4/5/09

Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas acudiu as manifestacións do 1 de Maio que houbo en todo o país





Máis de 20.000 traballadores e traballadoras mobilizáronse coa CIG no Primeiro de Maio

A Confederación Intersindical Galega mobilizou nas manifestacións convocadas nas sete cidades, na Mariña e en Ribeira a máis de 20.000 traballadores e traballadoras que baixo o lema “Polo Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” se sumaron ás reivindicacións realizadas pola central, fronte á continuidade da aposta polo modelo neoliberal feita polos goberno e a patronal e a prol dun modelo económico e social máis xusto e solidario. A manifestación máis numerosa foi a celebrada en Vigo, onde participaron preto de 12.000 persoas.

Un ano máis, a mobilización que máis persoas congregou volveu ser a da comarca de Vigo, onde nas últimas semana se viviron importantes conflitos laborais en varios sectores, que sumou unhas 12.000 persoas e que contou coa participación do Secretario Xeral da CIG.

Na súa intervención, Suso Seixo referiuse á que no 2008 a central apuntaba a dúas posíbeis vías de saída da crise: profundar no modelo neoliberal ou levar adiante reformas estruturais que abrisen camiño a un novo modelo económico e social. “A estas alturas xa temos constatado que o capital ten apostado pola primeira vía. Non se tomaron decisións que fagan pensar nun cambio de modelo económico e produtivo. A propia patronal lanza mensaxes pedindo abaratar o despedimento, novas formas de contratos temporais, conxelar os salarios ou reducir os impostos ás grandes fortunas. Medidas todas que profundizan no modelo neoliberal, para nós fracasado”, afirmou Seixo.

O secretario xeral da CIG lembrou as reunións dos “países ricos” que a pesar do rebumbio mediático non achegaron medidas nin para a regulación dos mercados financeiros nin o control dos paraísos fiscais. “Dende a CIG continuamos mantendo a necesidade dun cambio de modelo que pasaría por adoptar medidas na liña da nacionalización da banca e o sector enerxético, un sistema fiscal progresivo, a supresión dos paraísos fiscais, o apoio decidido aos sectores básicos da economía galega, máis investimento público e social, etc.”

Seixo subliñou que a central defende un modelo que ademais de garantir a produción real de riqueza garanta o reparto xusto da mesma, así como o acceso aos servizos básicos como a saúde, educación, vivenda...”Os cambios non van vir dados polas forzas políticas e económicas ás que lle foi moi ben co modelo neoliberal, os cambios teñen que ser conquistados”, sinalou.

Neste senso lembrou que a partir deste Primeiro de Maio vanse iniciar contactos coas demais organizacións sindicais na procura da posta en común de alternativas e das medidas de presión necesarias para acadalas. “Non descartamos convocar unha folga xeral se a situación o precisa”, advertiu Seixo.

A defensa do soberanía nacional da Galiza para poder levar adiante políticas que “permitan saír da crise, mais dende as necesidade do País e as clases traballadoras” e a solidariedade con todas as organizacións de clase que reivindican un cambio de modelo foron outros dos puntos mencionados por Seixo durante a súa intervención. A este respecto, tivo unha especial mención para a loita do pobo palestino ante a opresión e o xenocidio aos que están sendo sometidos polo estado de Israel.

Finalmente, Seixo rematou lanzando un chamamento á participación masiva na manifestación do 17 de Maio, co obxecto de demostrar “ao PP e aos poderes fácticos que tentan aniquilar o noso idioma, que hai amplos sectores da sociedade galega que non estamos dispostos a que se dificulta aínda máis o proceso de normalización lingüística”.

Na mobilización de Vigo tamén interveu o secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, quen lembrou que “este é un primeiro de Maio especial, marcado pola grave crise económica, que castiga moi especialmente a nosa comarca, pola gran dependencia dun dos sectores máis afectados, o do automóbil, mais temos outros tamén sensibelmente castigados como o do téxtil, con continuas deslocalizacións e peches de empresa, ou a Construción, a pedra ou a madeira, que nos leva a 56.500 desempregados e desempregadas na comarca”.

Abraldes salientou que na actualidade “hai xa máis de 80.000 persoas sen cobertura social, das que un 25% están na nosa comarca”.

Diante desta grave situación, criticou a actitude da patronal, da banca así como “as insuficientes medidas das Administracións”, e insistiu na necesidade da “mobilización e a organización da clase traballadora” para mudar a actual situación e loitar por “unha nova orde social e económica”.

A Coruña reclama medidas urxentes para a comarca

A manifestación da CIG na cidade de A Coruña contou coa participación dunhas 3.500 persoas que baixo o lema da campaña deste Primeiro de Maio reclamaban medidas urxentes contra a imparábel destrución de postos de traballo. A mobilización partiu pouco despois das 12:00 horas da Praza de Vigo e tras percorrer as rúas da cidade rematou no Obelisco. Alí, o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, criticou duramente as medidas propostas pola patronal para saír da crise, unhas receitas, afirmou, que “teñen causado o empobrecemento da clase obreira e o recortes dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras”.

Carril denunciou que as empresas están aproveitando a escusa da crise para “desfacerse dos traballadores/as de xeito barato e poder deslocalizar a produción para seguir aumentando os beneficios”. Nesta liña lembrou os casos de despedimentos masivos que se teñen rexistrado na comarca nos últimos meses, tais como Fadesa, Talleres Carral, Caramelo, Bunge Ibérica ou Ferroatlántica, ao tempo que arremeteu contra a ineficacia do goberno “que insiste nas mesmas medidas neoliberais de sempre, entregándolle á banca millóns de euros para tapar as súas débedas, pero sen tomar decisións no camiño de ir cara a un novo modelo e a unha mudanza estrutural que signifique un cambio económico e social real”.

O responsábel da CIG en A Coruña reivindicou a posta en marcha das medidas defendidas pola central, tais como unha fiscalidade progresiva, a creación dunha Banca Pública, ou a necesidade de incrementar do poder adquisitivo dos salarios para reactivar a economía. “Non aceptaremos que se pretenda, como sempre, que sexan os traballadores/as os que asuman as consecuencias desta crise”, afirmou.

“Exiximos medidas urxentes contra a crise na nosa comarca e neste momento de profunda crise económica as medidas propostas polo goberno do PP en Galiza significan unha volta atrás, resultan claramente españolizadoras, dirixidas a fomentar a economía especulativa, favorecedoras dos ERE e das grandes multinacionais. Son medidas de fomento da precariedade laboral e de recorte das proteccións sociais. Coñecendo a historia do Partido Popular e á súa negativa a apostar por esta comarca,, dicimos con toda franqueza que o que pode facer o PP no goberno da Xunta para nós non ten marxe de confianza”, afirmou Paulo Carril.

Ferrol lanza un chamamento para pasar á acción

Ás 12:00 horas daba comezo diante do edificio do sindicato a manifestación do Primeiro de Maio en Ferrol, na que participaron arredor de 1.500 traballadores e traballadoras. Xesús López Pintos, secretario comarcal, animou aos presentes a abandonar as lamentación e pasar “á acción. Basta de lamentacións, mensaxes e discursos, o que fai falta é pasar á acción”, arengou. Pintos informou que a partir deste 1 de Maio a central comarca vai iniciar contactos coas demais organizacións sindicais con vistas a buscar a unidade na actuación sindical “para frear dunha vez a sangría que se está rexistrando na destrución do emprego”.

Para pasar á acción, Pintos subliñou que a “CIG, como primeira forza sindical nesta comarca, ten que ser o motor das reivindicacións, mobilizar aos traballadores que están perdendo os seus dereitos e aos que non os teñen, e temos que tirar tamén dos demais sindicatos”.

O responsábel da CIG de Ferrol destacou que se están a producir unha verdadeira sangría no referente á destrución de emprego a través de regulacións de emprego encubertas “mediante contratos en fraude de lei ou con masivas rescisións dos traballadores e traballadoras contratas a través das empresas de traballo temporal”. Ao tempo referiuse as empresas que se están apuntando ás cláusulas de descolgue salarial escusándose na actual situación de crise.

Para Pintos non se pode continuar pola liña que pretenden as empresas de “precarizar as condicións de traballo aínda máis aproveitando a difícil situación económica que padece moita xente. Cada vez hai máis parados e parados e chegará un momento no que as empresas imporán sen impedimentos as condicións máis beneficiosas para elas”. Nesta liña, Pintos lembrou aos traballadores/as que nestes intres non cobran ningún tipo de prestación social “e vense condenados á entrar na economía somerxida. Fronte e esta situación, advertiu,“hai que exixir aos gobernos solucións, pero as solucións que nós propomos. Hai que cambiar dunha vez o modelo económico e social. Temos que presionar para que apliquen políticas sociais e se instaure xa o salario de inserción social. Estamos obrigados a denunciar todo isto e a facer que a crise a pague o capital”.

Compostela, dependencia do sector turístico


A Praza Roxa foi o punto de partida da mobilización convocada pola CIG de Compostela, cuxo secretario comarcal, Anxo Noceda quixo lembrar ao remate da mesma ás orixes da conmemoración do Primeiro de Maio. Noceda arremeteu contra as medidas tomadas polo goberno contra a crise e as pretensión da patronal de minguar os dereitos da clase traballadora.

“Diante desta situación compre lembrar que a actual crise provocárona a Banca e o Gran Capital coa súa cobiza e a súa aposta por unha economía especulativa, foi a súa aposta polo capitalismo, polo neoliberalismo, a que lles reportou durante anos inxentes beneficios á vez que os conduciu e nos arrastrou á actual situación, é por iso que non estamos dispostos nin a pagar as súas débedas cos nosos cartos, nin a sufrir novas contrarreformas laborais, mentres que eles, a Banca e o gran Capital, seguen a encher os seus petos a vez que nos condenan aos/ás traballadores/as ao desemprego”, afirmou.

O responsábel da CIG en Compostela aseverou que “é hora de cambiar esta situación. É hora de denunciar que o seu sistema capitalista non funciona nin nos serve. É hora de demandar, de loitar por outro modelo socioeconómico máis xusto e sustentábel”. Neste senso reivindicou “o desenvolvemento de toda a negociación colectiva na Galiza, a mellora do poder adquisitivo dos salarios, a supresión das subvencións á contratación e a garantía duns servizos públicos dignos”.

Na súa intervención, Noceda fixo un repaso pola situación socioeconómica da comarca así como polos conflitos máis relevantes nos que estivo presente a central nos últimos meses, denunciando “a alta dependencia da base económica de Compostela, e de boa parte da Comarca, do Sector Turístico, sector que é dos primeiros en resentirse nas situacións de crise, sendo polo tanto preciso levar a cabo medidas conducentes a unha maior diversificación do noso tecido económico, reiterando, a necesidade dun maior desenvolvemento do sector industrial así como da dotación de mellores e novas infraestruturas”.

Ourense, “en crise permanente”

Pola súa banda, na cidade de Ourense denunciouse tamén con esta manifestación do 1 de maio as consecuencias da crise nesta provincia, que como sinalou o secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, "é unha provincia en crise permanente pola situación xeral que vivimos, xa que é unha zona cuns niveis moi baixos de emprego, unha zona marxinal da economía galega, cun alto nivel de emigración, cos salarios e pensións máis baixos de todo o noso país, así como conta con rendas moi baixas".

O secretario comarcal destacou a importante participación acadada este Primeiro de Maio, pois a manifestación da CIG “xuntou a máis persoas que a mobilización de UGT e CCOO” e “é unhas das protestas máis numerosas rexistradas nos últimos anos na cidade”, xa que se contou coa presenza de 2.000 persoas.

Blanco criticou "a falta de industrialización, que fai que nunha crise desta profundidade poda ser máis dramática para o futuro laboral da xente de Ourense, porque é máis difícil para nós saír desta situación".

O secretario comarcal da CIG de Ourense lembrou que hai en Ourense xa case 25.000 parados e parados inscritos na oficina de emprego, o que supón un aumento de máis de 4.000 persoas desde o 1º de maio do ano pasado, o que supón unha "cifra marca de desempregados e desempregadas".

Tamén indicou que "hai 14 ERE's presentados nos últimos catro meses, con máis de 500 traballadores afectados, e cun perigo importante da viabilidade e futuro para empresas nesta situación como Mecanizados Rodríguez, Hispamoldes, Araújo ou outras da construción, onde ademais está a haber un peche masivo de empresas pequenas".

Así mesmo, o secretario comarcal da CIG de Ourense fixo unha mención ás empresas en conflito desta comarca como a Vidreira do Atlántico, Mecanizados Rodríguez e Ataúdes Chao, "que contan con todo o apoio e recoñecemento da central sindical nas súas importantes loitas".

Por último, Etelvino Blanco incidiu no que van ser as políticas da nova administración galega, xa que "en Ourense sabemos de sobra o que é a política do PP para con esta provincia, que vai ser unha política neoliberal, que favorece ao sector empresarial e que sempre tenta facer perder máis dereitos aos traballadores e traballadoras, e que sempre discriminou máis a esta zona do noso país porque non obteñen tanto rédito electoral como doutras zonas máis industrializadas". Blanco criticou, finalmente, que "unha das primeiras medidas deste goberno vaia ser contra o símbolo máis importante da nosa identidade, que é o noso idioma".

A Mariña rexistra 1 de cada 3 novos parados da provincia

A comarca de A Mariña trasladou este ano a manifestación do Día Internacional da Clase Obreira até a Praza do Conde Fontao, Foz, onde se deron cita unhas 100 persoas. O secretario comarcal, Xorxe Caldeiro, criticou o modelo neoliberal que nos ten levado a grave situación de crise que padece a clase traballadora e referiuse aos datos de desemprego en A Mariña, que rexistra 1 de cada 3 novos/as parados/as da provincia de Lugo.

“Para poder superar esta crise é imprescindible ter datos reais; pero non necesariamente os datos que nos subministra o paro rexistrado ou a EPA son os mais fiábeis. Todos podemos ler nas estatísticas que na nosa comarca pasamos nun ano de 2881 desempregados rexistrados a 4010 o que supón un incremento do 40%. Pero sabemos que a realidade é máis crúa”.

Caldeiro tamén fixo un chamamento á acción sindical, destacando que fronte a actual situación é “fundamental ter os pes no chan, coñecer a realidade...pero non para asustarnos, senón como primeiro paso para poder cambiala. O seguinte paso ten que ser a loita, a mobilización, a defensa dos dereitos que temos e a conquista dun novo sistema máis xusto e solidario”. Nesta liña indicou “non descartamos ningunha medida de presión, e traballar por unha unidade sindical real si os outros sindicatos están dispostos a entrar nesa batalla que nos xa iniciamos hai un ano contra o neoliberalismo”.

No eido do político, o responsábel da CIG de A Mariña exixiu medidas urxentes contra a crise. “Basta de xestos, de boas palabras, os gobernos teñen que tomar medidas e que estas vaian na liña de defender os servizos públicos e os sistemas de protección social, da creación dunha banca pública que apoie realmente o sistema produtivo e ás familias, cunha fiscalidade realmente progresiva, inversión en infraestruturas, medio ambiente e investigación. Desgraciadamente o programa económico que nos anunciou na campaña electoral o actual goberno galego vai no sentido oposto ás nosas reivindicacións”.

A CIG de Lugo advirte das consecuencias do medo entre a clase traballadora

Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG de Lugo, advertiu a importancia de mobilizarse neste Primeiro de Maio, pois “ que estamos nunha etapa transcendental para o movemento obreiro e que ese ano é o máis importante”. “Estamos probabelmente ante unha crise que pode cambiar a nosa forma de vida e polo tanto non podemos ser alleos a ela. Temos a obriga de analizala en profundidade e de sacar conclusións para que eses cambios futuros, que de seguro se van dar, sexan dirixidos cara os intereses da Clase Traballadora”, apuntou.

Ferreiro subliñou a dramática situación que atravesa o agro “o sector refuxio tradicional da economía da provincia”, onde “ a masacre dos sectores agrícolas en xeral e do sector lácteo en particular está a levar a ruína a milleiros de familias que, de seguir así, veranse obrigadas a subsistir exclusivamente a base do autoconsumo, ao igual que acontecía fai 50 anos”.

O responsábel de CIG de Lugo advertiu das consecuencias de atoparnos “nunha situación de paro galopante, de conxelación salarial e, sobre todo, de falta de saídas económicas, a instauración do medo entre a Clase Traballadora é un dos problemas máis graves aos que nos enfrontamos. Nesta situación existe a tendencia a que os traballadores e traballadoras acepten calquera medida ante a ameaza de quedarse sen emprego”.

Contra esta situación Ferreiro destacou a importancia de actuar “colectivizando os conflitos e levando a cabo unha ideoloxización da clase traballadora”, como pasos precisos para poder pór en marcha as medidas propostas pola central.

O secretario de CIG-Lugo tamén se referiu aos ataques lanzados dende os sectores máis españolistas e reaccionarios cuxo único obxectivo é eliminar o uso do noso idioma. Por esta razón, animou aos presentes a participar masivamente na manifestación do vindeiro 17 de Maio en Compostela.

Pontevedra, conflitos abertos en varias frontes

Tamén foron moitas as persoas que se achegaron participar á mobilización da CIG en Pontevedra, que partía desde a Praza da Ferreiria. Rafa Iglesias. O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Rafael Iglesias, na súa intervención final explicou cal é a situación desta comarca na que "temos ERE's en empresas importantes como Treves, Maderas del Atlántico, Galfrio", ademais de incidir en conflitos abertos como a negociación colectiva do convenio do Metal da provincia de Pontevedra, que na próxima semana ten convocadas dúas xornadas de folga.

Fronte a este contexto de crise, peche de empresas e despedimentos na comarca de Pontevedra, Iglesias criticou a ausencia de medidas do goberno español e da Administración Autonómica, asi como apuntou que "desde a CIG temos alternativas, precisamos medidas reais, polas que loitaremos con todas as accións de presións que sexan necesarias, como a convocatoria dunha folga xeral".

28/4/09

Respostas as típicas preguntas sobre o noso idioma

En Galiza fálanse varias linguas…Cantas linguas propias temos?

Unha, o galego. O español na Galiza é só unha lingua con estatus de estranxeira e imposta. A lingua propia da Galiza é o galego, a forma romance propia que resultou da evolución, conxunción e cristalización das linguas faladas na nosa Terra antes da colonización romana e a interacción do latín con elas. O galego ao lado doutras linguas romance como o español, o catalán, o francés … conta cos seus primeiros textos escritos oficialmente desde a Idade Media e desde entón conta tamén coa súa produción literaria propia. Só a intervención de axentes estranxeiros impedirom e continúan impedindo hoxe que o galego se desenvolvese con normalidade dentro do marco que lle é propio. O español foi traído a Galicia polas elites dominantes e gobernantes que, para alén de negar a nosa identidade, roubaron a nosa lingua. Na Galiza a lingua propia e natural é o galego. O español non é unha lingua propia da Galiza. É unha lingua imposta: pola forza das armas, dos medios de comunicación, da política, da economía…

Que é unha lingua oficial?

Despois da caída do réxime franquista, o Estado español decide artellar unha nova organización política e administrativa. Con esta nova organización, a das autonomías, a intención continuaba sendo a mesma: a unidade de España era ( e é) indiscutíbel. Para atallar as aspiracións dos nacionalismos existentes no seo das nacións non españolas unidas ao Estado pola forza o aparello político español inventa o estado das autonomías. Unha peza angular das autonomías, que iguala nacións sen estado como a nosa co resto de comunidades, foi o sometemento da lingua. Baixo a aparencia de igualdade dos estatutos de autonomía e da constituición emanan leis que falan de linguas cooficiais. Nun territorio cuxa lingua propia non é o español imponse pola lei con aparencia de democracia o español. O galego e o español son a día de hoxe as dúas linguas oficiais da Galiza, isto é, as linguas que recoñece o estado español como oficiais.

E o bilingüismo?

Para os teóricos parece existir un acordo en que bilingüe é toda aquela persoa que é capaz de desenvolverse e ter un control sobre máis de unha lingua. Nada ten de estraño nen de malo o desenvolvemento desa cualificación. O problema está en que no noso caso o bilingüismo non chega nen a existir, porque os galegos e galegas non nos desenvolvemos nen contamos con igualdade de condicións na hora de estudar a nosa lingua, de lermos nela, de contar coa defensa que lle corresponde como lingua minorizada nen con todos os elementos que se supoñen indispensábeis para a boa saúde dunha lingua. Na Galiza ese bilingüismo harmónico do que se fala nunca existiu porque o español e a súa presenza na Galicia impide que o galego asuma todos os ámbitos que lle corresponden como lingua propia. O español é o lobo que conta cos medios de comunicación, o ensino, a televisión, a política… e o galego somos nós coa nosa defensa e decisión.

Que é iso da imposición lingüística?

A imposición lingüística é un fenómeno a través do cal unha lingua nun status de poder e de dominación se configura como a lingua promocionada e natural dunha comunidade que na realidade é usuaria doutra lingua. O fenómeno é simple de entender se pensamos en exemplos concretos que vivimos. O galego é a nosa lingua, somos usuarias dela, mais o español imponse a través da múltiples artimañas en todos os ámbitos da nosa vida. A imposición é o resultado dunha situación de convivencia conflitiva onde unha das linguas sae perdendo terreo, falantes, usos, ámbitos e cualificacións nos seus falantes. O español é a única lingua imposta na Galiza.

Falades moito del nas manifestacións, mais non entendo. Que é o monolingüismo?

A práctica do monolingüismo non significa falar só unha lingua. Cando nos referimos a monolingüismo referímonos a un proceso de inversión do que acontece hoxe no noso ensino e na nosa sociedade. De termos como lingua referencial e preminente o español, unha situación monolingüe permitiría que a nosa sociedade se desenvolvese en todos os ámbitos en galego, como é o natural e o que nos corresponde por dereito. Esta situación, ao contrario do que a que vivimos, non nega que as persoas podan coñecer máis linguas e utilizalas cando o precisaren. Coñecer inglés, español para entendérmonos cos veciños, francés etc. está moi ben, mais sempre que o ensino da nosa lingua sexa o prioritário. Un coñecemento adecuado do idioma e un uso absoluto del fará que nos podamos expresar con liberdade no noso País e tamén facernos respectar perante o que está de paso. Na Galiza, para alén do coñecemento doutras linguas, os galegos e galegas temos dereito e temos que loitar por un ensino só en galego e por unha sociedade en galego. Só así poderemos estar no mundo sen complexos e tal como somos. Esta reivindicación histórica debe estar presente nas rúas máis do que nunca.

E os de Galicia Bilingüe, a que andan?

Galicia Bilingüe é unha asociación que se vén de mobilizar contra unha situación que non existe na Galiza. Eles manexan o argumento da imposición do galego na Galiza, mais o que sucede é xusto o contrario. O que se impón é o español. Botando man da última lei de normalización saída da Xunta centran os seus ataques no que chaman imposición lingüística no ensino e na administración. Os galegos e galegas de a pé sabemos que isto non existe. Mais polo feito de que Galicia Bilingüe está construida en base a unha mentira non debemos deixar de combatela. Precisamente por iso, porque utilizan a difamación como arma imprescindíbel do seu accionar debemos destapar o que hai detrás: odio e auto-odio, españolismo, fascismo e diñeiro e apoio cómplice dos partidos españois, PP e PSOE. De feito, hai que ter coidado co seu discurso de democracia. Para eles o democrático é poder escoller a opción que se queira. Mais o que temos que dicir é que hoxe na Galicia non existe esa democracia, mais non porque non se poda utilizar o español. O que non se pode utilizar con normalidade é o galego!! Hai que darlle a volta a este discurso.

Moi ben todo, mais cal é a vosa proposta?


Vivimos unha situaçom alarmante. O galego desaparece entre a mocidade en favor do español. A isto sumamos as campañas dirixidas e planificadas de destrución e unha nefasta xestión da normalización lingüística desde o goberno galego, for do signo que for. A nosa proposta hoxe ten que ser máis atrevida e clara do que nunca:

*Defender na rúa e onde for os ataques contra o noso idioma. Destapar a realidade, a imposición do español e a opresión que sofre o galego.

*Socializar a idea do monolingüismo en galego. Monolingüismo non é peche nen imposición. Monolingüismo é a única posibilidade que nos resta se queremos defender o que é noso.

*Artellar e activar grupos de mozos e mozas que traballen en defensa da lingua de maneira continuada e con ideas atrevidas. Só con unha organización permanente lograremos paralizar os ataques que sufrimos.

Adiante a defensa da lingua!

Na Galiza, sempre en galego!

20/4/09

Galiza as olimpiadas?



No programa Fama que se emite en Cuatro, fixeron unha coreografía dos xogos olímpicos na que sae a bandeira de moitos países (Rumanía, Arxentina, España, etc) e entre eles a bandeira do noso país (Galiza) que xustamente é a que gaña. Da ledicia ver a bandeira do noso país ao mesmo nível que o resto de países, algo que se nos impide por lei no día a día.

Esperemos que para "London 2012" os deportistas galegos poidan competir polo seu país.

17/4/09

Apoio ao sector gandeiro galego



Mais de 6.000 gandeiros galegos manifestaronse en Madrid para denunciar a situacion limite do sector, que está a pagar a ineficacia das políticas agroalimentarias españolas.

Convocados polo Sindicato Labrego Galego, Unións Agarias e Xóvenes Agricultores, recibiron também o apoio de numerosas agrupacións cívicas, profesionais, sindicais e ata institucionais.

Saíron de madrugada de todas partes da Galiza e viaxaron ata a capital española nun centro de autobuses para reclamar prezos dignos para os produtores. Actualmente están recibindo menos diñeiro polos productos que en 1995, aínda que para o consumidor cada día son mais caros.

Os ganadeiros galegos denunciaron tamén acordos de prezos entre as industrias, e baixados do prezo en orixen de xeito unilateral.

Igualmente, pedíron a «complicidade» da cidadania coas suas reivindicacións, xa que, indicaron, «todos somos víctimas da especulación que se fai cos alimentos».

Dende Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas apoiamos as súas reivindicacións e esiximos unha solución por parte do goberno español que foi o causante do problema.

16/3/09

Chegou o feixismo a Galiza



Ante a campaña mais suxa da historia das eleccións na Galiza, o feixismo volta a comandar a Xunta de Galiza. Os seus proxectos son claros: desfacer o que fixo o BNG durante a pasada lexislatura. Adeus as Galescolas, a Selección Galega, aos poucos avances que os galego-falantes tivemos, etc.

Ha xente que estaba pensando que agora se podía volver ao rural a crear proxectos cun goberno que apostase polo interior galego non ten mais que votar as mans a cabeza e resignarse a voltar a ver como non hai nengunha inversión da Xunta na nosa zoa.

En fin, temos o que merecemos, mexan por nos e temos que dicir que chove.

5/3/09

BILLARDA ALL STARS OURENSE_09










Este domingo día 8 de Marzo é o All Stars da Billarda en Ourense. Estos 3 videos son do ano pasado en Coruña. Este ano faise en Ourense. Chamamos a participar a todo o mundo. Este é o programa da billarda:

BILLARDA ALL STARS OURENSE_09

domingo 8 de marzo / 12 h
pista da chave ( ó caron do estadio do Couto) Ourense

-ABERTO DE BILLARDA LESTE-OESTE

-CONCURSO DE TRIPLAS OU VARADOS

-CONCURSO E MATES

Ourense e o país enteiro xa treme ante a tremenda embestida que vai supor ista nova edición do Billarda All Stars , de novo unha linea imaxinaria vai dividir de arriba a baixo o mapa do país polo que xa podes ir situándote para defender a parte do firmamento de á que pertences. Para entendernos , os palandores da Conferencia NorLeste + os palandores da Conf Sur [Ourensá] puntuarán para a Selección do Leste mentras que os membros da NorOeste + Conf. Sur [Pontevedra] puntuarán para a do Oeste. O comezo do partido está marcado para as 12 h do domingo 8 de marzo polo que as Guaguas das tres conferencias xa están desafiando as lagañas .O Aberto do All Stars realizarase en dúa pistas simultaneas e nunha terceira realizaranse en paralelo ó partido o concurso de triplas ou paláns e o concurso de mates, polo que vide preparad@s para non parar nen un intre ate das 14 h asistir á sesión vermute co grupo SKARNIO previo ó xantar de irmandade entre os palanadores.

A POLA CACHUCHA DO ALL STARS

E coma o campión ou campiona do Aberto do All Stars non pode ir coas mans nen o bandullo valeiro , apresentamos A Cachuca do All Stars Ourense_09 , un espectacular e inaudito premio polo que loitarán coma cans famentos todos os palandores e palanadoras que iste domingo acudan a desputar o Aberto das Estrelas , atención porque baralláronse varios nomes para identificar a poderosa cachucha , Anxo , Emilio....pero por aclamación popular en incluso por riba do poder local que implicaba José Luis , a Cachuca do All Stars chamarase Alberte. E non queda a cousa ahí , o campión de Mates levará unha bandexiña de uñas de porco e o campión de triplas unha bandexiña de rabos , porque como sabedes do porco aproveitanse todo , os andares e agora tamén os gobernares.

Concerto Skarnio:



E por último este será o premio, a cachucha Feijoo e as uñas do porco Barltar:

13/2/09

Castelao camiño de Santo Domingo de Bonaval



Castelao, un dos intelectuais mais importantes de Galiza, morreu exiliado na Arxentina por culpa dos fascistas españois. O día da súa morte o goberno español enviou esta nota a tódolos periodicos do Estado:

"Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto políltico. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente."

Castelao dixera que levaran os seus restos ao seu país "o día que Galiza sexa ceive". Como unha provocación, os que forzaron o seu exilio mandaron traer os seus restos a Santo Domingo de Bonaval. A esquerda nacionalista organizou unha contramanifestación contra os que intentaban botar terra por riba de Castelao. O video mostra a resposta contundente do nacionalismo galego e a represión brutal por parte da policía española.

Este tema volve estar hoxe de actualidade, xa que o pasado domingo a extrema dereita española disfrazada baixo a etiqueta de "bilingüe", convocou unha manifestación galegófoba, pola desaparición do galego, en Santiago de Compostela. A manifestación foi un absoluto fracaso, xa que so 2.500 persoas, a maioría delas traidas en decenas de autobuses pagados pola Falange, PP e UPyD, dende Madrid. Na cabeceira da manifestación pola desaparición do galego contabanse cos dedos dunha man os galegos que había. Case toda a cabeceira estaba ocupaba pola dereita mais rancia española.

Como non podía ser de outro xeito a esquerda nacionalista salíu as rúas da capital do país a denunciar esta manifestación xenófoba e provocadora de odio. Ao comezo foi unha contramanifestación pacífica ata que membros da Policía Nacional chegados de Sevilla empezaron a reprimir duramente a todo o que falase en galego. Como en épocas pasadas, falar galego era motivo suficiente para que a policía te idenficase. Ante a brutal agresión con porras e pelotas de goma os galeguistas non tiveron mais remedio que organizar unha resistencia. O resultado é o que todos sabemos. Por parte dos españolistas un vello cun ollo inchado ao intentar agregir a un independentista e ningún detido, pese a violencia que mostran os videos do acontecido. Por parte dos galeguistas 11 detidos e varios hospitalizados pola brutal agresión da policía española.

Como se pode observar ambolos dous sucesos son similares. A ulta-dereita española organiza un acto anti-galego e a esquerda nacionalista sae as rúas a respostar a agresión a nosa lingua.

No video que se mostra é moi interesante a narración feita por Tareixa Navaza, producida gracias a Alexandre Cribeiro que foi expulsado da televisión española ao día seguinte, para que logo nos conten que hai liberdade de expresión.

Pra comparar mostrase en 2 videos o ocorrido este domingo:





NA GALIZA, EN GALEGO