22/12/08

MANIFESTO POLA LINGUA

O pasado mes de xuño un grupo de “intelectuais” próximos a UpyD de Rosa Díez fixeron público un escrito titulado “Manifiesto por la Lengua Común”, no mesmo reivindicaban o papel do castelán como lingua prioritaria en todo o Estado. No texto non se aforraban ataques contra os intentos de normalización lingüística en Galiza, Cataluña e Euskadi á vez que se propoñía unha reforma constitucional que supeditase aínda máis as linguas destes países á castelá. A esta campaña de adhesións ao manifesto sumáronse inmediatamente importantes medios de comunicación madrileños como El Mundo ou Tele 5, entre outros e personaxes galegos lamentáblemente da talla de Oscar Pereiro, Roberto Verino e Luz Casal, ainda que esta última se botou atrás logo de ver as reaccións dos galegos ante tan aberrante manifesto alegando ser enganada polo periódico Madrileño. .

Dende a Aelga piden que as adhesións individuais e colectivas a este manifesto se fagan chegar ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org

O manifesto é o seguinte:

Manifesto de Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca"

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, como integrante da Federación de Asociacións de Escritores "Galeusca", da que tamén forman parte a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), emite a 11 de xullo o seguinte manifesto.

Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca” quere deixar constancia do seguinte:

1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.

2. O galego, o éuscaro e o catalán non son "inventos" recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de
usos públicos, non se produciu de forma "natural", senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.

3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.

4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir queson as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.

5. O dereito ao uso público, en todas as instancias, da lingua propia está recoñecido en todas as lexislacións democráticas do mundo. No ámbito europeo cómpre lembrar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (aprobada e ratificada polo Estado español) ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada coa unanimidade do Congreso dos Deputados.

6. A visión anuladora que da enriquecedora realidade plurilingüe española se transmite desde o “Manifiesto” leva a pensar na similitude coas teses da etapa franquista: un Estado, unha lingua, e, consecuentemente, a reforzar as formulacións diferenciadoras entre cidadáns de primeira e de segunda por razón de lingua. A competencia plurilingüe, tamén para os cidadáns españois nados en comunidades autónomas cunha única lingua oficial, sempre será unha chave que abra o mundo que abra as fronteiras do respecto polo outro desde a interpretación dunha relación de equidade entre os seres humanos, independentemente do seu lugar de nacemento, de residencia e de lingua propia. Además, o “Manifiesto” parte dunha premisa que non se corresponde coa realidade, pois en ningún caso o castelán corre perigo ningún en todo o territorio do Estado.

7. A aprendizaxe de linguas, ademais da propia, sempre debe ser entendido en positivo e como sinónimo de enriquecemento do individuo, pois coa aprendizaxe plurilingüe estimúlase a expresividade e cognición das persoas. No caso de Galiza, Euskadi e os Países Cataláns é imprescindíbel que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.

8. Para garantir esa utilización libre das linguas precísanse medidas emanadas dunha política lingüística adecuada. É dicir, para garantir os dereitos constitucionais que temos tamén os falantes de catalán, éuscaro e galego precísanse políticas lingüísticas que creen as condicións para exercelos, tal e como ditou o Tribunal Constitucional na sentenza 337/1994 cando “avalaba un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”.

9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.

10. As escritoras e os escritores galegos, vascos e cataláns PROCLAMAMOS a nosa vontade de seguirmos a escribir nas nosas linguas e a contribuírmos ao proceso, inacabado, de normalización das nosas linguas, como dereito humano, democrático, pacífico ao que non imos renunciar. Repudiamos enerxicamente todos os intentos de EXCLUSIÓN que colegas escritores españois realizan das nosas linguas e lamentamos que, no canto de se preocuparen pola saúde do español en Puerto Rico, Costa Rica ou os Estados Unidos, se dediquen a combateren o máis próximo e asimetricamente discriminado.

Xullo de 2008

15/12/08

COCIÑA ANTICRISE

-O ano chega ó seu fin, e con él as festas das que poidemos disfrutar nestes meses sobre todo as do verán entre as que cabe destacar por ser “primeiras edicións” e por cercanía a do Porco Celta en Manzaneda e a do Viño en Castro Caldelas, sen olvidar a organizada en Manzaneda para os cativos chamada festa da espuma anque os que acabaron espumeando foron cativos e non tan cativos.

-Rendimos homenaxe á Banda de Gaitas de Manzaneda pola súa reorganización e damos grazas por recuperar a ilusión e polos continuos saltos que deu no terceiro grado ata ascender ó segundo. ÁNIMO RAPACES!!

-A continuación vai unha receita de cociña económica para recordares que chegou o Outono-Inverno e todo voltou á normalidade despois do verán e quizás haxa quen teña que rescatar o que gastou nas vacacións ou aforrar para as compras do Nadal.


XUDIAS CON OVO


Ingredientes para 4 persoas (bós comedores)

Xudias 750 gr
Ovos 2 unid
Cebola ½ unid
Panceta 150 gr
Vinagre, Aceite, Pimentón, Sal (diso temos todos)

Cocer as xudias en auga salgada durante 25 min. Cocer os ovos, tempo estimado: 12 min.
Picar a cebola e pochala en aceite (que nade), cando empece a estar branda engadir a panceta cortada en tacos lixeiramente desalgada (en auga ou leite), remover, botar pimentón e chorro de vinagre e apagar o lume.
Poñer os fréxeles, o ovo á metade e regar co preve.


MUSLOS DE PAVO GUISADOS


Ingredientes:

Muslos de pavo 4unid
Cebola 1 unid
Cervexa 2 unid (1 para cociñar e a outra para beber )
Cebola, allo, perexel, loureiro
Mostaza e Brandy (opcionais)

Fritir os muslos nunha sartén, salpimentandoos. Se hai mostaza untalos con ela, se é en polvo engadirlla á salsa.
Picar a cebola, allo, perexel e botar os muslos e todo esto nunha pota cunha folla de loureiro, engadir brandy (canto máis caro, mellor!) e cando o guiso xa non feda a brandy que tumbe (será que se evaporou) engadimos a cervexa. Ímolos acribillando de vez en cando para ver cando está a carne apetitosa e branda. Se se sume a cervexa auga do grifo que tamén é boa! Hasta que estén.
Como guarnición patacas fritidas ou no caso de estar a dieta leituga ou arroz integral.

E despois desta panzada recoméndovos unha froita, as máis light deste tempo peras, laranxas ou mandarinas das cales 100 gr só aportan 40 kcal.
Recordar porque temos que comer estes productos que furan tanto as tripas como a cebola que ten selenio, e é moi importante para encontrarse ben e non andar”mareao” e tamén que o viño é bo porque ten taninos, que son antioxidantes para o noso organismo, pero claro... un vaso, non un tras outro!
Tamén que as mulleres necesitamos 18 mg de ferro no noso corpo e os homes só 12, que no-l los aportan alimentos como as lentellas pero ollo! éstas teñen déficit de aminoácidos entón engadiremos cereais, patatas, calabacín…. e Vitamina C (pemento, perexel, zumo de laranxa ou limón) para que o noso organismo absorba este ferro.

E……como diría Pemán:
A previsión do tempo para os vindeiros días é chove, neba, fai sol, marmaña na cabaña, boa noite, deica mañán.

11/12/08

COETÁNEOS

Busco a túa atención. Sempre o fixen. Chámasme tola por mostra-las miñas contradiccións, cada un dos meus medos, a miña inseguridade, a miña torpeza, o que dependo de ti. Pois prefiro ser tola e sentir tantas cousas que corda e finxir ser unha prancha de xeo. ¿Non te escravizan as dúbidas? O teu orgullo, o teu estúpido ánimo de supervivencia é desvastador para persoas coma min. Piares da corrupción do espírito, da degradación persoal, da aniquilación emocional. ¡Esperta! ¡Se ti mesmo! Camiña libre de prexuízo, de toda idea preconcibida. Abandona o odio, a amargura. Loita por un ideal. Un ideal de harmonía que che axude a escapar da túa prisión en vida. Desvincúlate do medo. ¿Aínda temes? É algo necesario. ¿Es capaz? ¿Cuán de rebelde es? ¿Cuán de idealista? ¡Esperta do letargo! Dime que pasaría se cada vez que desexaches dar un bico o deses, se cada vez que desexases dicir "quérote" o fixeses, se cada vez que desexaches arredarrte o fixeses sen darlle explicacións a ninguén, se cada vez que desexases berrar o fixeses, se cada vez que desexases facer o que realmente anhelases non houbese traba ningunha. Nunca che fixen dano plenamente consciente de como che repercutiría. Mírame, nunca máis vou volver pedir perdón. Canseime de mirar sen ganas, de oír sen tempo, de rir sen graza, de quedar por quedar. Toca a hora do silenzo entre ti e eu. As túas son pequenas accións descontroladas. A túa barreira. A túa cuncha. O teu medo. ¿Non te ves? ¿Por que somos así? A miña indiferenza está xustificada. A túa non. ¿Onde quedou a túa rebeldía? ¿Onde quedou a ansia de amar, de coñecer, de mostrar, de ensinar, de sentir, de crer, de loitar? ¿Por que te cegas con esta idade? ¿É este o teu apercibimento do mundo real? Xoves borregos. E infantil chamáchesme a min. Creme que se manifesto unha conduta infantil é por ti, non por min. Necesito durmir crendo que aínda pode haber paz e toda esa serie de ideais bos, positivos, ¡utópicos!¡ ¡irreais!! ¡Canta maldade me acinou nun cuartucho de pesimismo extremo! Non ía quedar aí, non son eu quen debe atormentarte, o mundo farao só. Antes odiaba e quería protexervos a todos. Agora son incapaz de odiar, ¿de quen te vou protexer entón? ¿De ti mesmo? ¿Dos teus falsos ideais? ¿Da túa equivocada percepción do mundo no que vives? ¿Velo? ¿Cando queres espertar? Déixame dicirche que dentro de pouco a maioría de vós aborreceredes a vida e todo o que puidestes facer e non fixestes. Socialmente aceptable a túa conduta. Eu riome dela. ¿Porque non me apertas? Chora comigo, dime que che pasa, saca toda esa dor, toda esa rabia. Quizabes eu te entendo. Non necesitas finxir o que non es. Non necesitas nada máis que un oído atento ao teu lado para redimir os sufrimentos. Conta comigo agora. Nunca máis lle quererás mentir ao mundo porque a túa máscara queda no banco no que sentas. Que me cuestionen, que me xulguen, que me critiquen. Eu non amo a ninguén. Sobrevivo con retallos de cariño. Á fin e ó cabo, tamén son humana. As miñas mentiras son sempre verdades a medias. Non sabes ler entre liñas. Estou viva, ti dis que me equivoco, estou a dar un paso máis, o paso que ti non dás. Egoísta. Ti tamén o es pero dunha forma banal. O meu é máis finito. ¿É mellor dar ou querer dar? Ti queres dar, eu dou. ¿Nunca oíches iso de que non hai vencedor ata o final? Non temos capacidade para ser fieis toda a vida, non podemos sorrir sempre, non valemos para manter durante cincuenta anos un bonito tema de conversación, e moito menos te crerás capacitado para traer a este mundo un ser sen poder asegurarlle-la felicidade. Son consecuente. Penso en min, no meu benestar, na miña propia tranquilidade, se penso en ti e nos demais xamais obterei nada. ¿Pensaches algunha vez niso? En que se amas, pérdeste. En que se amas, sofres, deixas de ser ti. Ama por momentos, entrégate a cachos, mantén a consciencia. Non hai ninguén máis importante ca ti, ninguén máis belo, nin mellor, só o que existas implica que es marabilloso, especial. Estás aquí por algo. Hai unha función asignada para ti. Espera. E busca. ¿De verdade cres que é tan malo esperar e buscar á vez? ¡Si! Tola. Ti o dis. Pero choro e río, son máis mala que ninguén, pero ¿sabes? Máis boa que ti, porque me mostro, porque fago o que quero. E eu vivo a miña vida como quero porque non teño outra. ¿Cal é o teu ideal? ¿Que persegues ti? Non quedo ben con ninguén pero, ¿quen demos queda ben comigo? A xuventude está alienada, os nosos pais acostumados. Expectativas frustradas. Choque de egoísmos. Unha carreira, un traballo, unha casa, un coche, unha parella, uns fillos, ¿que toca agora? ¿a morte? O proceso comezará de novo. Dime. E ti sen facer nada. Sen crer en nada. Mentalidade bonita a nosa, a dos mozos. ¿Non tes un sono? Eu quero algo máis que isto que se me ofrece tan mundano e aborrecible. Os colegas falando de festa. O paso intermedio antes de caer e para tal fin nin sequera actuamos conscientemente. ¡Deus! ¿Que pasa na sociedade? Os tempos cambian, as mentalidades acúrtanse. Falta educación, falta ocio san. ¿Quen nos ha de educar na vida para a vida pola vida mesma? Vida como realidade, vida como obxectivo, vida como esencia. Quero ve-lo mundo. Coñecelo. Implicarme nel. Deixar a pegada dunha boa acción que reconforte a miña existencia ata o último expiro. E non che pido recoñecemento nin nada. Non o necesito. Non o quero. Cada día teño máis claro que non quero estar neste lugar. Loitar para andar un paso. Estráñome. ¿Por que é tan difícil? Quero cambialo. Quero cambiarte. Ensíname como podemos entendernos. "Cala, déixame tranquilo"- estás a pensar-. Agora imos de marcha. Unha escapatoria doada nos tempos que corren. Maquéate, beberás ata as trancas, caerá un tiro, bailarás música de aparvados, de alienados, liaraste insensiblemente con alguén que non che achega nada, moitas veces recordando vagamente un nome, ao día seguinte non valerás para nada, pero, ¿que máis dá? Foi unha noite total, a túa autoestima reborda inxenuidade. Maldita droga. Todo é droga. Todo é aditivo e pernicioso. Fuxir. Recorda a Jim, a Kurt, a Sid Vicious, a tantos outros, tan preto da verdade, e sen embargo, de que lles valeu... ¿Fuxir de que? ¿Dun mundo polo que non fas absolutamente nada? Sabes que é un círculo vicioso: a bebida, as compras compulsivas, o telelixo, a bisbalmanía e o reggaetón, o culto ao corpo, a moda, as marcas, etc. etc. ¿Por que tanto vicio? Nada disto serve para afoga-las penas de ninguén, só as ensina a nadar. Entón, ¿de que clase de fortaleza te estás a xactar? Afronta a vida agora, é a túa única e verdadeira saída, unha simple vía de escape. Non empeores isto, non mo poñas máis difícil. É por ti que choro en silencio. Es incapaz de atopa-la tranquilidade da alma. ¿Quen axuda a mellora-lo mundo? ¿Quen ensina a concienciar? ¿Quen cambia as cousas? É o momento, sentemos ao noso lado a dor. Os mozos podrecémonos no mellor da vida. ¿Por que non quitamos dunha vez este veo de necidade? E no mundo tantas cousas que facer mentres ti dormes a mona. Vagos. Noutro lugar o mozo sae e reivindica os seus dereitos. Aquí non se leva iso. ¿Para que? Non se leva pensar, nin reflexionar. Que o fagan outros. ¿Pero que estamos a facer? Eleva o teu ideal, abandoa tanta frialdade. Que non continúen os fantasmas do pasado. Mañá vas chorar. Eu mentres pírome daquí sen irme, paso de converterme no que non quero nin podo ser. Xa só te escoito remotamente. Pero estou ao teu lado. Seguirei estándoo. E se é que algún día acaso me entendes e me necesitas, dimo sen que nada nin ninguén fale por ti, sen pedirme un bico máis alá do momento, sen pensar nun novo encontro, sen expresar máis alá do que non vas cumprir.

Comigo pero sen min.

9/12/08

ANDA O DEMO SOLTO !!

Quen hai por aí que nunca escoitou unha lenda de medo? Si oh, as míticas que os avós nos contaban de cativos e facían por imposible que pillásemos o sono. Pois ben, por Soutipedre sempre soou algunha que outra, non sei se foron certas ou non pero fannos tremer.

Unha ben coñecida é a do “Xinete”. Contan que na casa da reina de Soutipedre, noite tras noite oían como a egua que tiñan e a cal gardaban na corte debaixo da casa corría dunha esquina a outra alertándoos e impedíndolles o sono, o asombroso era que á mañá aparecía con trenzas feitas no crin ( pelo) as cales non se desfacían. Fartos da situación e con gran acougo, un dos rapaces que vivía na casa asomouse por un oco que comunicaba a casa coa corte, o que viu deixouno perplexo, non esperaba ver aquilo. Non sabía como describilo, pero os que estaban con el percatáronse ó momento que se trataba do xinete, o temido xinete que polas noites facía das súas. Neste caso ía dacabalo da egua, ese xinete era o demo. Non eran quen de crerse o que viran así que conmocionados optaron por recorrer á relixión e puxeron unha imaxe da virxe María na entrada da corte, diredes e para que puxeron tal? pois o curioso e que dende aquel día o temido xinete non volveu asomar por alí.

Lendas hai moitas pero a das “Almas do purgatorio” tamén foi escoitada. Se ve que naquelas noites cando había que percorrer os camiños para ir dun lado a outro asomábanse ao lonxe pequenas luces, con rastro humano, como se fosen persoas portando velas, din os máis maiores que estas luces son as almas do purgatorio.. En Soutipedre no lugar de “O pereiro” déronse moitos testemuños de tales eventos. E non só no Pereiro tamén pola ribeira concretamente Val do Rodrigo, dicían que dous homes que nun día de vendima tiveran que quedar a esmagar as uvas tiveron un gran arrepío cando, un deles saíu fora da adega e viu como se distinguían dúas luces ó outro lado do río, no canto avisaba ó seu compañeiro esas luces xa cruzaran o río, aproximábanse a eles, o medo corríalles pola veas que se botaron a máis non correr cara a casa.

E non todas son lendas de demos ou pantasmas, seguramente escoitastes algunha lenda tendo de protagonista o lobo. Pois acórdome dunha: “Había unha vez un señor que fora comer á casa duns familiares que vivían no pobo lindeiro, xa de noite o señor decidiu voltar á súa casa, máis ben lle dicían “queda aquí hoxe e xa marchas mañá pola mañá” pero el decidiuse e emprendeu camiño. Contan que os lobos cando ven ós homes séguenos sen nós percatarnos, pero á vez vamos sentindo como o noso corpo empeza a tremer, e os pelos póñensenos de punta. Pois como dicía este señor, botouse ós camiños, e sen el decatarse os lobos seguíano, pero os estremecementos que sentía fixo que empezase a apresurar o paso ata chegar á entrada do pobo. Unha vez alí xirouse para atrás e viu como unha manada de lobos se distinguían ao lonxe.

Isto por hoxe, lembra “non todo o real e aparente, hai moito escondido só hai que observar ben”. Ata outra.

5/12/08

Galiza Nación Autodeterminación, arranca a campaña de Galiza Nova en Compostela.


Baixo este lema Galiza Nova pon en marcha unha campaña para denunciar que malia a que Galiza reúne todos os elementes para ser unha nación carecemos do recoñecemento formal así como da capacidade política para poder decidir sobre o noso futuro. A presentación pública desta campaña tivo lugar na praza da Quintana, onde se despregou unha bandeira xigante da patria acompañada dun mosaico coa palabra autodeterminación. Así mesmo Galiza Nova tamén quixo incidir con este acto en que as galegas e galegos o 6 de decembro non temos nada que celebrar, pois tal e como declarou a Secretaria Xeral “estes 30 anos de Constitución española para o único que serviron foi para agravar a nosa situación de dependencia política e económica” Iria Aboi tamén salientou que ” o nacionalismo galego, Galiza Nova e o BNG, defendemos un mundo no que todas as nacións nos poidamos relacionar en pé de igualdade e repecto mutuo. No Estado Español isto só se entende a través da transformación da estrutura institucional do Estado nun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e cun novo marco que recoñeza a Galiza como nación e o dereito a poder decidir por nós mesmos o noso futuro”.

Os vindeiros días a nosa organización poñerá mesas informativas e distribuirá diferente mateial nos centros de ensino, bibliotecas, universidades....

4/12/08

“O tren é noso, non dos poderosos”

O mércores 7 de maio na Alameda de Santiago celebrouse unha manifestación contra a retirada dos trens rexionais. Fomos moitos os que nos demos cita alí, sendo o lema
“O tren é noso, non dos poderosos” o mais soado.
Esta xorde xa que o Ministerio de Fomento ten prevista a retirada diste tren para cando chegue o AVE a Galiza. Principalmente isto afecta a gran parte da sociedade que vive no rural, traballadores e estudantes (cidadanía popular) que grazas ó Rexional podense desprazar ás cidades. Principalmente a retirada empeza perxudicando ás estacións de Portas, Catoira , Padrón etc. Pero nun futuro a retirada será inminente en toda as demáis paradas. Como dixo Adela Figueroa presidenta de ADEGA “o AVE está eliminando moitas paradas do tren popular, ADEGA argumenta que o custe de salvar estas estacións sería o mínimo, tendo en conta o investimento global do AVE”.
Por eso esixese un transporte público digno para todos e unha das alternativas é a do mantemento do Tren Rexional.
Falando con estudantes que depende exclusivamente do tren rexional moitos decianme: “eu vivo en Verín, xa dependo de ter que coller un bus ata Ourense que me sae a 5€ máis outros 6€ aproximadamente dende Ourense a Santiago e iso só na ida, outro tanto na volta… se nos quitan o rexional, ainda que agora afecte principalmente a veciños como os de Portas ou Padrón, que faremos?” outro argumentaba “vivo en Redondela e estudo en Santiago, se desaparece a parada, que teño que ir a Pontevedra en bus para coller o tren?” A preocupación pola retirada dos rexionais chega tamén ó peto xa que son bastante economicos, ainda que se tarde un chisco máis e as instalacións non sexan do máis moderno e moitas das veces teñamos que ir sentados no chan.
En moitas cabezas xurden preguntas como: que teremos que facer para chegar ás cidades cando so dependes dun tren? E o cal hoxe por hoxe cabe a dubida que dentro duns aniños sega pasando pola estación máis próxima e a cal por non se atopar nunha cidade deixará de existir?
E para rematar se estás de acordo, saca forza do peito e fai soar o lema.

3/12/08

Só cunha mocidade galega convencida do que é noso, seremos quen de defendelo.


O Canón do Sil, unha das paisaxes mais bonitas do noso país, un dos mellores lugares da nosa xeografía onde ollala fermosura da nosa terra, un destes lugares que non deixa indiferente a ninguén que o visita está en perigo.

Iberdrola, empresa que gasta millóns de euros en campañas publicitarias decindo que defende o medio ambiente, coa súa campaña de “lo hemos hecho bien”, quere furalo noso Canón do Sil. Esta empresa que exprime ó noso país sen apenas deixar ingresos quere montar unha nova central eléctrica no Canón do Sil que implicaría un grave desastre medioambiental na zona, xa que implicarán obras durante anos, xerando miles de toneladas de cascallos e sedimentos (uns 220.000 metros cúbicos) que irán a parar a un ecosistema protexido. De paso afectará á conservación de varias especies en perigo de extinción que habitan na zona como a aguia real.

Ante esta situación, sabendo que a ministra de Medio Ambiente do PSOE, Elena Espinosa é de Ourense, polo tanto coñece o Canón do Sil, suponse que esta persoa non será capaz de aceptar tal destrucción do noso país. Así é, o día 3 deXullo do 2008 na Cidade de Ourense, a ministra afirma textualmente que “NON asinará aproveitamento hidroeléctrico ningún no Sil”. Esto é un gran alivio para tódalas persoas que amamos A Nosa Terra.

Días despois, concretamente o 8 de Xullo do 2008 sae publicado no BOE a aprobación do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do Canón do Sil asinado pola desmemoriada ministra Elena Espinosa o 23 de Maio do 2008. A Ministra de Medio Ambiente mentiu descaradamente enganando a toda a poboación da provincia de Ourense coas súas palabras, vendendo os nosos espazos naturais a empresas que non xeneran beneficio necesario para o noso país.

Xa pasaron bastantes días e a ministra non se volveu a pronunciar sobre este tema. Agora ben, aceptada legalmente a destrucción do Canón do Sil, que podemos facer nos? Pois moi sinxelo, so hai dúas opcións:
-Organizarnos, denunciala destrución que aprobaron, facer o necesario para o derrogamento deste proxecto e loitar todo o posíbel para que esta barbaridade non se faga até a última consecuencia.
-Pasar de todo, total xa bastantes cousas desfixeron na Galiza, así que unha mais pouco se notará.

Cal é a túa opción?