noso futuro”.

Os vindeiros días a nosa organización poñerá mesas informativas e distribuirá diferente mateial nos centros de ensino, bibliotecas, universidades....

4/12/08

“O tren é noso, non dos poderosos”

O mércores 7 de maio na Alameda de Santiago celebrouse unha manifestación contra a retirada dos trens rexionais. Fomos moitos os que nos demos cita alí, sendo o lema
“O tren é noso, non dos poderosos” o mais soado.
Esta xorde xa que o Ministerio de Fomento ten prevista a retirada diste tren para cando chegue o AVE a Galiza. Principalmente isto afecta a gran parte da sociedade que vive no rural, traballadores e estudantes (cidadanía popular) que grazas ó Rexional podense desprazar ás cidades. Principalmente a retirada empeza perxudicando ás estacións de Portas, Catoira , Padrón etc. Pero nun futuro a retirada será inminente en toda as demáis paradas. Como dixo Adela Figueroa presidenta de ADEGA “o AVE está eliminando moitas paradas do tren popular, ADEGA argumenta que o custe de salvar estas estacións sería o mínimo, tendo en conta o investimento global do AVE”.
Por eso esixese un transporte público digno para todos e unha das alternativas é a do mantemento do Tren Rexional.
Falando con estudantes que depende exclusivamente do tren rexional moitos decianme: “eu vivo en Verín, xa dependo de ter que coller un bus ata Ourense que me sae a 5€ máis outros 6€ aproximadamente dende Ourense a Santiago e iso só na ida, outro tanto na volta… se nos quitan o rexional, ainda que agora afecte principalmente a veciños como os de Portas ou Padrón, que faremos?” outro argumentaba “vivo en Redondela e estudo en Santiago, se desaparece a parada, que teño que ir a Pontevedra en bus para coller o tren?” A preocupación pola retirada dos rexionais chega tamén ó peto xa que son bastante economicos, ainda que se tarde un chisco máis e as instalacións non sexan do máis moderno e moitas das veces teñamos que ir sentados no chan.
En moitas cabezas xurden preguntas como: que teremos que facer para chegar ás cidades cando so dependes dun tren? E o cal hoxe por hoxe cabe a dubida que dentro duns aniños sega pasando pola estación máis próxima e a cal por non se atopar nunha cidade deixará de existir?
E para rematar se estás de acordo, saca forza do peito e fai soar o lema.

3/12/08

Só cunha mocidade galega convencida do que é noso, seremos quen de defendelo.


O Canón do Sil, unha das paisaxes mais bonitas do noso país, un dos mellores lugares da nosa xeografía onde ollala fermosura da nosa terra, un destes lugares que non deixa indiferente a ninguén que o visita está en perigo.

Iberdrola, empresa que gasta millóns de euros en campañas publicitarias decindo que defende o medio ambiente, coa súa campaña de “lo hemos hecho bien”, quere furalo noso Canón do Sil. Esta empresa que exprime ó noso país sen apenas deixar ingresos quere montar unha nova central eléctrica no Canón do Sil que implicaría un grave desastre medioambiental na zona, xa que implicarán obras durante anos, xerando miles de toneladas de cascallos e sedimentos (uns 220.000 metros cúbicos) que irán a parar a un ecosistema protexido. De paso afectará á conservación de varias especies en perigo de extinción que habitan na zona como a aguia real.

Ante esta situación, sabendo que a ministra de Medio Ambiente do PSOE, Elena Espinosa é de Ourense, polo tanto coñece o Canón do Sil, suponse que esta persoa non será capaz de aceptar tal destrucción do noso país. Así é, o día 3 deXullo do 2008 na Cidade de Ourense, a ministra afirma textualmente que “NON asinará aproveitamento hidroeléctrico ningún no Sil”. Esto é un gran alivio para tódalas persoas que amamos A Nosa Terra.

Días despois, concretamente o 8 de Xullo do 2008 sae publicado no BOE a aprobación do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do Canón do Sil asinado pola desmemoriada ministra Elena Espinosa o 23 de Maio do 2008. A Ministra de Medio Ambiente mentiu descaradamente enganando a toda a poboación da provincia de Ourense coas súas palabras, vendendo os nosos espazos naturais a empresas que non xeneran beneficio necesario para o noso país.

Xa pasaron bastantes días e a ministra non se volveu a pronunciar sobre este tema. Agora ben, aceptada legalmente a destrucción do Canón do Sil, que podemos facer nos? Pois moi sinxelo, so hai dúas opcións:
-Organizarnos, denunciala destrución que aprobaron, facer o necesario para o derrogamento deste proxecto e loitar todo o posíbel para que esta barbaridade non se faga até a última consecuencia.
-Pasar de todo, total xa bastantes cousas desfixeron na Galiza, así que unha mais pouco se notará.

Cal é a túa opción?

1/12/08

Galiza, nación e negación

Ultimamente está en voga falar sobre si ou non ó distintivo de nación para os diversos pobos que cohabitan na península, e por iso debemos de ir ó fondo do tema e analizar en profundidade para que ningún fala-barato de tasca nos explique os seus dogmas de fe (principios inmutables e incontestables) e o que eles non saben. Veremos cales son os aspectos e condicións para proclamarse nación.

Unha das definicións mais precisas de nación déunola Castelao no seu libro Sempre en Galiza: “Nación é unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Sómente a existencia de todos estes sinos distintivos, en conxunto, pode formar a nación”. Analicemos esa definición:


IDIOMA

O galego é fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Coas súas diversas variantes, o galego fálano mais de 200 millóns de persoas en todo o mundo é falado en 32 países como Brasil e Portugal entre outros, polo tanto, que ninguén diga que o galego é unha lingua minoritaria porque estará lonxe da realidade. En galego escribiu o rei sabio Alfonso X o sabio nas cantigas de santa María ademais de outros moitos literatos como Garcia lorca nos seus poemas.

É de lamentar que na actualidade se sigan a reproducir escenas do pasado propias de xente con poucas luces en xeral co único afán de querer aparentar algo que na vida non conseguiron e tratan de facelo por medio do idioma, pobriños!!. Como di esa canción: “aprendices de señorito” ou “marqués de quero e non podo”, “que yo soy mas que tú que hablas en gallego que es típico del rural y de paletos y yo como soy de la city me queda mas fashion”. Queiran ou non iso chámase prostitución, si si prostitución, porque están a prostituír a súa lingua, a lingua na que creceron , a lingua coa que xogaron, a lingua coa que riron, a lingua coa que choraron. “Señora fálelle castelán ó fillo non vaia ser que saia parvo coma vostede”. Estou seguro de que coñecedes mais dunha persoa que se prostitúe deste xeito.

Parte destes problemas teñen a súa orixe no pasado cando ós nosos pais e avós se lles prohibiu falar en galego na escola facéndolles crer que falar galego era falar mal, era de bárbaros e falar castelán era bó ademais de toda aquela parafernalia de que a letra e a lingua co sangue entra e ó rapaz que se lle escapara unha palabra en galego era castigado física e moralmente polo mestre ou cura (léase corvo) de turno. Por outra banda a igrexa deixou de falar galego e pasouse ó castelán involucrándose así no proxecto caudillista fascistoide de una grande y libre!!. O seu deus moito ten que perdonar, eles os primeiros que aínda non pediron perdon do que fixeron.

Prohibiuse ós tribunais outra lingua que non fora o castelán e por se fora pouco intentouse castelanizar as toponimias galegas, temos claros exemplos aínda na actualidade como sanjenjo, puertodelsonido, vivero, requejo, la coruña, puebla de trives, la encomienda, san juán de río...

Cando un imperio tenta someter e colonizar a un pobo o primeiro que tenta esterminar é a lingua xa que é un dos rasgos mais característicos de diferenciación, e por iso Galiza como país colonizado segue a defenderse dos ataques que o imperio Español segue a verter en contra do noso rasgo mais característico. Os ingleses aldraxan ós escoceses, os franceses aos bretóns e os casteláns ós galegos, cataláns e vascos.

Pois ben, a pesar de todo isto o galego segue vivo e mentres exista xente no pobo que loite polo seu non conseguirán eliminarnos.

Temos que facer cumplir as leis de normalización lingüística do galego en tódolos ámbitos e de recuperar a auto-estima dándolle a dignidade que o noso idioma se merece, ese idioma no que os nosos avós nos contaron esas fabulosas lendas, contos, encantamentos, e transmitirllo do mesmo xeito ós nosos descendentes, o maior legado que se lle pode deixar é iso, sen dúbida.


TERRITORIO

Como ben dicía Castelao, “non pode negarse que a entidade xeográfica galega ten fronteiras naturais perfectamente recortadas e comprende algo mais que o territorio das catro provincias. O carácter diferencial da rexión galega está recoñecido polos mais acreditados xeógrafos. As montañas redondeadas do noso conxunto de montañas contrasta cos accidentes agudos de Asturias e coas planicies de Castela.

Galiza é unha comunidade nacional contando co Bierzo e demais comarcas limítrofes de Lugo e Ourense, esta reconstrución quizais algún dia sexa posible e a ver se dunha vez por todas o tempo cura un dos maiores erros históricos. Tampouco se pode permitir que o Miño siga sendo unha fronteira entre dous estados irmáns”.

Agora xa podemos afirmar que Galiza se diferencia tamén morfolóxicamente do resto de España. Cando un galego entra nas planarías de León e Zamora síntese en terra allea, quizais pola tristura que producen os desertos. Deste sentimento saben moi ben os nosos avós que foron ás segas por Castela e de feito constancia disto quedou. Cando un Galego entra en Asturias ten que acostumarse a un novo estilo de paisaxe con montañas mais punteagudas, pero cando pasa a fronteira Portuguesa síntese na propia terra xa que a historia aquí foi duramente castigadora separando ós irmáns dunha mesma familia e terra. Ese é o resultado dunha terra que foi asoballada ó longo de tantos séculos e tutelada coma se fósemos menores de idade e decidindo sempre por nós, e non nos esquezamos que dun ou doutro xeito a tutela e o asoballamento dos españois continua a existir hoxe en día, só temos que abrir un pouco os ollos e albiscaremos os atropelos que seguimos a sufrir por esta xente de secano.

O que seguro nunca nos quitarán os imperialistas é a terra, porque por moito poder que o estado centralista teña nunca poderá mudar o noso territorio en chaira castelá. Para nós a patria non é esa idea abstracta que defenden os imperialistas, para nos a patria é a terra, símbolo do sentimento natural de pertenza das persoas á terra.


ECONOMÍA PROPIA

Cando falamos da nosa economía todos temos claro a marxinalidade que Galiza ocupa no estado: cota láctea, desmantelamento da frota pesqueira, rendas por debaixo da media, marxinación nos investimentos que fai o estado, travas á construción naval, usurpación dos nosos recursos naturais sen que repercuta prácticamente en Galiza...

Todo isto como veremos é o resultado da falta de soberanía política da nosa nación.

Na actualidade estase a traballar para que a materia prima se transforme aquí no país e cree así o valor engadido que en definitiva é o que da a riqueza e non o exportar masivamente para que outros fagan os derivados e creen así o beneficio, por exemplo sería bó que os derivados lácteos se transformaran integramente en Galiza e non exportar toneladas e toneladas de leite para que outros saquen probeito. Coa madeira pasa exactamente o mesmo, somos os maiores productores de madeira do estado e sen embargo exportámola sen crear aquí as suficientes industrias de transformación, o granito exactamente igual, os italianos mercan aquí a pedra en bruto a preparan en italia e despois a venden aquí a uns prezos considerablemente superiores. Temos a ence na ría de pontevedra contaminando coa sua actividade na pasta de papel pero esa pasta é mercada por industrias transformadoras ubicadas en cataluña que sacan rendibilidade ó producto transformandoo nos seus derivados sen ter os problemas de contaminación que a obtención da materia prima conleva, polo tanto, tendo a materia prima só necesitamos industrias que transformen a materia prima en productos elaborados finais que dan postos de traballo e riqueza para o país.

Temos unha gran tradición agrogandeira e gran capacidade productora neste campo pero debemos fomentar o coperativismo para sermos mais competitivos xa que o minifundismo e o individualismo entorpece calqueira posible evolución no mercado actual. Estas actividades traen aparellado algo tan importante como é a fixación de poboación no noso rural.

Tamén temos empresas que explotan os nosos recursos naturais coma poden ser as hidroeléctricas as cales tendo aquí a súa actividade pagan os impostos noutros territorios que son os que realmente recaudan, e aínda por riba pagamos un dos prezos mais elevados pola electricidade e aturamos o impacto mediambiental que se xenera tanto no sentido da explotación coma no sentido da distribución da enerxía sen dubidar o estado en concederlle licenzas para arrasar con terreos incluso en zonas teóricamente protexidas medioambientalmente como pode ser a rede natura, e por suposto, non manter o cauce ecolóxico dos ríos fundamental para a pervivencia da flora e fauna dos nosos ríos. Será esa a enerxía verde que tanto proclaman?. O mundo ó revés !!

Temos unhas rías nas que se producen os mellores mariscos e pescados do mundo pero sen embargo non somos capaces de facer un saneamento integral destas para que a producción marisqueira non teña futuros problemas productivos.

Estamos moi acostumados que en épocas electorais veña o presidente do goberno de turno prometendo “el oro y el moro” . Eu só lle diría unha cousa a estes señores, miren, deixennos administrar o que é noso que nós sabemos o que hay que facer e cómo sacarlle partido ós nosos recursos e deixen de marearnos, sigan vostedes pendentes dos escarceos do rei mentres nós construimos unha sociedade puxante e dona de sí.

Temos unha industria da automoción que xera miles de empregos e que cada vez se afianza coma un dos sectores puxantes e estratéxicos do país, pero claro, carecen de infraestructuras suficientes para seren todo o competitivas que poderían ser, pero cómo non, é mellor espoliar os nosos cartos invertindo nos madrileños e nos andaluces porque en definitiva son os que dan os votos para poder perpetuarse no poder.
O pobo galego ten a materia prima e o capital humano e tecnolóxico pero só lle falta o mais importante que é a concienciación de sí mesma como pobo para conquerir a súa plena emancipación e non depender de extraños e escuros políticos de secano co único afán de proclamar e preservar unha patria ficticia coa que nunca nos sentimos nen sentiremos identificados xa que somos fillos da nosa terra somos netos de breogán somos GALEGOS.


CULTURA

Como todos sabedes a cultura é unha resultante histórica. A nosa terra diferente crea hábitos peculiares de vida, manifestándose en cada época baixo formas autóctonas de cultura.

Podemos comezar polos momentos prehistóricos que amosan caracteres marcadamente diferenciados..

Aparece a cultura dos castros e citáneas, aparecendo un arte propio con símbolos relixiosos que fan supoñer a existencia de cultos peculiares e comúns a toda Galiza.

A Galiza do século IV: Pobo celta, romanización e cristianización, dando a figura de Prisciliano, perseguido por predicar un sentido panteísta do seu país natal da doutrina católica, finalmente foi asasinado en Alemaña vítima das loitas teolóxicas daquela época. A súa doutrina enxendrou unha eirexa separada donde se cotexaron tódolos galegos. Tales foron as raices que deixou o priscilianismo que a pesar das campañas dos cregos, o noso pobo aldeán segue sendo heterodoxo. A invención do apóstolo, ¿Prisciliano ou Santiago? fixo da nosa terra un centro de universalidade. Nos camiños que conducía a Galiza crúzanse as alturas do mundo antigo e fórmase a unidade espiritual de occidente. Ao mesmo tempo xorde unha poderosa cultura galega que adquire independencia e vida propia, un exemplo é a arte románica culminando no pórtico da groria, e tamén a poesía lírica culminando no cancioneiro da vaticana. As artes construtivas callaron en Galiza no estilo románico que perdurou por enriba do gótico deica enlazarse co barroco. Existe un barroco galego, estilo no que creamos exemplares que son fitos na historia da arte.

O romance galego percorreu un ciclo literario completo, tanto que traspasou as fronteiras do noso país, chegando a ser a lingua lírica e cortesán de Castela. En galego escribiron Alfonso IX, Alfonso X e outros enxeños casteláns, incluso algún poeta Árabe foi tributario do noso idioma.

Chegou a “doma y castración de Galicia” por parte dos reis Católicos para enmudecer ó noso pobo, pero a nosa lingua seguiu florecendo en Portugal, e o pobo galego non quixo esquecela.

Cando ó galego se lle negaba ser a fala popular de Galiza e lingua de cultura, o padre Sarmiento traduciu ó galego todo canto se escribiu en grego, latín e castelán.

As mocidades románticas e literarias do século XIX descubriron a fermosura lírica do galego e comezaron a renacenza das nosas letras, que hoxe están floridas.

Temos os nosos refráns e os cantares cheos de tenrura e picardía.

Temos os hórreos, que demostran o sentido galego das fermosas proporcións.

Temos a nosa escultura popular nos cruceiros, nas fontes e nos portalóns.

Temos unha inmensa riqueza folclórica, a nosa música popular e os nosos bailes e danzas populares.

Observade o sino diferencial da nosa cultura respecto das demais:
Lírica contra épica, muiñeira contra jota, gaita contra guitarra, cruceiro contra picota, intuición contra lóxica...

Como podedes ver, despois desta análise podemos afirmar que a plurinacionalidade do estado Español é unha evidencia, por moito que PSOE e PP intenten camuflar e negar proclamando unha única nación (a castelá) e patria común indivisible, unha patria de “palmas e touros”, sen dubidar en usar as forzas e corpos de seguridade do estado para defendelas, chegando a coartar a liberdade dos nosos pobos . Noutros tempos estes argumentos que agora usan estes políticos pertenceron a un galego remudado do que seguro todos vos lembrades. Ese generalísimo “por la gracia de dios” que lamentablemente deixou moitos adeptos nun e noutro lado da política estatal actual. Non poderán negar nunca a realidade reflexada nos aspectos culturais, territoriais, económicos, sociais, políticos e lingüísticos que posuímos.

Nas nosas mans queda o conquistar a nosa autodeterminación para sermos un pobo ceibe , un pobo que debe ser dono da súa terra e do seu destino.

Loitemos xunt@s e venceremos !!

30/11/08

SEMENTE DE VENCER

A existéncia de Galiza como nación constitúe un elemento clave na configuración e razón de ser do nacionalismo galego. Os movimentos políticos e as suas organizacións non existen por destinos do azar. O nacionalismo galego é unha necesidade para un país que precisa seguir dotándose dunha maior consciéncia da sua condicion nacional e aumentando o seu nivel de auto-organización.

A autodeterminación é un direito inalienábel dos povos e nacións, que está recoñecido en numerosos tratados e convénios internacionais (moitos deles subscritos polo Estado Español). Os exemplos máis recentes de nacións que conseguiron o recoñecimento do direito a decidiren libremente o seu futuro atopámo-lo en Timor Leste, no Quebec ou o povo Saharaui, que segue loitando para que se efectivice o referendum pola autodeterminación e se cumpran as resolucións do ONU neste sentido.

A realidade plurinacional do Estado Español é unha evidencia, por moito que PP e PSOE intenten camuflar e negar. Unha realidade que ten a sua plasmación nas diferentes dinámicas sociais, culturais, económicas e políticas que se dan en cada nación.

A situación de marxinalidade que Galiza ocupa no estado foi denunciada e posta de manifesto en diferentes ocasións: cota láctea, desmantelamento da nosa frota pesqueira, rendas por debaixo da média, marxinación nos investimentos que fai o Estado... o acontecido co Prestige non é máis que outra mostra desta situación de marxinación e da falta de soberania política da nosa nación. Superar esta situación depende de todas e todos nós.

E para defender todos estes intereses naceu fai 20 anos Galiza Nova como organización xuvenil tal que a sua función básica é a organización e movilización da mocidade de cara a acadar a liberación nacional de Galiza e a transformación da sociedade actual. Somos unha organización ampla, plural e democrática que adopta as suas decisións tras un amplo proceso de debate aberto a toda a militancia. O noso funcionamento basea-se no asemblearismo estruturando-nos en agrupacións locais e comarcais coma neste caso a comarca de trives á que nós representamos. O máximo órgano é a Asemblea Nacional que se celebra cada dous anos, e á que ten direito a asistir toda a afiliación.

Reivindicamos unha Galiza plenamente soberana como culminación do proceso de autodeterminación nacional. Aspiramos a unha sociedade cualitativamente distinta, que supere as inxustizas da actual, e onde a igualdade e a democrácia sexan reais. Queremos garantir unha mellora nas condicións de vida e benestar social para a mocidade e para o conxunto das galegas e galegos.

Defendemos que as relacións entre as diferentes nacións do mundo se fundamenten na igualdade e solidariedade internacionalista. Unha política anti-imperialista é a garantia dun futuro mellor para a humanidade. Por todo o dito é o momento de que todos e todas botemos unha man a esta importante tarefa.

Intervención Iria Aboi no día da Patria 08



Tremendo discurso de Iria Aboi

Defensa do galego



Video pola defensa do galego.

Resumo Galiza Nova



Este video define brevemente o traballo que realiza Galiza Nova así coma os seus obxetivos.