28/8/09

"Viva Galiza Ceive"

Debido a que parte dos visitantes da nosa páxina web son emigrantes galegos que agora viven a miles de quilómetros da súa patria en lugares coma Francia, Suiza, Reino Unido ou Arxentina, entre outros, recuperamos o discurso de Antón Avilés de Taramancos pronunciado en Suiza fai 22 anos e que sigue estando completamente de actualidade, sobre todo para esta xente. Esperamos que este texto faga recapacitar aos galegos que tiveron que emigrar do noso país.

Traio aínda fresco nos ollos o contorno da patria. Desde Teixido a Santa Trega e desde Fisterra ao Caurel, Galiza vén como nun sono a campear aquí no teito de Europa para reclamar na súa propia voz o seu sangue espallado polo mundo, a súa xente perdida, o esforzo de tanto traballo, de tantas bágoas de raiba e de saudade, que tamen a ela a deixan orfa, escoada, valeira dos seus millores fillos. Veño, irmáns, a nome da Terra Nai a travervos a palabra sagrada do seu amor e do seu desespero. A traveso dos tempos esta vella sofrida e abandonada que é a nosa patria foi perdendo o froito dos seus partos, e tén a casa a medio erguer, a eira sen cercado, a onde entran as aves de rapiña para desposuila constantemente de todo canto é seu, para desfigurala, para deixala cega nos camiños do mundo. Cada un de vós é unha pinga de sangue que se lle foi e que a vai deixando pouco a pouco nunha anémia perniciosa da que non se pode recuperar.

Non pode haber unha pátria forte e farturenta se todos os seus fillos non a habitan. A desgracia histórica de non ser do noso país e que nos obriga a andar polas portas do mundo tén que chegar ao seu fin. O noso povo tén que coller as rendas do séu destino, ou vai a desaparecer do conxunto das nacións saíndo pola porta pequena como saían os escravos e os ilotas.

Eu veño, irmáns, con un mensaxe de esperanza. Hai xente, moita xente, que está a loitar para que a pátria consiga a plena liberdade, que a Nai forzada ao abandono volva a acoller aos seus fillos, que todos construamos en paz os muros da nosa casa común, que aremos as terras, que poñamos a funcionar as fábricas, que ergamos as nosas mans en defensa do que nos pertenece, e que ninguén mais teña que saír polo mundo senon é para gozar de hoteis de cinco estrelas e non para limpalos etermamente e que outros os disfruten.

Se despois do esplendor medioeval que puxo a Galiza nos cumes da cultura univeral, as circunstancias históricas non nos foron propícias e pasamos a ser un pobo e unha lingua dominados, as consecuencias económicas da dominación fixeron de nós unha colonia expoliada, empobrecida polos foros e tributos, e aínda máis: deshabitada sistemáticamente da súa mocidade máis cumprida, adiestrada e obrigada para a emigración e para que os seus aforros (eses cartos desditados conseguidos entre a penuria e a lonxanía) engrosasen a Banca do Estado para beneficiar outras latitudes que nos ollaban con desprecio e villanía. Este ir escoando ao traveso dos tempos o sangue novo e vizoso do povo foi empobrecendo-nos cada vez máis. Os grandes logros dos galegos, os seus grandes triunfos de organización mutual e empresarial foron-se dando en lonixanos territórios, que milloraron o seu caudal e a súa facenda á conta do noso esforzo. Países como Arxentina, Cuba ou Venezuela fixeron as súas modernas estructuras en base do traballo e da imaxinación de milleiros de galegos transplantados que non puderan na súa terra levar a cabo esa labor de redención e de progreso. Agora os que andades polos vieiros da Europa estades a erguer coas vosas própias mans a riqueza dos países que nos someten e que nos empobrecen cada día máis. Debaixo do mapa dos Estados da Europa subxace a verdadeira Europa dos Pobos, que tén que aflorar para que Europa viva en harmonia co seu própio ser. Ademáis de reclamar os nosos dereitos de autodeterminación e vida própia entre as nacións do mundo, temos que ser solidarios cos que estan a padecer os mesmos atrancos e as mesmas vicisitudes. Vós que vivides nunha República de múltiples línguas e culturas sabedes ben que se pode conseguir es harmonía se cada quen se respeta a sí mesmo e respeta as liberdades e a identidade dos demáis. Os que vivides e traballades na Suiza tendes que ir recollendo e transmitindo a todos os galegos e aos demáis povos da Iberia para que nos entendan, esas vivencias de xentes diferenciadas que poden conformar un conxunto próspero sen imposicións e sen enfrentamentos.

Eu tamén, meus amigos, pasei vinte anos de exilio por terras de Colombia, e sei o que costa minuto a minuto estar fora da pátria. Sei o que é erguer un fogar en terra allea, e sei como o voso corazón se arrofia de espanto de ver como pasa o tempo sen saber cando se vai regresar. Cada día que pasades fóra do voso lar é un día que se lle rouba a unha vida plena e feliz. Sei que os cartos que gañades con sacrificio non pagan as horas de tristeza e lonxanía. O voso pan é amargue. Pero nós, que vivimos nos eidos da Terra, tampouco podemos ser felices mentras non esteamos todos xuntos, mentras a cada casa non cheguen os que faltan e haxa de novo lume, e risas e alegría. Non podemos construir a pátria sen as vosas mans. Non podemos alcender o lume se non brillan os vosos ollos ao calor da fogueira. Somos unha tribo dispersa que non será feliz até que se atope enteira e reunida.

A Nosa pátria cimenta-se no pasado para ollar de cara o futuro coa nosa propia visión, cos nosos própios ollos; até o de agora os mesmos que nos cegaron foron-nos levando ao precipício onde pode morrer a nosa identidade, onde se afogan os berros do noso sentir, e onde pouco a pouco se vai perdendo o son da nosa fala. Se non nos arrepoñemos dunha vez nun sentir colectivo de defensa da nosa personalidade, Galiza vai-se perder e non seremos máis que a pantomina dun povo que representa unha actuación perante a História de persoaxes valeiros, sen alento de seu, sen palabra de seu, perdidos nun rol feito adrede polos que manexan os fíos e que nos queren facer monicreques. En cada un de vós, aínda os máis manipulados por unha educación do "Imperio hacia Dios" que ven de máis antigo do que parece, en cada un de nós alenta sempre a fonda raíz da pátria. A pátria está na música que nos fai tremer o corazón. A pátria está nas verbas das nosas cántigas, a pátria está nesa dor profunda que nos carcome cando andamos lonxe e na felicidade da chegada. Está na paisaxe que levamos grabada, os montes e o mar e os rostros da xente que amamos e que levamos na memória. A pátria está no sentimento que nos une e que nos fai irmáns.

Eu podía chamar a cada un de vós polo seu nome. Estou vendo a vosa casa, Estou vendo a vosa nai ollando por riba do horizonte nese agardar eterno. Vós sodes, irmáns, a miña patria. Sodes quen me da o alento para escribir e para soñar, sodes quen me dá o pulo para seguir loitando para que Galiza sexa doña de sí mesma e que un día vos vexa ir chegando para que cada un no seu labor vaia pondo as colunas da grande casa común.

Irmáns galegos, Xente de Breogán, eu pídovos que neste día xuntedes os vosos corazóns para decir conmigo, para berrar conmigo dende os cumes de Europa e que nos ouza o mundo:

"VIVA GALIZA CEIVE E POPULAR!"

26/8/09

NACE A GALICOLA



Un novo producto exclusivamente galego tentará facer fronte a dous símbolos do modelo de consumo americano: a Pepsi e a Coca-Cola. Ademais financiará a promoción da língua galega.

Un reducido grupo de persoas acabou de crear a Asociación Cultural Fontaira co obxetivo de crear este novo producto en botellas plásticas de 33 centilitros e medio litro. O Producto terá o nome de Galicola.

A Galicola vai destinar todo o seu beneficio a língua do país, financiando proxectos en defensa da língua galega, para que o diñeiro non sexa un impedimento para a xente que defenda o noso idioma.

Non é unha empresa

Ninguén se vai a lucrar con este proxecto, depois do pagamento dos custos de fabricación, distribución e salarios, todo o beneficio será destinado ao movemento normalizador. Aínda que non se cubriran os gastos de producción o 5% de cada venda irá parar a un Fondo polo Galego. Desta maneira, calquer persoa terá a certeza de que unha parte do que paga polo refresco acabará por financiar un festival, un medio de comunicación, unha asociación polo idioma, unha escola monolíngüe en galego, un centro social, etc.

A forma de que os proxectos sexan financiados por Galicola será o Concurso Ánxel Casal (mecenas da língua fusilado polo franquismo), que decidirá, cada 17 de Maio, o Fondo polo Galego. Calquer entidade sen ánimo de lucro que non teña gañada a anterior edición poderá presentar unha única candidatura que defenda a sua actividade pró-normalizadora en termos globais ou ben unha actividade concreta en prol do idioma.

O destino que cada colectivo dará ao diñeiro recibido será publicado anteriormente na páxina web da Galicola, para ser consultado por eventuais votantes ou participantes no concurso. As candidaturas faranse entre Setembro e Decembro.

Canto mais bebas, mais votas


En Xaneiro serán publicadas todas as candidaturas. Entre Xaneiro e Maio tódolos consumidores de Galicola poderán votar a que mais lles guste. A etiqueta de cada botella poderase utilizar como voto se o consumidor o desexa. Por tanto se un consumidor tomar 5 Galicolas terá dereito a 5 votos. Así ata o 17 de Maio, a data en que os votos serán contados e o diñeiro do Fondo polo Galego será distribuído entre os dous proxectos mais apoiados.

A PARTIRES DE AGORA NEN PEPSI, NEN COCA-COLA. PIDE GALICOLA. O TEU IDIOMA O NOTARÁ.

4/8/09

Mural realizado en San Xoán de Río






Galiza Nova Terras de Trives realizou con motivo do día da Patria un mural en San Xoán de Río.

ENCONTRO DE VERÁN GALIZA NOVA TRIVES



O sábado 15 de Agosto, Galiza Nova Trives organiza un encontro de verán con múltiples actividades para a xente da comarca. Salvo o xantar, tódalas actividades son completamente gratuitas.

A xornada comeza en Castro Caldelas, as 10 da mañán temos o punto de quedada no campo da feira de Castro Caldelas, alí subiremos polo casco vello caldelao ata o Castelo que visitaremos.

Ao rematar no Castro desplazarémonos a Mourúas, no Concello de San Xoán de Río, onde realizaremos a ruta da Fraga (ruta de sendeirismo cunha dificultade baixa e que nos levara entre 1’30 e 2 horas) rematando a ruta no centro da vila de San Xoán de Río.

A continuación desplazaremonos a San Lourenzo, no concello da Poboa de Trives, onde xantaremos no seu Pazo. O prezo do xantar é de 10 € e compre avisar se vas a vir xa que é necesario reservar.

Despois do xantar desplazaremonos a Soutipedre (Manzaneda) onde aprenderemos a xogar tanto os bolos celtas, como a billarda, 2 xogos populares galegos. Tras unha aprendizaxe básica de ambos xogos realizaremos campionatos das dúas disciplinas con premios para os mellores en cada torneo.

Para rematar visitaremos unha bodega da Ribeira Sacra onde teremos unha degustación gratuita de viños e licores.

Para apuntarse chamar aos teléfonos 636059234 ou 627780891, ou enviando un email a trives.gz@gmail.com

ANIMATE E PARTICIPA.

30/7/09

Un Día da Patria Galega masivo!



Galiza Nova Terras de Trives e Caldelas participou activamente na manifestación do día da patria así como no Festigal. Esta é a crónica da web do BNG da manifestación:

Era o que o País necesitaba: un Día da Patria Galega masivo para patentizar que esta nación continúa viva e que non vai renunciar a defender os seus dereitos. Unhas 20.000 persoas -algún meio de comunicación sinalou esta como a manifestación máis numerosa dos últimos anos- rebordaron as rúas do casco vello e desbordaron os límites da Praza da Quintana. Unha resposta cívica, festiva e moi emotiva ante as agresións que o Goberno Feijóo en apenas 100 días de exercicio ten perpetrado contra a nación galega e os seus sinais de identidade, a comezar pola lingua.

O BNG ofreceu a imaxe dunha organización que, unha vez feitos os deberes internos, ten folgos de abondo para construír a alternativa ao Partido Popular e derrotar en catro anos o proxecto reaccionario e anti-galego de Núñez Feijóo.

Como adoita dicir o portavoz nacional, "hai pobo, hai vida, hai esperanza".

DOUS ALICERCES BÁSICOS

O discurso de Guillerme Vázquez na Quintana construíuse sobre dous alicerces básicos: primeiro, transmitir a idea de que o BNG está aquí e non vai claudicar, perante o conformismo dos partidos españois en Galiza, que xa andan a argallar unha reforma do Estatuto para consolidar a presenza do noso País na Segunda División do Estado; segundo, espallar coa mesma enerxía a determinación do BNG de combater e vencer o Partido Popular e o que este significa tanto no eixo da política nacional como no plano da política social.

Galiza vive unha dupla crise, económica e política, pero claro que hai solucións: pasan por camiñar cara a un Novo Estatuto de Nación e por desenvolver desde o poder político galego políticas socieconómicas que favorezan ás maiorías sociais.

Pasan, portanto, por que o nacionalismo, cohesionado e reilusionado, traballe duro estes catro anos para persuadir ao conxunto da sociedade de que as solucións aos nosos problemas non pode vir dun partido da dereita españolista, senón dunha forza política propia do País e claramente comprometida cun modelo social favorábel ás maiorías.

16/7/09

Festigal 09



Un ano mais chega o Festival para celebrar o día da nosa patria.

Bastante xente das comarcas de Trives e Caldelas acudirá ao Festigal. Se queres vir non dudes en poñerte en contacto con nos:

Estes son os concertos programados:

VENRES 24

23:00h

· Chamallexis! (Galiza)
· Os John Deeres (Galiza)
· Som do Galpom (Galiza)
· Dj Click Live (Franza)

SÁBADO 25

22:00h

· Descarga ao Vivo (Cuba / Galiza)
· Katembe Project (Angola)
· Os Tres Trebóns e Amighos, A Grande Treboada (Galiza)

Ademais, os días 24 e 25, haberá máis música no Café Concerto, con actuacións de artistas variados a partir das 17:00h.

9/7/09

GALIZA NOVA TRIVES A FAVOR DA GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO

Unha das principais reivindicacións que Galiza Nova vén demandando dende a súa creación é un ensino galego público e de calidade. Neste sentido a nosa organización quere amosar o seu firme rexeitamento á decisión do PP de eliminar a gratuidade dos libros de texto, cuestión que durante a campaña Feijoo prometera manter.Coa proposta anunciada pola Consellaría de Educación que muda a gratuidade por axudas, a maioría das familias terá que asumir os custes dos libros, sendo contadas as que poden acceder ás mesmas. Os límites establecidos pola Xunta para ter dereito a estas axudas son extremadamente baixos, dándose a situación de que familias mileuristas quedarían excluídas ou as familias monoparentais que non está obrigadas a facer a declaración da renda por nível de ingresos tamén quedarían fora deste sistema de axudas.Para tentar frear esta medida o BNG entre outras actuacións presentou mocións en todos os concellos do país pedindo a gratuidade.

Ademais esta medida terá un maior coste para os petos de tódolos galegos, xa que o anterior sistema de gratuidade funcionaba como un préstamo de libros ano tras ano, durando cada libro sobre 4 anos. Agora arredor do 30% dos galegos terán dereito a estas axudas, que durante os vindeiros 4 anos desta lei suporan un maior coste, xa que haberá que pagarlle os libros tódolos anos as persoas con dereito a gratuidade en vez do actual sistema que en 4 anos so se mercaban os libros unha vez.

Ademais o PP, afirma demagoxicamente que esto é unha lei de esquerdas, xa que os “ricos” (persoas que cobran 1.000 € ao mes ou mais) pagan e os outros non. Dende Galiza Nova Trives pensamos que o que verdadeiramente é de esquerdas son uns servizos públicos universais e gratuitos e o demais non é mais que facer demagoxia. Acaso o PP pensa en prohibir o acceso a ensinanza pública e gratuita? acaso quere sacar a sanidade gratuita para os que mais cobran? Ao mesmo tempo votan en contra de subirlle os impostos as rendas mais altas e aos salarios dos futbolistas.

Por outra banda fíxose unha enquisa vergonzosa sobre o idioma na ensinanza gastando miles de euros para “saber a opinión dos país” respecto o idioma no que queren educar os seus fillos, non deberían preguntar tamén se queren ou non queren pagar os libros de texto?

A EDUCACIÓN SEMPRE GRATUITA E DE CALIDADE PARA TODOS