A existéncia de Galiza como nación constitúe un elemento clave na configuración e razón de ser do nacionalismo galego. Os movimentos políticos e as suas organizacións non existen por destinos do azar. O nacionalismo galego é unha necesidade para un país que precisa seguir dotándose dunha maior consciéncia da sua condicion nacional e aumentando o seu nivel de auto-organización.
A autodeterminación é un direito inalienábel dos povos e nacións, que está recoñecido en numerosos tratados e convénios internacionais (moitos deles subscritos polo Estado Español). Os exemplos máis recentes de nacións que conseguiron o recoñecimento do direito a decidiren libremente o seu futuro atopámo-lo en Timor Leste, no Quebec ou o povo Saharaui, que segue loitando para que se efectivice o referendum pola autodeterminación e se cumpran as resolucións do ONU neste sentido.
A realidade plurinacional do Estado Español é unha evidencia, por moito que PP e PSOE intenten camuflar e negar. Unha realidade que ten a sua plasmación nas diferentes dinámicas sociais, culturais, económicas e políticas que se dan en cada nación.
A situación de marxinalidade que Galiza ocupa no estado foi denunciada e posta de manifesto en diferentes ocasións: cota láctea, desmantelamento da nosa frota pesqueira, rendas por debaixo da média, marxinación nos investimentos que fai o Estado... o acontecido co Prestige non é máis que outra mostra desta situación de marxinación e da falta de soberania política da nosa nación. Superar esta situación depende de todas e todos nós.
E para defender todos estes intereses naceu fai 20 anos Galiza Nova como organización xuvenil tal que a sua función básica é a organización e movilización da mocidade de cara a acadar a liberación nacional de Galiza e a transformación da sociedade actual. Somos unha organización ampla, plural e democrática que adopta as suas decisións tras un amplo proceso de debate aberto a toda a militancia. O noso funcionamento basea-se no asemblearismo estruturando-nos en agrupacións locais e comarcais coma neste caso a comarca de trives á que nós representamos. O máximo órgano é a Asemblea Nacional que se celebra cada dous anos, e á que ten direito a asistir toda a afiliación.
Reivindicamos unha Galiza plenamente soberana como culminación do proceso de autodeterminación nacional. Aspiramos a unha sociedade cualitativamente distinta, que supere as inxustizas da actual, e onde a igualdade e a democrácia sexan reais. Queremos garantir unha mellora nas condicións de vida e benestar social para a mocidade e para o conxunto das galegas e galegos.
Defendemos que as relacións entre as diferentes nacións do mundo se fundamenten na igualdade e solidariedade internacionalista. Unha política anti-imperialista é a garantia dun futuro mellor para a humanidade. Por todo o dito é o momento de que todos e todas botemos unha man a esta importante tarefa.
30/11/08
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario