Busco a túa atención. Sempre o fixen. Chámasme tola por mostra-las miñas contradiccións, cada un dos meus medos, a miña inseguridade, a miña torpeza, o que dependo de ti. Pois prefiro ser tola e sentir tantas cousas que corda e finxir ser unha prancha de xeo. ¿Non te escravizan as dúbidas? O teu orgullo, o teu estúpido ánimo de supervivencia é desvastador para persoas coma min. Piares da corrupción do espírito, da degradación persoal, da aniquilación emocional. ¡Esperta! ¡Se ti mesmo! Camiña libre de prexuízo, de toda idea preconcibida. Abandona o odio, a amargura. Loita por un ideal. Un ideal de harmonía que che axude a escapar da túa prisión en vida. Desvincúlate do medo. ¿Aínda temes? É algo necesario. ¿Es capaz? ¿Cuán de rebelde es? ¿Cuán de idealista? ¡Esperta do letargo! Dime que pasaría se cada vez que desexaches dar un bico o deses, se cada vez que desexases dicir "quérote" o fixeses, se cada vez que desexaches arredarrte o fixeses sen darlle explicacións a ninguén, se cada vez que desexases berrar o fixeses, se cada vez que desexases facer o que realmente anhelases non houbese traba ningunha. Nunca che fixen dano plenamente consciente de como che repercutiría. Mírame, nunca máis vou volver pedir perdón. Canseime de mirar sen ganas, de oír sen tempo, de rir sen graza, de quedar por quedar. Toca a hora do silenzo entre ti e eu. As túas son pequenas accións descontroladas. A túa barreira. A túa cuncha. O teu medo. ¿Non te ves? ¿Por que somos así? A miña indiferenza está xustificada. A túa non. ¿Onde quedou a túa rebeldía? ¿Onde quedou a ansia de amar, de coñecer, de mostrar, de ensinar, de sentir, de crer, de loitar? ¿Por que te cegas con esta idade? ¿É este o teu apercibimento do mundo real? Xoves borregos. E infantil chamáchesme a min. Creme que se manifesto unha conduta infantil é por ti, non por min. Necesito durmir crendo que aínda pode haber paz e toda esa serie de ideais bos, positivos, ¡utópicos!¡ ¡irreais!! ¡Canta maldade me acinou nun cuartucho de pesimismo extremo! Non ía quedar aí, non son eu quen debe atormentarte, o mundo farao só. Antes odiaba e quería protexervos a todos. Agora son incapaz de odiar, ¿de quen te vou protexer entón? ¿De ti mesmo? ¿Dos teus falsos ideais? ¿Da túa equivocada percepción do mundo no que vives? ¿Velo? ¿Cando queres espertar? Déixame dicirche que dentro de pouco a maioría de vós aborreceredes a vida e todo o que puidestes facer e non fixestes. Socialmente aceptable a túa conduta. Eu riome dela. ¿Porque non me apertas? Chora comigo, dime que che pasa, saca toda esa dor, toda esa rabia. Quizabes eu te entendo. Non necesitas finxir o que non es. Non necesitas nada máis que un oído atento ao teu lado para redimir os sufrimentos. Conta comigo agora. Nunca máis lle quererás mentir ao mundo porque a túa máscara queda no banco no que sentas. Que me cuestionen, que me xulguen, que me critiquen. Eu non amo a ninguén. Sobrevivo con retallos de cariño. Á fin e ó cabo, tamén son humana. As miñas mentiras son sempre verdades a medias. Non sabes ler entre liñas. Estou viva, ti dis que me equivoco, estou a dar un paso máis, o paso que ti non dás. Egoísta. Ti tamén o es pero dunha forma banal. O meu é máis finito. ¿É mellor dar ou querer dar? Ti queres dar, eu dou. ¿Nunca oíches iso de que non hai vencedor ata o final? Non temos capacidade para ser fieis toda a vida, non podemos sorrir sempre, non valemos para manter durante cincuenta anos un bonito tema de conversación, e moito menos te crerás capacitado para traer a este mundo un ser sen poder asegurarlle-la felicidade. Son consecuente. Penso en min, no meu benestar, na miña propia tranquilidade, se penso en ti e nos demais xamais obterei nada. ¿Pensaches algunha vez niso? En que se amas, pérdeste. En que se amas, sofres, deixas de ser ti. Ama por momentos, entrégate a cachos, mantén a consciencia. Non hai ninguén máis importante ca ti, ninguén máis belo, nin mellor, só o que existas implica que es marabilloso, especial. Estás aquí por algo. Hai unha función asignada para ti. Espera. E busca. ¿De verdade cres que é tan malo esperar e buscar á vez? ¡Si! Tola. Ti o dis. Pero choro e río, son máis mala que ninguén, pero ¿sabes? Máis boa que ti, porque me mostro, porque fago o que quero. E eu vivo a miña vida como quero porque non teño outra. ¿Cal é o teu ideal? ¿Que persegues ti? Non quedo ben con ninguén pero, ¿quen demos queda ben comigo? A xuventude está alienada, os nosos pais acostumados. Expectativas frustradas. Choque de egoísmos. Unha carreira, un traballo, unha casa, un coche, unha parella, uns fillos, ¿que toca agora? ¿a morte? O proceso comezará de novo. Dime. E ti sen facer nada. Sen crer en nada. Mentalidade bonita a nosa, a dos mozos. ¿Non tes un sono? Eu quero algo máis que isto que se me ofrece tan mundano e aborrecible. Os colegas falando de festa. O paso intermedio antes de caer e para tal fin nin sequera actuamos conscientemente. ¡Deus! ¿Que pasa na sociedade? Os tempos cambian, as mentalidades acúrtanse. Falta educación, falta ocio san. ¿Quen nos ha de educar na vida para a vida pola vida mesma? Vida como realidade, vida como obxectivo, vida como esencia. Quero ve-lo mundo. Coñecelo. Implicarme nel. Deixar a pegada dunha boa acción que reconforte a miña existencia ata o último expiro. E non che pido recoñecemento nin nada. Non o necesito. Non o quero. Cada día teño máis claro que non quero estar neste lugar. Loitar para andar un paso. Estráñome. ¿Por que é tan difícil? Quero cambialo. Quero cambiarte. Ensíname como podemos entendernos. "Cala, déixame tranquilo"- estás a pensar-. Agora imos de marcha. Unha escapatoria doada nos tempos que corren. Maquéate, beberás ata as trancas, caerá un tiro, bailarás música de aparvados, de alienados, liaraste insensiblemente con alguén que non che achega nada, moitas veces recordando vagamente un nome, ao día seguinte non valerás para nada, pero, ¿que máis dá? Foi unha noite total, a túa autoestima reborda inxenuidade. Maldita droga. Todo é droga. Todo é aditivo e pernicioso. Fuxir. Recorda a Jim, a Kurt, a Sid Vicious, a tantos outros, tan preto da verdade, e sen embargo, de que lles valeu... ¿Fuxir de que? ¿Dun mundo polo que non fas absolutamente nada? Sabes que é un círculo vicioso: a bebida, as compras compulsivas, o telelixo, a bisbalmanía e o reggaetón, o culto ao corpo, a moda, as marcas, etc. etc. ¿Por que tanto vicio? Nada disto serve para afoga-las penas de ninguén, só as ensina a nadar. Entón, ¿de que clase de fortaleza te estás a xactar? Afronta a vida agora, é a túa única e verdadeira saída, unha simple vía de escape. Non empeores isto, non mo poñas máis difícil. É por ti que choro en silencio. Es incapaz de atopa-la tranquilidade da alma. ¿Quen axuda a mellora-lo mundo? ¿Quen ensina a concienciar? ¿Quen cambia as cousas? É o momento, sentemos ao noso lado a dor. Os mozos podrecémonos no mellor da vida. ¿Por que non quitamos dunha vez este veo de necidade? E no mundo tantas cousas que facer mentres ti dormes a mona. Vagos. Noutro lugar o mozo sae e reivindica os seus dereitos. Aquí non se leva iso. ¿Para que? Non se leva pensar, nin reflexionar. Que o fagan outros. ¿Pero que estamos a facer? Eleva o teu ideal, abandoa tanta frialdade. Que non continúen os fantasmas do pasado. Mañá vas chorar. Eu mentres pírome daquí sen irme, paso de converterme no que non quero nin podo ser. Xa só te escoito remotamente. Pero estou ao teu lado. Seguirei estándoo. E se é que algún día acaso me entendes e me necesitas, dimo sen que nada nin ninguén fale por ti, sen pedirme un bico máis alá do momento, sen pensar nun novo encontro, sen expresar máis alá do que non vas cumprir.
Comigo pero sen min.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario